O pasado domingo, oito de setembro, o colectivo Capitán Gosende percorreu a xeografía de Pedre co obxectivo de vertebrar nun itinerario cultural os activos patrimoniais presentes nesta parroquia cerdedense.

Elaborada a rota de camiñada e aloxada no sitio "Wikiloc", o recurso ofreceralles aos nosos visitantes a posibilidade de descubrir os moitos tesouros que agocha este territorio, os máis deles descoñecidos ou condenados ao ostracismo.

Capitán Gosende proxecta, na medida das súas posibilidades, ir fornecendo a Web dun abano de roteiros cos que salientar e promocionar o acervo histórico-artístico do concello de Cerdedo, procurando, deste xeito, paliar o atávico baleiro informativo e satisfacer a demanda dos que seguen de perto o noso labor.

A longa paseata (14 quilómetros de dificultade media/baixa) permitiu, asemade, comprobar o estado de conservación dos elementos seleccionados, así como a viabilidade dos camiños de acceso. Cómpre lembrar que unha boa parte destes elementos, localizados en predios montesíos, foron descubertos, acondicionados e valorizados polo colectivo Capitán Gosende ao longo deste ano e medio de existencia.

Decidimos, para o denominado "Roteiro polo Pedre milenario", escoller como punto de partida a propia aldea de Pedre, onde o visitante se pode recrear contemplando o conxunto monumental formado pola igrexa parroquial (e camposanto anexo), o peto de ánimas e, a maiores, os eirados comunais (Eira Ghrande mais eira do Pallal), arredor dos cales se dispuxeron doce hórreos. Da ducia de canastros, unha construción estrutúrase en cinco claros, outra en tres e dez artéllanse en dous claros. Os seus balaústres talláronse ben en pedra ben en madeira.

O antropotopónimo "Pedre" remítenos a un antigo posesor ((villa) Petri "o eido de Pedro"). Este Pedro medieval ben puidera ser o célebre arquitecto Petrus Petri (Pedro, o fillo de Pedro) que, amais da ponte sobre o Lérez, lle legou á aldea o seu chamadeiro. Segundo Rodríguez Fraíz, Petrus Petri é o primeiro mestre canteiro do que se teñen novas en Terra de Montes.

A feitura do actual templo parroquial, baixo a advocación de Santo Estevo, remóntase aos séculos XVI ou XVII. Non obstante, no seu interior gárdanse dous fragmentos escultóricos tallados en mediorrelevo, representando a adoración dos Magos e a crucifixión. Senllas pezas deberon formar parte da arquitectura orixinal (friso do altar), datábel na Baixa Idade Media (sécs. XV ou XVI).

A maiores, a parroquial de Pedre conserva un policromado retablo barroco no altar maior (baixo bóveda artesoada de pedra), dúas pías de batear, unhas trece tallas (a Virxe das Neves, o san Bieito, a Candeloria, a santa Lucía, A Virxe do Carme, as Dores, o Sagrado Corazón, o santo Antonio, o san Gregorio, o santo Estevo (padroeiro), a santa Bárbara, o san Roque e un Cristo articulado). Na plataforma do coro, reina un curioso mecanismo de reloxaría que data do ano 1880.

O peto de ánimas, ao pé da estrada, é obra dun canteiro local, Manuel de Pedre, persoeiro do século XIX, alcumado o Zoqueiro de Pedre. A peza seica foi labrada no ano 1875. No fornelo, represéntase a Virxe do Carme intercedendo polas ánimas. Segundo Filgueira Valverde, para retratar as almiñas do Purgatorio, o noso pedreiro inspirouse nas facianas dos seus veciños.

Abandonamos o rueiro de Pedre e, encarreirados pola verea que baixa cara ao río (uns 800 m), chegamos á Pontapedre, unha maxestosa ponte medieval (tres arcos disimilares de perfil lixeiramente apuntado) que elude con probada solvencia as procelosas augas do Lérez.

En maio de 2013, o colectivo Capitán Gosende realizou no lugar labores de limpeza e acondicionamento, amais de fincar nas proximidades un panel informativo. Velaquí o texto:

"A Pontapedre é unha construción medieval que data, probabelmente, dos séculos XII ou XIII. Atribúeselle a súa edificación ao ponteiro Petrus Petri, egrexio canteiro quen o pobo considera proxenitor do mestre Mateo. A Pontapedre comunica as aldeas de Pedre e O Serrapio, salvando o curso do río Lérez que, corrente arriba, recibe a xenerosa achega do río de Quireza. No antigo ?como ben o constatou o Padre Sarmento (1745)?, os peregrinos empregaban este vieiro, de feitura romana, para dirixirse a Compostela.

A Pontapedre foi escenario do suicidio da moza Rosa Neto (Rosiña de Pedre) que, acurralada polos franceses (22-3-1809), preferiu entregar a súa vida ás procelosas augas antes ca ser deshonrada pola soldadesca. Así mesmo, na ponte de Pedre, aínda que desposuída da cruz, se celebra o ritual do enxembramento (bautismo prenatal) e os camiñantes padecen as aduanadas do demo burleiro que adoito se manifesta transformado nun solícito cabalo.

O conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte e muíño) viuse vulnerado no ano 1986 (ou 87). Ameazados os predios ribeiráns polo proxectado encoro de Dorna (Cotobade), o muíño de Sieiro (de catro moas) foi vendido e trasladado a Codeseda (A Estrada) en troco dunhas 300.000 pesetas".

Deixamos atrás a Pontapedre e avanzamos a contracorrente pola ourela dereita do río. As veigas polas que transitamos noméanse Insuas, posto que alí, onde o río Quireza amece no Lérez, o leito fluvial se eleva formando un illote, bifurcando a corrente. A uns 200 m da ponte e á nosa esquerda érguese o outeiriño nomeado Coto das Insuas.

Cómpre ascender pola lomba leste do Coto das Insuas para dar co seguinte dos nosos obxectivos: o Xacente do Coto das Insuas. É o Xacente un pétreo antropomorfo, é dicir, unha pedra de aparencia humana. Resultado do labor conxunto da natureza e do home, a laxa semella unha persoa deitada (un dormente ou un defunto). Dada a súa localización, orientada cara ao nacente, de face ao cruzamento dos ríos, a aba pedrosa presenta as trazas dun santuario rupestre prehistórico (quizais, da Idade do Bronce). Os tres signos cruciformes riscados na ruda figura pódense datar en época medieval.

O Xacente do Coto das Insuas foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende en febreiro de 2012. A propia asociación encargouse de axeitar o lugar e, a maiores, engadiu o necesario panel informativo.

Continuará...