Descoñezo se Cerdedo manterá o seu status de concello na vindeira década. A pouco que a recesión se delongue, a institución cesará, cando menos, na súa atávica condición de chope dunha minoría. Como saben, en previsión de futuros desafiuzamentos, veño estibando o noso tesouriño na acolledora arca da Voyager.

Desexo afervoadamente que non se cumpran os agoiros. Así e todo, por moito que se lle rece ao santo Antonio, aquel que non merca un décimo, xamais será agrazado co premio da lotaría.

Levo a Cerdedo inoculado no sangue. Non me pesa ter doado o meu corpo á súa ciencia. Asumín dignamente o humilde labor de coello de Indias, porque estou certo que a miña enfermidade inmunizará as conciencias dos cerdedenses do mañá. Xacando fixen miñas as reflexións de Gandhi, "Alma Grande": "A nosa recompensa áchase no esforzo, non no resultado; todo o que eu poida facer será insignificante, pero é moi importante que se faga".

Confiado en que han chegar tempos mellores, finco os alicerces dun Cerdedo do futuro, zafreando as vetustas glorias do pasado.

O falar non ten cancelas e, aínda que as tiver, non hai San Xoán ao que se lle resistan porlóns e couzoeiras.

Aínda lonxe se albiscan as cacharelas do padroeiro local, non obstante, por ir abrindo boca, déuseme hoxe por furtar e extraviar a vella simboloxía de Cerdedo.

Abro fogo centrando no punto de mira o topónimo e a súa etimoloxía, un dos dogmas de fe asumido sen discutimento.

A por de repetilo como mantra, acredítase que o xeonomástico "Cerdedo" é un fitotopónimo abundancial de "cerdeira" ("Prunus avium"), a árbore das cereixas. Cerdedo, daquela, viría significar "lugar poboado de cerdeiras".

Tal convicción, profusamente espallada, levou, non hai moito, á remuda da fonte da estrada, elemento arquitectónico inmortalizado nunhas das coplas máis significativas daquela aldea: "Cerdediño, Cerdediño, Cerdediño prós amores; a fonte ao pé da estrada e san Xoán no medio das torres".

Encol do cano da fonte, labrouse unha árbore inspirada no presunto significado do chamadeiro, engadíndoselle, en atrapallado latín, un pomposo lema acreditativo: "Est mihi nomen Cerisetum", coa pretensión de expresar "O meu nome é Cerdedo", é dicir, o Cerdedo das cerdeiras. Coroouse o conxunto cun pétreo brasón timbrado co año sanxoanesco.

Ben, á espera da antiga documentación que nos faga rectificar, todo apunta a que non foron as cereixas -nin maroubiñas, nin mulariñas- as que lle deron nome ao territorio, senón a mesta louzanía dos carballos ("Quercus robur"), a árbore das landras, dos bugallos e dos carrabouxos. Malia a zuna e perrencha da autoridade, os carballos seguen verdeando en Cerdedo cada primavera.

A palabra "carballo" provén de carba, unha voz prerromana á que se lle engadiu o sufixo *-aliu e cuxo significado se vencella á rebeza vexetación que agroma e medra entre o pedrullo. Flora resistente, coma o pobo conscienciado que arrostra día a día a arroiada desgaleguizadora orquestrada polos "imbéciles e escuros".

Da evolución latinizada *carbaliu, obtívose "carballo", e do plural en -ale, acadouse, por exemplo, Carballás, portela do Seixo.

A forma Cerdedo non provén da base carba, senón do latín quercus que posuía na lingua do Lazio o significado de "aciñeira".

De quercus formouse o colectivo *cercetu e, após, *cercedo que por asimilación regresiva acabou dando "Cerdedo". Así o sospeita Gonzalo Navaza, polo que non estamos falando a fume de pallas.

Aínda hoxe, non son poucas as veces nas que, en querendo citarnos, trabucan Cerdedo por Cercedo.

Esta hipótese gañou posibilidades cando, durante a recolla dos materiais para a edición do cantigueiro de Cerdedo -froito da lúcida memoria de Manuela Cortizo Medal-, a ilustre cantareira nos fixo sabedores da seguinte copla: "Nós sómosche da montaña, da terra das carballeiras, vós sodes das Rías Baixas, desas terras mariñeiras". Na cantiga, Cerdedo ocúltase baixo a denominación "terra das carballeiras" o que é abondo elucidativo.

A nova proposta etimolóxica dota o topónimo e, asemade, o lugar dunha meirande carga simbólica, pois, de todos é coñecido a veneración que os nosos celtas antepasados lles rendían aos carballos e ás carballeiras.

Dotados de bríos anovados, instamos a quen incumba a presenza no escudo do concello da árbore sagrada dos galegos, en substitución da ovella escarranchada encol do bíblico "Libro dos sete selos".

En virtude do Decreto 30/1994, do 4 de febreiro, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta da Galiza propuxo e o presidente dispuxo "aprobar o escudo heráldico do concello de Cerdedo, que quedará organizado do seguinte xeito: de azur, o "Agnus Dei" de prata sobre o Libro dos sete selos. O escudo vai timbrado coa coroa real española (...) para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico".

Non cabe dúbida que este emblema apocalíptico, que data de 1842, vén que nin pintado para ilustrar, xa non "os feitos máis relevantes e peculiares do noso pasado histórico", senón a actual decadencia na que están sumidos o municipio, o Estado e a monarquía.

Mesmo así, desbotemos o cordeiro manseliño e finquemos no noso escudo un groso carballón, alegoría de afouteza e esperanza que infunda en nós a certeza do rexurdimento. Lonxe de pretender arramplar con todo, arredor da árbore poderase ler: "Cercetu mihi nomen est", "O meu nome é Cerdedo", o vizoso Cerdedo das carballeiras. Polo que respecta á bandeira "blaugrana" (Decreto 270/2001), nada que discutir: "Tot el camp és un clam...".

Posto que os escudos e as bandeiras de mérito fan acompañar o seu flamexo coas estrofas dun himno ben rimado, para esta nova andaina eu propoño instituír como himno oficial do noso concello a "Foliada de Cerdedo". Esta fermosa composición, saída do enxeño dun anónimo fistor, foi recollida por Adolfo Anta Seoane en 1932, director do coro coruñés Cantigas da Terra, que lla escoitara a Saturnino Cuíñas Lois, antigo crego de Cotobade -e mais gaiteiro-, trasladado no ano 31 a Cesullas (Cabana de Bergantiños). Cantigas da Terra estreou a foliada o 18 de maio de 1933.

Se a autoridade non considerar acaída a suxestión, non demorarei en trasladarlles a proposta aos integrantes do colectivo Capitán Gosende, co aquel de amenizar os nosos xuntoiros.

Cómpre non confundir a "Foliada de Cerdedo" coa "Foliada de Barro de Arén", tamén coñecida por "Foliada de Terra de Montes" (gravada en disco polo Gaiteiro de Soutelo no ano 1928 e polos Treixadura, en 1999), nin co "Romance de Cerdedo" ou "Romance da Lavandeira" (omnipresente no repertorio da coral ourensá De Ruada dende 1954-56 e versionada, entre outros, por Fuxan os Ventos).

En tempos da II República, o xornal "La Vanguardia" (31 de maio de 1934) informa os seus lectores da solemne recepción que o Concello de Barcelona lle brindara na véspera á agrupación corística galega Cantigas da Terra.

Os integrantes do dito conxunto folclórico, que a piques está de facer os cen anos, tomarían parte nunha ofrenda floral perante a tumba de Francesc Macià, o primeiro presidente da Generalitat, previa á súa actuación no Palau de Projeccions.

En Montjuïc, Cantigas da Terra encetará o seu programa interpretando a "Foliada de Cerdedo". A pouco que reparemos no contido dos versos, decatarémonos da súa rechamante vixencia e oportunidade: "Heiche de contar un conto, un conto de mil mentiras; heiche de contar un conto, un conto todos os días".

Desculpen este arrebato saudoso, mais, coñecendo o que fomos, resúltame inconcibíbel como, apenas nun pestanexo, permitísemos que a nosa excelsa embaixada cultural fose substituída pola penosa representación dos que compadrean con narcotraficantes.