Despois da reunión que os membros do padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística mantiveron na noite do luns, os nomes de Luis Davila, Andrés Torres Queiruga e o da asociación estradense A Xesteira sumaranse o vindeiro 13 de novembro á nomina de premiados pola súa labor en prol da difusión e normalización da lingua galega.

Como vén sendo habitual, os premios serán entregados nun acto aberto a todo o público que se celebrará na data indicada ás 20.30 horas en no Teatro Principal da Estrada. Dende hai 24 anos estes galardóns, impulsados pola asociación cultural O Brado, distinguen o traballo en favor do idioma no ámbito da Estrada e comarca e no de Galicia enteira, ademais de premiar toda unha traxectoria vital marcada polo uso do galego.

Trala reunión do padroado -está formado por Xosé López Vilariño, Juan Manuel Constenla, Herinque Vázquez Pernas, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Olaia Barreiro e Xurxo Andión- resolveuse conder o premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes á asociación A Xesteira. Este colectivo creouse no ano 1995 na parroquia estradense de Couso, da man dun grupo de mozas e mozos para a difusión cultural e o coñecemento da historia e costumes do lugar onde viven. Explícase que, aínda que a data de constitución da asociación é o ano 1995, as actividades de dinamización social e cultural neste ámbito rural xa se viñan desenvolvendo tempo atrás. "A Xesteira busca que a veciñanza, de calquera idade e condición, propoña, faga e goce nas actividades comunitarias", indícase, engadindo que neste espazo comunitario contribúese a "normalizar o uso do galego en calquera ámbito e situación".

Xa en relación ao premio á normalización no ámbito galego, o Premio San Martiño deste ano recaerá no humorista gráfico Luis Davila, colaborador habitual de FARO DE VIGO. "Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso da Coruña, Luis Davila, é o responsable dun bo número de sorrisos diarios de moitos galegos a través das súas tiras de humor O Bichero", sinalan dende O Brado. "Pouca xente é capaz de representar de maneira cómica o particular humor que os galegos escondemos trala nosa retranca", engaden.

Finalmente, o premio á normalización durante toda unha vida será nesta ocasión para Andrés Torres Queiruga, teólogo e escritor galego. Á hora de explicar por que se lle concede o galardón, o padroado destes premios estradenses escolleu onte as verbas do propio escritor. "Na distancia e na diferencia descubrinme galego [fora enviado a estudar á Universidade de Comillas] e foi o momento da reacción. Un notaba o tremendo desprezo e a inxustiza con que se consideraba ó galego. Espontaneamente alí me afirmei como galego. Desde a distancia, Galicia aparece coma un corazón". (Víctor Pérez, Galegos e cristiáns, Vigo 1995). A comezos dos anos 70 regresa a Santiago como profesor do Centro Teolóxico Compostelán, residindo dende entón nesta cidade. Con posterioridade abandonou a docencia no centro eclesiástico para pasar á cátedra de Filosofía da Relixión na universidade compostelá.