Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Rodríguez Fraiz, o crego nacionalista

Foi autor dunha obra inxente, home lido e viaxado, defendía as súas conviccións en privado e en público

Antonio Rodríguez Fraiz e Augusto Fontam, conversando en 1991.

Hai unhas semanas, entrevisteime con Augusto Fontam García na súa casa de Lourizán. Fontam é un adaíl do galeguismo, un veterano activista político e cultural curtido en mil batallas e, xa que logo, unha persoa experiente e descrida. Malia os seus moitos anos na trincheira, segue mantendo incólume a súa fe no pobo galego, segundo nos deixou prescrito o irmán Daniel.

Augusto Fontam presidiu a asociación Amigos da Cultura de Pontevedra, unha institución con case cincuenta anos de historia e que, na actualidade, entre outras moitas actividades, organiza, canda o colectivo Capitán Gosende, o Roteiro da Pantalla, que este ano acadou a súa cuarta edición.

A asociación Amigos da Cultura, constituída en 1967, foi distinguida en 2013 co Premio AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), no apartado de "Institucións". Na mesma edición, tamén foi galardoada a nosa ilustre conveciña Manuela Cortizo Medal, no apartado "Mestres da memoria".

Augusto Fontam ingresou en Amigos da Cultura alá polo ano 1977. Á asociación cumpríalle unha renovación dos cadros directivos e dos obxectivos, reencamiñándoos cara ao enxalce da cultura popular e a reivindicación da esencia da Galiza, asumindo unha liña de actuación combativa e de denuncia.

Fontam aproveitou o coloquio para facer repaso pormenorizado de medio século de compromiso co país e, no seu relato, refolguexaba con luz propia outro egrexio cerdedense, o crego Antonio Rodríguez Fraiz.

Antonio Rodríguez Fraiz naceu na parroquia de Tomonde (Cerdedo) o 30 de novembro de 1912. Ordenado sacerdote en 1937, exerceu a súa vocación, entre outras, na pontevedresa de Campañó (período 1951-1995, ano do seu pasamento), circunstancia que lle valeu o apelativo de "o cura de Campañó". A faciana "politicamente correcta" que a oficialidade nos pretende vender do personaxe dista moito, segundo o testemuño de Augusto Fontam, da realidade.

A adhesión incondicional e a entusiasta colaboración dispensadas por Fraiz á asociación Amigos da Cultura, propiciou unha estreita relación co noso entrevistado que, con coñecemento de causa, nos achega, arestora, un perfil inédito (ou escamoteado) do cronista de Terra de Montes, cento dous anos despois do seu nacemento en Cerdedo.

A seguir, reproduzo as pasaxes máis salientábeis arredor do asunto que nos ocupa. Cédolle a palabra a Augusto Fontam.

"Un dos compromisos que adquirimos na asociación foi o de reivindicar unha serie de persoeiros do eido da nosa cultura, cuxa obra fora esquecida ou pouco valorada. Unha destas persoas, entre outras, foi Agostiño Portela Paz, aparellador da Deputación, debuxante, escritor e etnógrafo, represaliado en 1936 por republicano. Agostiño Portela Paz, pai do célebre arquitecto César Portela, era íntimo de Antonio Rodríguez Fraiz.

Agostiño Portela Paz e Antonio Rodríguez Fraiz, a lombos dunha Lambreta, percorreron Galiza, elaborando fichas de cruceiros, pontes, petróglifos..., seguindo o maxisterio de Castelao, Cuevillas e a órbita de Nós.

Agostiño Portela Paz, co gallo da súa proxectada homenaxe, entregoulle a Amigos da Cultura o inédito "O Trasno", a súa derradeira obra, que sairía do prelo, en 1992, co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Ao pouco, faleceu Portela Paz, non sen antes solicitar que o seu camarada Rodríguez Fraiz participase nos actos. En palabras de Portela Paz, "o cura de Campañó é unha persoa de confianza, de esquerdas, un cura nacionalista; é un dos nosos".

Finalmente, contactei con Rodríguez Fraiz. Eu son anticlerical, tiña as miñas reservas, pero, dende o primeiro momento, descubrín unha persoa aberta, progresista, de xorne comunista. Rodríguez Fraiz, no ano 79, berrou no púlpito de Campañó que se Xesucristo volvese á terra, votaría Bloque. Hogano, non creo que votase polo ladroízo.

Rodríguez Fraiz reclamaba para Galiza o seu estatus de nación. Fraiz era xa, naquela altura, membro do Pedrón de Ouro canda Avelino Pousa Antelo. Pousa Antelo e Rodríguez Fraiz encarnaban no Pedrón de Ouro a postura máis contestataria. Rodríguez Fraiz acudía a mítines da esquerda nacionalista, cando o nacionalismo, en Pontevedra, aínda estaba en cueiros.

Non sen dificultades, celebrouse a homenaxe póstuma a Agostiño Portela. A exposición pictórica ocupou todos os andares do edificio da Deputación. Na escolla e distribución da obra pictórica, na redacción das notas de prensa..., Fraiz participou en todo. No acto, co salón da Deputación cheo, interveu Rodríguez Fraiz. O cura e mais eu xuntarámonos uns días antes en Campañó para preparar as alocucións e acordamos que ambos os dous pediriamos a independencia para Galiza, e así foi.

A asociación Amigos da Cultura instituíra a finais dos setenta os premios "Moucho de Prata" e "Ponla de toxo". O "Moucho de Prata", o galardón positivo, déuselles, entre outros, a Moncho Reboiras (in memoriam) e ao gaiteiro Ricardo Portela; o negativo, entre outros, á Celulosa. O "Moucho de Prata" tamén se lle concedeu a Rodríguez Fraiz. O acto foi en Santa María. Acudiu todo o Pedrón de Ouro e a intelectualidade de Pontevedra; tamén, os seus fregueses de Campañó.

Cando se dirixiu aos asistentes, Rodríguez Fraiz reclamou a liberdade dos presos políticos: "Pido a liberdade para os nosos irmáns presos nas cadeas españolas". Fraiz non militou en partido político ningún, pero non comungaba co galeguismo reseso ou romántico; na década dos oitenta, Rodríguez Fraiz defendía as teses do nacionalismo. Rodríguez Fraiz, autor dunha obra inxente, home lido e viaxado, aplicaba no cotián, de xeito consciente e confeso, o que sentía e pensaba. Non só defendía as súas conviccións en privado, senón tamén en público. Fraiz identificouse coa cultura de base. Montou en Campañó a asociación cultural Campaniola que editaba unha publicación periódica. Non era dogmático, era detentor dunha ideoloxía natural. O sentimento manaba del. Cría no que dicía. Foi un idealista; un relixioso intelectual, controvertido a ollos da xerarquía. Rodríguez Fraiz non era un cura "comecocos". Era ameno, humilde; tiña un falar grave, calmoso, nunca impuña o seu criterio.

En Pontevedra, chovese ou ventase, se ti ías ás oito da mañá á Alameda, topabas cun tipo alto, pantalón branco, guayabera, zapatos de biqueira, chupa de coiro heavy metal, pucha e un cartafol baixo o brazo; paseando só de acá para alá, todos os días. Porén, descoidaba a súa estética relixiosa. Vestía un saiolo branco cheo de lamparóns. Até lle teño visto silvas enganchadas nel.

O seu despacho en Campañó non era tal, era unha gorida. No corredor da casa reitoral había un banco que tamén era arcón, moi antigo, adobiado con motivos celtas. As galiñas andaban ceibas pola casa adiante, cumpría canear as cagallas. O seu cubículo, mal iluminado, enfeitábase con cerámica, moi antiga, de Sargadelos e de Celta, debuxos de Portela Paz e outras pezas exóticas. Coma todos os estudosos, era un pouco fetichista. Os andeis, cambados polo peso, sostiñan unha chea de libros vedraños. Papeis e documentos por todas partes. Orde caótica. Encol da súa mesa, os lentes, libros de consulta, caneta, bolígrafos "Bic" e os seus escritos, nos que chamaba a atención unha letra coidada. Moblaxe parca. Selecta austeridade.

As nosas conversas vespertinas sempre se acompañaban con viño ou café. "Pola mañá adoramos a Deus, pola tarde adoramos a Baco; agora xa parecemos dous curas", dicía coa súa voz serea e amábel. Rodríguez Fraiz misaba en galego. Foi o primeiro cura que empregou a lingua galega na liturxia (en 1961, fronte á tumba de Castelao en Bos Aires). E misou en galego no Día da Patria a carón do sartego de Rosalía de Castro, en Bonaval.

Nunha ocasión, pregunteille: "Don Antonio, vostede por que estudou para cura?". Respondeume: "Mira, eu estudei pra cura porque eramos nove irmáns, pasabamos unha fame neghra e, daquela, os nosos pais mandáronnos ao seminario, porque alí tiñamos a formación e a mantenza aseghurada".

O cura de Campañó participou decote nos actos de Amigos da Cultura, tomando a palabra en repetidas ocasións e sempre belixerante. Converteuse para nós nunha persoa imprescindíbel. Gardo ouro en pano un exemplar asinado do seu libro "Castelao na alma dos escritores do seu tempo". A dedicatoria di así: "Para Augusto Fontam, pregándolle ao santo Castelao que alumee a túa vida e a loita polo soerguemento, en todos os eidos, da nazón galega (outono, 1991)"."

Moitas grazas polo teu esclarecedor testemuño, Fontam. Que pensaría o cura de Tomonde da caste política que hoxe lle anda a brindar homenaxes?

Compartir el artículo

stats