O meu interese pola profilaxe máxica devén do labor de recolla que, dos mitos e lendas da freguesía de San Xoán de Cerdedo, realicei a comezos da década de 2000. Esta boanada de gran ensilouse na primeira edición do libro "Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo" (2005). Xa naquelas páxinas, fixen por adiantar unha posíbel categorización dos obxectos de poder que, a cada pouco, coma pebidas de ouro, xurdían nas entrevistas cos meus informantes.

Os elementos propiciatorios, de protección e de curación (recursos apotropaicos) pódense clasificar, a grandes trazos, en amuletos e talismáns. En atención á súa procedencia, os amuletos poden subclasificarse, así mesmo, en amuletos de orixe animal, de orixe vexetal e de orixe mineral. Neste último grupo cómpre salientar os que eu bateei co nome de pedras da fartura.

Dende a perspectiva funcional, os amuletos permiten ser subclasificados en amuletos valedores e amuletos sandadores. Os talismáns tamén se axustan a este ordenamento. O devandito criterio sistematizador téñoo por rendíbel e, dende a súa aparición no "Almanaque", vénse utilizando nos meus obradoiros, charlas e escritos sobre mitoloxía popular. Mágoa que aqueloutros gustantes non teñan a cortesía de citar as fontes onde foron beber.

O amuleto é o obxecto de poder que, por mor das súas calidades, foi escolleito polo ser humano do medio natural, atribuíndolle a propiedade de preservar o seu posuidor da enfermidade ou da malandanza. Os amuletos preceden no tempo os talismáns. As pedras da fartura son amuletos de natureza pétrea aos que o ser humano lles atribuíu a propiedade de escorrentar a escaseza e garantir a fertilidade e a abastanza.

O talismán é o obxecto de poder que, consonte a sabenza tradicional, foi confeccionado polo ser humano mediante o emprego de materiais e rituais diversos, atribuíndolle a virtude de propiciar a fortuna, a saúde e a prosperidade do seu detentor. Os talismáns suceden no tempo os amuletos.

A palabra "amuleto", de orixe latina, é denominación xenérica de uso estendido. O rexistro máis antigo coñecido deste vocábulo figura na "Naturalis Historiae" de Plinio o Vello (c. 77 d. C.). Nos dicionarios, a voz "amuleto" consígnase como sinónimo de "talismán" (do persa "tilismat", plural de "tilism", a través do árabe e do francés) ou "fetiche" (do francés "fétiche"). A lingua galega engade as expresións: "abelorio", "adobío" ou "cousa boa".

Os amuletos acompañan o ser humano dende a máis remota antigüidade, pois, como ben anotou Yves Gaël, "o home foi sempre consciente da súa cativeza fronte á magnitude do Universo que o arrodea, o avantaxa e o anula (...) O home, consciente da fraxilidade da súa existencia, sempre asombrada polos elementos e a natureza, experimentou sen cesar a necesidade dunha protección".

Alá polo mes de Nadal de 2011, recibín a chamada de Vitoria Vázquez, directora do Museo Etnográfico Liste (Vigo). Atentamente, o museo ofrecíame a posibilidade de comisariar unha exposición de amuletos e talismáns galegos, compoñentes indispensábeis das nosas ancestrais estratexias de autoprotección. A oportunísima encarga permitiríame exhibir a miña colección particular de obxectos de poder que, no correr do tempo, fora acumulando (herdos, achados, doazóns...) en terra de Cerdedo.

Por desgraza, iniciado o traballo de selección e documentación, chegoume a mala nova do peche do Museo Liste, vítima colateral da malfadada crise financeira. Como ben sabemos, en época de escaseza, a vaca da cultura é a que adoita ficar primeiro sen a súa ración de penso.

Con todo e con iso, a aguda recesión económica non era xustificación abonda para clausurar unha institución do prestixio e a traxectoria do Museo Etnográfico Liste cuxa oferta (máis de 2.000 pezas expostas), declarada de interese cultural, levaba beneficiando a cidade olívica dende finais do ano 1999.

Chovía sobre mollado, pois, a comezos de 2011, a Deputación de Ourense xa propiciara o peche do Museo de Olimpio Liste en Oseira, ao negar a achega económica precisa para dotar de guía a magnífica colección etnográfica (máis de 11.000 pezas catalogadas) que, dende o ano 1972 e canda o mosteiro cisterciense, viñan constituíndo os máis notábeis atractivos turísticos do concello de Cea e mais da provincia ourensá.

Volvendo á encomenda da querida amiga Vitoria, o apaixoante reto anovou en min o compromiso de rematar un libro versado sobre os obxectos de poder recompilados en Cerdedo e que moito me demandan os que, xentilmente, seguen o meu traballo.

Afortunadamente, imperou a cordura e, un ano despois e tras arduas negociacións co Concello de Vigo, o Museo Etnográfico Liste abría de novo as portas, para ledicia dos milleiros de persoas que xa percorremos con aglaio as súas salas (10.000 visitantes anuais) e, así mesmo, para os que aínda teñen esta conta pendente. Afortunados os colexios. A directora do museo non demoraría pórse de novo en contacto comigo para lembrarme o compromiso contraído: "Como diciamos onte...".

Tamén sen dilación, pois o terreo estaba abondo achandado, a enchente de amuletos, talismáns e pedras da fartura alagou a sala de exposicións temporais: a pedra da pezoña de Barro, a pedra bezoar da Revolta, os riscos de Salomón do muíño das Raposeiras (Meilide), o ollo de Boucigha da Cavadosa, o dente da santa Pelonia de Quireza, a lingua de san Bernabé, os endeghos da casa reitoral de San Martiño...; herbas, cornos, cairos, ósos, figas, detentes, estoxos, redomas, reliquias... fóronse dispoñendo ben aqueladiños nos seus postorios, até xuntar un cento de pezas.

Os amigos do Museo Massó de Bueu cedéronnos seis fermosas vitrinas coas que se conseguiu dotar os obxectos dunha aura entesourada. Tras dúas semanas de preparación, o día 15 de decembro, sábado, deuse por inaugurada, con éxito de asistencia, a exposición que, baixo o título "De rezos a conxuros", permanecerá no edificio da rúa da Pastora até o verán de 2013.

Escuso dicir que, a nivel persoal, a invitación do Museo Liste supuxo un gratificante recoñecemento ao pioneiro traballo de investigación e divulgación desenvolvido ao longo deste anos. Para Cerdedo, gozar en exclusiva dunha das salas desta benemérita institución é un privilexio inusitado. Agardo que o escintilar do máxico cadal cerdedense atraia innumeras almas curiosas (tamén, de Cerdedo) e que a súa contemplación lles depare saúde, sorte e prosperidade. A entrada é de balde. Ninguén dá máis por menos.

Durante o trienio 2006-2008, motu proprio, percorrín Galiza coa miña habenza de abelorios baixo o brazo, en resposta ao chamado de moitas asociacións culturais (unhas corenta intervencións). A maiores, en 2007, a Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra pediume que trasladase a ilustrativa colección ás distintas Casas do Pobo das parroquias do municipio. En 2008, respondín, neste senso, ás solicitudes da Consellaría de Cultura da Xunta. En marzo de 2012, o Concello de Pontevedra convidoume, novamente, a participar no XIII (12+1) Salón do Libro Infantil e Xuvenil que, arredor das supersticións, se converteu no marco perfecto para disertar sobre este aspecto, apenas coñecido, da nosa idiosincrasia.

En conclusión, coa escusa dos amuletos, espallei o nome de Cerdedo e as súas tradicións por todo o país, ben orgulloso de pregoar aos catro ventos o que outros pretenden silenciar. Da gozosa e esclarecedora experiencia aprendín as seguintes leccións: "a xente nin cre nin deixa de crer"; "levámolos connosco porque non piden pan" e "ao demo tamén lle hai que pór unha candea". De nós depende que este chouso do noso patrimonio identitario non se esbarroe co embate do prolífico Maneki-neko.