De entre as moitas curiosidades entesouradas nas huchas e navetas da casa do Gheiteiro de Abelaíndo (matriz da liñaxe dos Solla en Terra de Montes), traio hoxe ás páxinas de Faro de Vigo a nova do mecanoscrito Manojo de recetas útiles y curiosas que, con data de 1950, foi composto polo meu parente Remixio Solla Fernández.

O Manojo de recetas útiles y curiosas é, segundo se le na portada, "varias recetas prácticas y de curiosidad copiadas del libro Moderno consultor. Práctico para el hogar, el taller y el campo. A obra orixinal fora editada por Joaquín Gil Guiñón en 1931 (2ª edición: 1933). A editorial Ediciones y Publicaciones Iberia posuía establecementos nas cidades de Barcelona e Madrid e o dito volume, encadernado en tapa dura (21 x 14 cm e 870 páxinas), estaba "ilustrado con grabados en negro y numerosas láminas en colores". A través da web aínda é posíbel adquirir un orixinal en bo estado (cuberta de cor vermella carmín, letras e motivos dourados) en troco duns 40 euros.

Con certeza, Remixio Solla fíxose cun exemplar do Moderno consultor en Madrid, cidade á que emigrara novo, e advertindo o rendemento que se lle podía tirar na aldea, escolmou os artigos que coidou de interese, pasounos a máquina e o caderno resultante dedicoullo e remitiullo a seu pai Francisco Solla García. Co galano, Remixio non só procuraba achegar a ciencia á casa labrega, senón demostrar que a súa estadía en Madrid lle permitira aprender a teclear.

En época de escaseza, Remixio Solla empregou, nun exemplo de reciclaxe forzosa, o reverso de 114 recibos da luz expedidos pola Unión Eléctrica Madrileña (21'2 x 21'5 cm). Só nun deses recibos é posíbel ler a data completa de expedición: xuño de 1948. Os documentos están impresos nun papel de baixa gramaxe, semellante ao empregado na edición da prensa escrita, porén, malia a humidade e os insectos papirófagos, o seu estado de conservación é extraordinario.

Por alusións, a empresa Unión Eléctrica Madrileña foi creada no ano 1912. Xa en 1982, renomeada Unión Eléctrica, fusionaríase con Fuerzas Eléctricas del Noroeste SA (Fenosa), dando lugar a Unión Eléctrica Fenosa, despois Unión Fenosa (2002), integrada dende 2009 en Gas Natural.

Disposto o texto en 115 páxinas (a páxina 1 extraviouse), o transcritor dotou o conxunto dunha portada e dunha postrema folla de cortesía (sen numerar). Sobre elas engadiu dúas cubertas de papel un chisco máis groso. Finalmente, o conxunto foi arteiramente cosido con fío (o fío de atar nos chourizos).

Francisco Solla García (1884-1952) viña sendo meu tío avó, irmán de Xosé Solla García (1896?-1970), meu avó por liña paterna. Daquela, Remixio Solla (xa falecido) e mais eu atinximos o parentesco de primos segundos.

Posto que Francisco Solla foi casar a Fondós, onde aveciñou, é probábel que ou ben esqueceu o vademecum na casa familiar de Abelaíndo ou ben llo legou a seu irmán Xosé. Calquera das posibilidades me converteu en feliz herdeiro do cartafol.

Os Solla de Abelaíndo, avantaxados construtores, figuran no libro Canteiros e artistas de Terra de Montes (1982, páxs. 404-5) da autoría de Antonio Rodríguez Fraíz. A carón de Francisco Solla García, Fraíz tamén consigna os seus irmáns Indalecio e Xosé Solla García, o pai de meu pai.

Rodríguez Fraíz, ao respecto de Francisco Solla García, escribe: "Achámonos diante dun dos mestres máis egrexios deste século na Terra de Montes (chamado "Mans de ouro" polos veciños) debido a que todo o facía ben. Bo carpinteiro, bo escultor, bo canteiro e ata bo albanel.

Exerce a carpintaría nos anos da mocidade, logo como mestre de cantaría nos mellores obradoiros de Cataluña, Madrid e Oviedo, ultimamente dirixindo as obras de cantaría -infraestrutura, pontes e estacións- no camiño de ferro de Santiago á Coruña, sobre todo no tramo Santiago-Ordes, sendo obra súa a ponte da Sionlla.

Finalmente traballou no que el máis desexaba: a talla e imaxinaría. Arranxou todas as imaxes da capela de San Xosé de Fondós (Quireza), facendo un san Ramón e un Neno Xesús do que foi modelo a derradeira filla do artista Amada Solla Fernández.

Sen pretender emendar ao cura de Campañó, direi que así como a imaxe do san Ramón se conserva na capela de Fondós, a do Neno Xesús é patrimonio da capela do Socorro de Abelaíndo, tallada polo mestre Mans de Ouro en madeira de castiñeiro arredor dos anos vinte do pasado século.

Tornando ao Manojo de recetas útiles y curiosas, Remixio Solla escolleu para a súa versión 118 epígrafes da oferta orixinal, entre os que salientamos: "Cuidado y conservación de las herramientas agrícolas", "Espantajo contra los gorriones", "Elección de árboles frutales", "Para evitar que las frutas se agusanen", "Lechugas en cuarenta y ocho horas sin disponer de huerta", "Cultivo de las patatas en las bodegas y en cualquier estación del año", "Para evitar que las patatas germinen", "Un ungüento poco conocido para las heridas de los árboles", "Principios de la poda de árboles frutales", "Algunos barómetros económicos", "Para pronosticar el tiempo", "Para quitar a un barril el gusto a podrido", "Para blanquear la ropa sin jabón ni lejía", "Para aprovechar el caldo echado a perder", "Pan nutritivo y económico", "Para conservar los huevos", "Longevidad media de los animales", "Modo de detener un enjambre de abejas", "Para facilitar el engorde de los cerdos", "Para saber el peso de un cerdo sin pesarlo", "Curtido de las pieles", "Destrucción de las pulgas", "Para alejar de los árboles frutales a las hormigas", "Para conocer si el café en polvo está falsificado", "Alimento y bebida que hacen poner a las gallinas en invierno", "Repaso de las máquinas de coser", "Significado de varios términos medicinales y plantas apropiadas para cada caso", "Curación de la ronquera", "El ajo como medicamento", "Medio fácil e inofensivo de destruir los insectos que se han introducido en la oreja de una persona", "Para absorber el aceite de ricino sin notar su mal sabor", "Para favorecer el crecimiento de los niños"...

Por mor da miña condición de fumador, da prolixa restra de remedios, fixen punto na receita número 102: "Para perder el vicio de fumar". O manual prescribe o seguinte: "Para lograrlo, esas personas deben enjuagarse la boca luego de comer con una solución de un gramo de plata coloidal en 250 gramos de agua destilada. Como consecuencia de esa sencilla operación, experimentan una repugnancia tal por el tabaco que si tienen la constancia de continuar el tratamiento durante algunas semanas, renunciarán para siempre a su vicio".

Érache o que dicía aquela vella menciñeira: "O neno, se non morre, cura".