A capela de Castrotión na parroquia de Oca foi fundada o 13 de xuño de 1574 polo mercader Bartolomé Reimóndez Figueroa. Aínda que era veciño de Santiago, estaba ligado a Oca e bisbarra, xa que dous anos antes xa fixera unha casa en Castrotión e en 1574 foi nomeado alcaide da fortaleza da Barreira. Outorgou testamento en 1597 no que di: "mis carnes pecadoras sean sepultadas en el coro de la ermita de Santa María de Castrotion que yo hize y sobre la qual pongan mi nombre". E así se fixo, pois a súa lápida foi atopada por Juan Andrés Fernández na escavación que fixo en 1982, identificada pola inscrición: "(A)qui jaz Vertolame Reimon(dez) fundador". A seu carón tamén había outra lápida, seguramente do seu fillo natural o escribán San Juan Touceda, alias Reimóndez, pois ao ano seguinte pediu ser enterrado "donde jaz Bartolome Reimondez mi padre siendo gastado y no lo estando junto a su sepultura".

A capela fora dotada con diversos bens, que foron vinculados -non podían dividirse nin vender nin hipotecar-, e que os patróns sucesores foron aumentando ata formar un morgado moi importante. Como quen herdaba todos eses bens era unicamente un fillo, normalmente o primoxénito, isto motivou moitos preitos entre irmáns, entre pais e fillos, e entre parentes que buscaban optar á herdanza. Así por exemplo dous tataranetos do fundador, Antonio e Bartolomé Reimóndez Figueroa, irmáns de parte de pai, disputaron pola herdanza vincular gañando Antonio, tras facer desaparecer a escritura notarial e a súa copia (da casa do escribán e da Real Audiencia) na que seu pai nomeaba a Antonio como patrón da fundación.

Enlazaron mediante matrimonio con diversas familias importantes da contorna, como a dos Leira Castro, do pazo de Vinseiro, cos da casa de Silva en Arnois, etc. pero logo no século XVIII por falta de descendencia lexítima o padroado pasou a Juan Antonio Neira Infanzón, fillo de Catalina de la Barrera Reimóndez e José Neira Infanzón, neto por liña paterna de Santiago Constantino Reimóndez Figueroa.

Posteriormente do apelido Neira pasouse a Rivas, ao casar en 1815 Clara Margarita Neira Otero con Carlos Rivas Ogando, veciño de Beariz. Carlos Rivas e a súa muller foron vivir á casa do seu sogro Juan Antonio Neira en Oca, para non ter que coidar de nenos expósitos, a pesar de que o matrimonio se levaba moi mal con dito Juan Antonio. Este acusou ao xenro de procurar "que yo le cediese la administración de todos mis efectos, de aqui que se originaron varias discordias en terminos tales que se dieron a la holgazanería sin querer trabajar y dexarse estar en la cama desde media noche hasta medio día y desde esta hora hasta la noche siguiente" mentres el e os criados se ocupan de traballar e de atender aos nenos, ata que un día Clara pretendeu afogar á súa nai e Carlos deulle de labazadas e arrastrou polos pelos ao sogro, cando este pretendeu axudar á súa muller.

E por último pasouse de Rivas a Araújo e a Gómez ou Pereira Gómez a principios do século XX.

Pero como no século XIX foron suprimidos os morgados e os foros, a fortuna da familia foi minguando, polo que algúns dos seus membros emigraron á América. E así a ermida de Castrotión que permanecía en pé aínda a comezos do século XX, non tardou en derrubarse e en disgregarse as súas pedras, e as pedras de armas foron recollidas para que non desaparecesen.

Esas pedras de armas ou escudos foron atribuídas a José Gayoso Reimóndez, nacido en 1673, fillo de Juan Gayoso, dono do pazo de Oca, que estaba casado e con tres fillos, e de Ángela Reimóndez, solteira, filla de Antonio e de Catalina de Silva (Arnois) e tataraneta do fundador da capela de Castrotión. Como Ángela morreu de parto, José medrou no pazo e chegou a ser tenente-xeneral de Artillería e cabaleiro de Calatrava en xaneiro de 1718 trala lexitimación do papa Pío XI.

Un dos escudos, tallado en pedra, cuartelado e rematado en punta presenta no primeiro cuartel, cinco estrelas; no segundo,, unha torre cunha bandeira saíndo dunha ventá; no terceiro, cinco lanzas; e no cuarto, un fouciño. O outro escudo, moi deteriorado, representa un dragón, "en sinal de ter limpado a aspereza do seu solar das feras que se comían e mataban a seus moradores".

*Luis Ferro Pego é garda civil e diplomado en Heráldica Militar e José Manuel Bértolo Ballesteros é catedrático xubilado de Grego e Francés. Ambos son membros da Asociación de Xenealoxía Heráldica e Nobiliaria de Galicia