Lembro cando, alá polo ano 2004, enfrascado no meu labor de recolleita do aparato lendario do monte do Seixo, entrevisteime na aldea de Ratel (Forcarei-Beariz) co tristemente desaparecido Manuel Vidal, sabio da tribo.

Faloume o señor Manuel, por vez primeira, das chamadas "pedras guiadas" que, en perfecto aliñamento rectilíneo, partían da bacía da Lagoa Grande, en Xestido, sumíndose ao pé da peneda do Outeiro do Castro (ou Castro Grande).

Debullando paseniño os seus ancestrais coñecementos, entre grolo e grolo de café de pota, Manuel Vidal tamén me relatou que a tal ringleira de pedras non era senón o afloramento das bóvedas dun pasadeiro soterrado que "dende o tempo dos mouros" puña en comunicación a conca de Xestido co pozo Sangoento, piago localizado no fondal do río do Seixo, a uns 2,5 km de distancia na dirección levante-poñente.

O dito corredor subterráneo unía a Lagoa Grande co pozo Sangoento, pasando por debaixo do Outeiro do Castro. A precisión coa que Manuel Vidal describía o trazado do pasadoiro motivoume a facer unha pequena comprobación. Sen dúbida, é un dato ben rechamante, posto que, como ben se dilucida nun topográfico, é posíbel unir cunha liña recta a herbeira de Xestido e o pozo Sangoento facendo pasar a raia polo medio do Castro Grande.

Contoume Manuel Vidal -confirmado após por outros informantes- que baixo o tremedal da Lagoa Grande, o deus cristián sumira había 2.000 anos a cidade de Trentinán (ou Tristelán) en castigo pola morte de Mariña.

Mariña, moza aldeá nada na desaparecida cidade, seica lle encheu o ollo a Olivio (ou Olivares), xeneral romano ao mando da lexión establecida en Trentinán.

Olivio (ou Olivares) bebía os ventos por Mariña, mais a moza teimaba en preservar a súa castidade. O xeneral romano, arelando domear a súa vontade, someteuna a cru tormento, mais, vencido pola rectitude da muller, acabou ordenando, desesperado, que lle cortasen a cabeza.

A cabeza de Mariña, desprendida do corpo, deu tres pinchos na terra e, alí onde foi bater, manaron tres fontes que encheron tres lagas: a Lagoa Grande, a Lagoa Media e a Lagoa Pequena. Castigo divino, a auga da Lagoa Grande anegou a vila de Trentinán, perecendo todos os seus habitantes.

Volvendo ao asunto das pedras guiadas, contoume, entre outros, Manuel Vidal que unha outra mítica criatura, a besta branca, o cabalo alicorno, empregaba a soterrada galería para conducir as greas do Seixo cara ao relanzo do pozo Sangoento. Alí, o albo unicornio abeberaba o primeiro: abaixaba a cabeza, somerxía o corno nas escuras augas, purificábaas de todo mal e, a seguir, deixaba que o máis da manda saciara a súa sede.

Se o monte do Seixo formar parte das Montañas Rochosas, os videoclubs estarían ateigados de Mariñas e alicornos versionados pola factoría Disney.

Apremado pola curiosidade, poucos días despois, subín de novo ao monte do Seixo na procura do extraordinario aliñamento. Naquela oportunidade, non gocei da compaña de Manuel Vidal pois, como moitos dos meus informantes, a conversión da montaña nunha instalación industrial aborrecérao.

Apenas demorei uns minutos en acadar a pista que discorre paralela ao Castro Grande. Seguindo o consello do patrucio, coloqueime de face ao maxestoso rochedo, agucei a vista e, albízaras!, diante miña avanzaba o rengue granítico que, como ben se me relatara, ía morrer á beira do coto pedroso.

As pedras guiadas do Castro Grande son un aliñamento lítico duns 500 metros de lonxitude. O seu trazado é perfectamente visíbel dende o ar. Boa mostra disto ofrécennolo as ortofotografías servidas polo SIXPAC e polo IET.

Na actualidade, o material pétreo do aliñamento atópase derrubado e semisoterrado. Chama a atención que, alí por onde avanza, non medra o mato, avultando, así mesmo, o terreo. A lombiña acada nalgún punto a altura do metro. Non é raro, daquela, que o pobo identificase a dita concavidade co teito abovedado da galería.

Ao longo do medio quilómetro de trazado, podemos contar un cento de chantos (tamaños e formas diversos) incrustados naquel comareiro que acada os 5 metros de largo.

A pista do parque eólico aberta nas proximidades do Castro Grande desfixo uns 20 m do xacigo, mesmo unha das pedrafitas (duns 3 metros de alto e 1 metro de ancho), exhumada pola maquinaria, se atopa tirada ao pé do ribazo.

Cara ao leste, o aliñamento lítico acada o muro do pasteiro de Xestido, valo de cachote construído alá pola década dos cincuenta do século pasado para acoutar o herbal. O aliñamento súmese novamente -e nisto radica a súa relevancia- no punto exacto onde se ergue a mámoa de Xestido. Probabelmente, parte do material do aliñamento, así como a tampa e os ortostatos da medoña foron reutilizados na construción do valo do pasteiro.

Dende a mámoa de Xestido, cara ao poñente, albíscase a ría de Pontevedra, sobranceando o illote de Tambo. Tamén cara ao poñente, o aliñamento lítico discorre case paralelo ao fío de arame que fixa a fronteira entre concellos (Cerdedo-Forcarei) e parroquias. A mámoa de Xestido, o aliñamento lítico e metade do Castro Grande localízanse no territorio de Forcarei.

O excepcional achádego vincularía o túmulo de Xestido co roqueiro do Castro Grande, probabelmente, a través dun longo corredor que, en orixe, debeu avanzar enlousado e acoutado con dúas fileiras paralelas de esteos, describindo unha traxectoria en pendente. Co paso do tempo, os chantos puideron derrubarse por riba do corredor, colmatándose, segundo a fasquía actual. No tocante á súa datación, atrevémonos a dicir que o conxunto é un inmobiliario megalítico (máis ou menos 5.000 anos de antigüidade), reutilizado con fins demarcatorios. Velaí teñen a liña fronteiriza más antiga de Terra de Montes.