No mes de outubro de 2012, tomei parte canda os veciños da Mámoa nunha edificante xornada de busca e sinalización do copioso patrimonio arqueolóxico desta aldea da parroquia de Castrelo (Forcarei), estremeira co concello de Cerdedo.

Como se deduce do topónimo, o casarío da Mámoa e a súa agra ocupan dende a súa fundación un privilexiado escenario que, hai cinco ou seis milenios, os montañeses da Idade de Pedra escolleran como cemiterio.

A Mámoa e a súa redonda posúen, xa que logo, a condición de chan sagrado. Apelando á nosa idiosincrasia, esta circunstancia debera ser abonda para disuadir calquera tentativa de profanación, alteración ou destrución dos elementos que lle outorgan dito carácter.

Alén do respecto debido aos defuntos (a morte é un estado irreversíbel e, por tanto, perdurábel), as mámoas (na actualidade, sete ou dez) do Campo das Antas que abeiran no seu interior cadanseu nicho megalítico (con certeza, xa vulnerados) son privativas dos habitantes da Mámoa e, asemade, integran o patrimonio monumental do pobo galego.

A necrópole neolítica do Campo das Antas atinxe, como o seu nome ben indica, unha decena de túmulos e mais a chaira montuosa na que se distribúen. O lugar agargala os tópicos da antiga sacralidade, por exemplo, establecer o deslinde territorial, situarse á beira dunha antiquísima vía de comunicación (hoxe, cuberta de asfalto) e ser atalaia preeminente des onde enxergar o mar (cara ao poñente albíscase, entre as montañas, a ría de Pontevedra). A maiores, naquel planalto gurgullan os acuíferos e, durante o inverno, a lomba oeste se converte nunha chagorza. A indispensábel presenza da auga, venerada polos nosos devanceiros como causa propiciadora da "translatio" ao Máis Alá, guieira de almas cara ao Alén. Os pedantes falarían de "axente psicopompo".

O Campo das Antas, así coma o marco natural escolleito para a súa disposición, conforman un dos trazos singularizadores desta aldeíña de Terra de Montes.

Aos naturais da Mámoa correspóndelles o deber de preservar o seu legado prehistórico e, asemade, o dereito de explotación racional deste recurso en beneficio propio.

Hai un ano, os veciños da Mámoa fixéronme partícipe das súas inquedanzas, motivadas polo proxecto de instalación dun parque eólico nos predios do depósito arqueolóxico e nas proximidades do poboado. Cada un dos aparellos que se pretende pór a funcionar no monte das Penizas acadaría os 120 m de altura de torre, os 62,5 m de lonxitude de pa e os 3.000 kw de potencia nominal. O complexo industrial asoballaría sen remedio o moimento do Campo das Antas. A molesta industria, cuxa morfoloxía disque é experimental, situaríase a escasos 300 m das vivendas (os aldeáns empregaríanse como coellos de Indias). Xaora, a preocupación estaba máis ca xustificada.

Como xa informei nestas mesmas páxinas (21-10-2012), "a empresa Estela Eólica S. L. (d. s.: A Coruña), promotora do denominado Parque Eólico das Penizas, pretende ocupar na zona uns 16 km2 de terreo (o máis, monte comunal), atinxindo os concellos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada. No concello de Forcarei, instalaríanse sete aeroxeradores e, no de Cerdedo, catro. Amais dos once xeradores eléctricos, o espazo veríase afectado polas pistas de acceso, a rede subterránea de interconexión e o edificio da subestación transformadora".

Polo que respecta aos intereses de Cerdedo, que eu saiba, a veciñanza implicada aínda non se ten pronunciado sobre o particular, malia resultar afectada, ademais dos seres vivos, a necrópole neolítica do Outeiro dos Corvos-Campo dos Cans (Figueiroa-Tomonde): oito mámoas en aliñamento circular. Quen cala, outorga.

Na miña opinión, o xacemento do Campo das Antas non se debe estudar de xeito illado, senón asociado ao do Outeiro do Corvo-Campo dos Cans, a uns 2 km cara ao sur. Velaquí, un vasto camposanto (unha vintena de túmulos conservados) que se estende pola cimbra do monte, por riba dos 700 m de altitude e ao longo duns 3 km. A este conxunto débenselle engadir, entremedias, as chamadas "eiras dos mouros", abertas naturais de forma circular, desposuídas de vexetación alta que, aderezadas con prolixo aparato lendario, ben puideran agochar aliñamentos líticos perimetrais.

Naquela xeira do 13 de outubro de 2012, fomos quen de inventariar e sinalar sete dos dez túmulos que compoñen o xacemento do Campo das Antas: "As sete (ou dez) mámoas alíñanse, de sur a norte e ao longo de 700 m, a ambos os dous lados da estrada que comunica a aldea da Mámoa (Forcarei) coa aldea de Cabanelas (A Estrada). A maioría dos túmulos localízanse á esquerda da dita estrada, orientados cara ao alto das dúas Baiucas".

Malia que os labores de exploración nos ocuparon toda a xornada, a falta de luz obrigou a interromper a actividade sen dar atopado un gravado rupestre cuxa existencia fora confirmada por numerosos veciños. Ao parecer, o petróglifo era perfectamente visíbel hai uns dez anos.

O gravado rupestre do Campo das Antas está labrado sobre unha laxa xistosa de cor agrisada. O motivo representado é, segundo a descrición facilitada, un conxunto de dezaoito ou dezanove cazoletas que arrodean outro elemento semellante; daquela, unha constelación de, aproximadamente, vinte cazoletas. Existen fotografías do gravado cuxa feitura se adscribiría á Idade de Bronce (uns 4.000 anos de antigüidade). Coma no caso do gravado rupestre da Laxe da Veiga da Pedra (Tomonde), os signos tallados na laxa cabe vencellalos cos mananciais existentes.

A inscultura situaríase na lomba de poñente do monte da Mámoa, á esquerda do vial que comunica co lugar de Cabanelas.

Transcorrido un ano (no que proseguiron os contactos), o señor Eusebio Rei, natural daquela aldea, púxose de novo en contacto comigo para retomar os labores de busca. Coa mesma, trasladeille a encomenda á tropa do Capitán Gosende e, sen dubidalo, respondeuse á petición de axuda, empregando as xornadas do 1, 15 e 22 de decembro na procura do petróglifo perdido.

Desgrazadamente, investidas unhas 15 horas de traballo de campo e cubertas, palmo a palmo, unhas 30 hectáreas de terreo, foinos imposíbel achar o escorredizo gravado rupestre. Os labores de roza, efectuados na zona cun tractor provisto de desbravadora de cadeas, provocaron, quizais, que o restrollo resultante acabase engrosando o solo, apradando e, con certeza, ocultando a laxa inscrita (prefiro desbotar calquera outra posibilidade). Non me estrañaría que mesmo tivésemos pasado por riba dela unhas cantas veces. Como dixo alguén: "Se fose un can, trabábanos!".

Continuará...