Xosé Neira Vilas e Manoele de Felisa teñen moito en común. Os dous foron "nenos labregos" e o segundo vén de poñerlle música a textos do prolífico escritor de Gres (Vila de Cruces). O libro-cd, titulado Cantos de lembranza, foi presentado onte á noite no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Amais, o cantautor de Cuntis é un dos artistas invitados para actuar na Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces, o 15 de xuño.

-Como xurdiu este traballo dedicado ao autor de Memorias dun neno labrego?

-Foi iniciativa miña. Xa teño musicalizado a Martín Códax, a Roberto Blanco Torres, a María Mariño e a moitos outros poetas, tranquilamente a 25 ou 30 máis. Xurdiume a idea porque un día leveille a Neira Vilas As tres bolboretas e el deume un libro seu de poesía. Animeime a preparar un disco porque Neira Vilas era o único poeta que coñecía. É unha homenaxe en vida. El, dende o primeiro momento, implicouse no traballo, dende o título ata a organización do evento. Foron uns dous anos e medio de traballo, dende a primera pedra. Neira Vilas prologaba un libro ao que eu estaba convidado a poñer música. Foi o primeiro día que nos vimos. Logo coincidimos varias veces. Cando levaba un tempiño parado no cartafol de ideas, foi este inverno cando me animei a facelo.

-Son pezas inéditas?

-Todos os poemas que escollín son os máis íntimos e familiares do poeta. Hainos dedicados á súa nai, á sua avoa Maripepa, ao seu avó Santiago, a Anisia, a súa compañeira, a Gres, alguna reflexión filosófica sobre a vida, a morte? E hai un poema inédito, Balbino Soñador, que conta a historia dun neno de pan de millo e zocos que traballaba no campo. Hai outro que fixen dedicado a el utilizando os títulos e os protagonistas dos seus libros e os seus poemas a modo de collage para contar a historia de que Pepe é Balbino. Titúlase Cantos de lembranzas. A miña conclusión é que Balbino é Pepe. En total, son 14 poemas. O propio Neira interpreta un poema recitado, Desta terra, que é o poema co que empeza o libro. É unha décima que está estampada nun monolito nas Insuas de Gres.

-Non é a primeira vez que poñen música a pezas do autor cruceño. Que caracteriza a esta?

-O que me diferencia é a participación directa del, e que os poemas son moi íntimos. Neira Vilas estaba ilusionado e aportounos fotografías inéditas da súa familia e tamén animou a debuxantes como Xaquín Marín, Xosé Vizoso, Chema Pazos, Sabela Arias ou Marifé Quesada que ilustran algún dos poemas. Outros acompáñanse con fotos e como. É coma un álbum familiar convertido en música.

-Na edición participa Manuel Núñez, un editor de Silleda. Vostede ten bastante vinculación con Vila de Cruces e coa comarca dezá...

-Manuel Núñez e eu xa nos coñeciamos, precisamente, de ter colaborado en presentacións de libros. Coñecía o meu traballo e púxose en contacto comigo. En Cruces estiven varias veces, na Solaina, con Carmen Lareo, e na Fundación Neira Vilas. Tamén coñezo o mosteiro de Camanzo, onde actuei polo Día da Muller. E agora vou participar na Festa do Galo, o 15 de xuño.

-Acaba de citar dúas institucións que levan a bandeira do impulso da cultura no rural dezao. Cre que, en xeral, se está facendo o suficiente?

-A verdade é que en Vila de Cruces hai moita actividade, moito interese neste senso. O Concello está bastante disgregado, pero vese que hai actividade e inquedanza pola cultura.