A biblioteca do IES Aller Ulloa foi un dos espazos predilectos de Victoria Taboada durante a súa etapa como docente neste centro educativo de Lalín. Por iso, un ano despois do seu pasamento, o instituto empregou dita dependencia para facer entrega dos premios do I Concurso Literario que leva o nome da profesora dezá, e que distingue con lotes de libros as mellores creacións en poesía, pero tamén en relato curto e en microrrelato.

Ó acto acudiu o fillo de Taboada -alumno tamén do instituto- así como diversos familiares, os galardoados e incluso exalumnos da profesora homenaxeada. Durante a entrega dos galardóns, un grupo de estudantes que se forman tamén no conservatorio ou que tocan na Banda de Lalín interpretou pezas musicais. En poesía, o primero premio foi para Eva González Blanco, que presentou as súas creacións baixo o pseudónimo de Moraima e que onte, igual cós seus compañeiros, leu fragmentos dos seus poemas Fuximos libres, Sexamos cómplices e A Carlos Casares. Mariña Castro recibiu un accésit por O coello de Alicia que me guía.

Na categoría de relato curto, o primeiro premio recaeu en María Framiñán Davila, por Unha mente intranquila, mentres que Helena Pereiras (Pero antes, de quen era?) e Martín Villar Gil (O padriño de Xosé) reciben sendos accésits. Por último, Sonia Framiñán González é a gañadora no apartado de microrrelato, por tres obras: Dous saltóns; O cocho Manolito e Raro individuo de cidade. Ó certame tamén se presentaron alumnos do IES Pintor Colmeiro, animados pola súa profesora Gracia Santorum. Non hai que esquecer que este centro desenvolve de forma periódica encontros con escritores en lingua galega e que varias das súas aulas están bautizadas con nomes de autores.

Ante o tremendo éxito de participación neste primeiro certame literario, o Aller Ulloa xa anuncia que organizará vindeiras edicións que, sen lugar a dúbida, servirán para demostrar que o labor de Victoria Taboada a favor da lectura xa está dando os seus froitos.