Santiago de Taboada, parroquia xacobea

É a única igrexa do Camiño Mozárabe aberta para recollemento do peregrino dende Ourense ata Santiago

Igrexa parroquial de Santiago de Taboada, coa estatua dedicada ao peregrino diante.

Igrexa parroquial de Santiago de Taboada, coa estatua dedicada ao peregrino diante.

ALFREDO ABELEDO PENAS

O título deste artigo puidera ser slogan por dereito propio, pero é que, ademais, estes detalles e a súa paisaxe e patrimonio artístico ben merecen unha atención especial polos lectores, sempre interesados polo coñecemento e promoción do Camiño Mozárabe. Está situada, segundo nos indica unha placa do marco de granito, colocado preto da igrexa, a 44,327 quilómetros da Porta Santa. Ata o século XVIII pertenceu, o mesmo cá Xurisdición de Trasdeza (Silleda), á provincia de Santiago.

A súa historia xira ao redor da ponte medieval que comunicaba Deza con Trasdeza ou indo máis alá, Castela con Santiago, no camiño da maragatería. A primitiva era de táboas (Pons Tabulata), de aí o seu nome, e a segunda, de pedra, aínda segue erguida segundo reza unha inscrición gravada nunha rocha próxima que firma o ano da construción (912): "(la)vora)berunt (is)ta ponte era DCCCL (fu)it perfecta (p)ridie klds apls". Escenario da loita contra os franceses durante a guerra da independencia (1809), hoxe, o lugar invita ao descanso e disfrute dunhas das paraxes máis fermosas do río Deza ao seu paso polo Concello. Forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza e goza da protección da Rede Natura 2000, ao ser catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria.

Dende este enclave e nun percorrido de douscentos metros podemos aínda deixar as nosas pegadas nun dos poucos tramos da calzada milenaria existentes, que chega ata o lugar da Ponte, onde nos atoparemos con outra edificación non menos emblemática: A casa de turismo rural A Posta da Prata, que ocupa o que fora un establecemento, pousada, dedicado ao cambio das postas dos arrieiros.

Xa no lugar da igrexa o traxecto adquire unha especial dimensión espiritual que se reflicte no conxunto formado por un cruceiro, singular, integrado por un altar, un fuste ou vara romboidal acanalada sobre pedestal de cinco escalóns, un sarcófago antropoide e a esbelta igrexa, románica do s. XII, onde se venera ao seu patrón Santiago e do que as mostras se atopan no retablo do altar maior cunha recreación da Batalla de Clavijo.

Dende Ourense é a única igrexa que, dende a primavera ata o outono, permanece aberta para recollemento do peregrino, quen, asimesmo, poderá obter información e selado da credencial por parte do responsable e asistente-guía, Julio Lameiro. Conta a lenda que é tradición que o peregrino debe golpear coa cabeza a porta principal, por certo decorada con cunchas de vieira. No entorno, por se isto fora pouco, hai que destacar, dúas esculturas alusivas ao fenómeno xacobeo. Unha, talla de Santiago andante (1999), situada fronte á fachada da igrexa, obra de Jaime Berredo, e outra, colocada na área de descanso próxima, moi interesante, dedicada ao peregrino anónimo, feita polos alumnos da Escola Taller do Concello de Silleda, con deseño do pintor da localidade, Francisco Alén.

Na arquitectura civil destaca a Casa de Carballeda con capela-oratorio na honra do San Roque (peregrino por excelencia), propiedade dos Gil Taboada, de quen descende Cayetano Gil Taboada, que foi canónico de Lugo e arcebispo de Santiago.

Deixando atrás este rosario de símbolos e curiosidades xacobeas ou relacionadas coa capital galega, entramos nunha das carballeiras centenarias máis fermosas de todo o camiño mozárabe. É a Carballeira do Pazo de Trasfontao, chamada así por pertencer ao solar pacego dos Montenegro e Crespo, do s. XVIII, que conta con pombal, capela brasonada e curioso reloxo de sol con varias caras orientadas.

(Artigo publicado en maio de 2012 no Boletín Nº 10 da Asociación Cultural Amigos Vía Prata-Camiño Mozárabe, de Ourense)

Tracking Pixel Contents