As primeiras manifestacións desta violencia que aparecen nos anos oitenta do século XIX son os motíns contra os consumos –imposto indirecto que gravaba os bens de primeira necesidade, de comer, beber y arder–. En 1870, na parroquia de Vilatuxe tivo lugar un motín contra a capitación e, en marzo do ano seguinte, houbo outro en Lalín contra o cobro do imposto persoal, nos dous interviu a Garda civil disparando sobre os amotinados. En 1882, esta vez en Rodeiro, volveu xurdir a protesta contra os consumos en forma de motín que rodeou o concello e obrigou a alcalde e concelleiros a fuxir perseguidos polos paisanos. Dous anos despois volveron producirse estas desordes cando os veciños de Az recibiron con disparos e pedradas os recadadores do imposto de cédulas persoais.

En ocasións, a violencia política era a única canle de expresión fronte a unha administración local controlada polo caciquismo. Así, vemos aparecer os primeiros atentados políticos na nosa comarca nunha serie de sucesos acontecidos arredor de 1880: na noite do 1 de xuño de 1880 lanzan unha bomba de dinamita contra a casa do alcalde de Lalín, Antonio Taboada Iglesias, que destrúe a maior parte do edifico, aínda que o alcalde e a súa familia resultaron ilesos; o 9 de outubro do ano seguinte asasinan en Rodeiro o secretario do Concello Ángel Fernández Valladares Bagarelos, que xa sufrira un atentado en setembro do ano anterior. Parece que os dous feitos están relacionados, pois Antonio Taboada e Ángel Fernandez eran correlixionarios militantes do Partido Conservador e xa foran denunciados en diversas ocasións ante o Gobernador civil polos abusos que cometían na administración. Estes atentados conseguen alonxar o alcalde Taboada de Lalín, pois en 1883 trasládase a Pontevedra logo de obter o nomeamento de deputado provincial.

Xa no século XX veremos de novo actuar a dinamita no atentado ao dono da Casa de Quintela, Jorge Quiroga, en abril de 1906, a quen lle lanzan dúas bombas cando ía á cabalo en dirección a Lalín.

Tamén o incipiente movemento obreiro utiliza a violencia como forma de expresión das súas reivindicacións, algo que podemos ver no atentado que o propietario das minas de estaño de Fontao, Enrique Burbury, sufre en xullo de 1907, cando lanzaron unha bomba contra a casa que habitaba en Silleda, aínda que non resulta ferido. Non era o primeiro, pois algúns anos antes, en 1891, a vivenda xa fora queimada.

Marqués de Riestra

Por outro lado, o alcalde de Lalín, Antonio Crespo, representante do Marqués de Riestra na Comarca do Deza e quen dominaba caciquilmente a política local dende 1902, sofre catro atentados entre 1914 e 1915. Xa en 1909 o incipiente movemento agrario puxera en perigo a súa hexemonía no concello, cando nas municipais dese ano resultaran elixidos cinco concelleiros agrarios. Crespo tomou represalias contra Plácido Vidal (líder dos agrarios), declarándoo prófugo, para privalo da posibilidade de exercer o cargo e logrou procesar a catro párrocos que os apoiaban, acusándoos de coacción electoral. A partir dese momento a estratexia para castigar os desafectos céntrase no imposto de consumos, pois Crespo fai un reparto parcial, sen garantías e sen permitir a presenza dos concelleiros da oposición, aumenta as cotas arbitrariamente... Nas eleccións municipais de novembro de 1913, nas que de novo perigaba a súa maioría, consegue a vitoria grazas a detención de candidatos da oposición e á suspensión das eleccións do distrito de Vilatuxe. Con estes precedentes, e ante o novo abuso que supuxo o reparto de consumos de 1914, cando en maio se celebra o xuízo de agravios, unha gran masa preséntase diante da Casa do Concello para reclamar, pero ao ver que se atopaba pechada, diríxense á casa do alcalde en Donramiro, reclamando a súa presenza, e como este non aparece, aporrean as portas e lanzan pedras e paus contra as fiestras. Ante esta situación, o alcalde foxe. O 8 de xullo dese ano lanzan unha bomba contra a súa vivenda. O 8 de xuño do ano seguinte, cando regresaba á casa desde Lalín, dispáranlle un tiro de escopeta, que o alcanza na cabeza, ocasionándolle varias lesións (os médicos extraéronlle 17 perdigóns), aínda que sen causarlle a morte. O 21 de decembro dese ano Crespo volveu ser vítima doutro atentado: dúas bombas de dinamita estalaron, cun intervalo de dez minutos, na súa casa; a primeira causou o derrubamento de parte do edificio, destruíu as carruaxes da cocheira e arrancou de raíz a porta da entrada, e a segunda bomba fixo que se fundira case todo o tellado, aínda que unha vez máis, nin Crespo nin a súa filla (únicos habitantes da casa) sufriron danos.

Como consecuencia deste último atentado, foron detidos varios dos seus inimigos políticos: o concelleiro Gonzalo López Gutiérrez, os curas de Barcia e Bendoiro, e José Blanco Aguirre, o fillo do tamén concelleiro Arturo Blanco Rodríguez, aínda que foron liberados ás poucas horas ao non poder probárselles ningunha implicación. Por estes feitos serían procesados e xulgados na Audiencia de Pontevedra en abril de 1916 José Blanco Aguerre e José Ferreira, que foron absoltos ao ditarse veredicto de inculpabilidade.

Movemento agrario

Tamén as organizacións campesiñas do movemento agrario desenvolveron un amplo repertorio de formas de protesta para resistir á (re)presión dos notables que exercían o poder local e para mobilizar os indecisos. Entre estas estratexias estivo o recurso á violencia. Xa en 1906 foron queimadas as palleiras de Francisco Varela, de Siador, e nese mesmo ano as de Manuel Gallego de Muimenta. A Sociedad de agricultores y oficios varios de Golada viña loitando desde a súa fundación pola rexeneración do concello, tratando de derrubar a tiranía do cacique Ulrico Fociños; neste empeño, e como as trabas caciquís son tan indignantes, sobre todo debido ao pucheirazo que os caciques organizan nas eleccións municipais de 1922 (aplicar o artigo 29 cando existían varias candidaturas), recorren ás accións violentas queimando a casa e os alpendres que os Fociños posúen na feira de Agolada, derrubando balados, tallando árbores e organizando un boicot. As eleccións son finalmente anuladas pola Xunta electoral e, ante a presión da agraria, convócanse novos comicios en decembro. Pero o lume volveu aparecer na palleira dos Fociños, en Borraxeiros. Trunfan finalmente os candidatos societarios, que conseguen a maioría no concello e José Diéguez Fernández, o presidente da agraria, é elixido alcalde en abril de 1923. O último episodio violento acontece en Rodeiro xa coa Segunda República proclamada cando, en marzo de 1931, varios membros do recentemente creado Comité Republicano colocan explosivos nos hórreos de dous veciños de Az e na reitoral de Guillar, por seren contrarios á Sociedade de Agricultores de Santa María de Pescoso.

Pero o episodio máis dramático foi o asasinato de Benito Rivas, secretario do Xulgado municipal de Silleda e principal cacique do concello, en xaneiro de 1923. O concello de Silleda viña sufrindo as consecuencias da política caciquil do riestrismo nas mans de Rivas, que culminaron co roubo das eleccións de 1922 cando, a pesar do trunfo dos agrarios por unha abafante maioría, as eleccións foron anuladas e ao repetírense xa amañadas, dánlle o trunfo aos caciques. Os matóns de Rivas actuaban contra todo aquel que se destacara en favor dos agrarios, con malleiras e acoitelamentos. Mesmo a fins de 1921, e para facer desaparecer documentos comprometedores sobre a súa xestión, chegara a simular un roubo na Casa do Concello de Silleda. As continuas denuncias das sociedades agrarias e mesmo da Federación de Sociedades Gallegas de Bos Aires ante o Ministro da Gobernación e Gobernador civil, non producen efecto.

As sociedades agrarias silledenses, apoiadas polos emigrados americanos de Hijos de Silleda, que mesmo chegaron a constituír un Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda en Bos Aires, xa levaban amoestando a Rivas e cominándoo a que desistira das súas prácticas caciquís: "Que Vd. ha sido dentro de ese municipio el primer promotor y ejecutor del atentado personal por cuestiones políticas, y, por consiguiente, el único responsable de las consecuencias de tales hechos. Téngalo Vd. por sabido".

É por isto polo que se chega á dramática decisión da morte: "o resignarse a ser pisoteados y escarnecidos cada día en sus intereses, en sus derechos, en sus personas y en su dignidad por el cacique, o ...¡matarlo!". Desta maneira, o 7 de xaneiro de 1923 Luís Muíños acaba coa vida de Benito Rivas con sete disparos. Así xustificaban o atentado dende Bos Aires: "el pueblo de Silleda, en uso de su soberanía inalienable fulminó sentencia de muerte contra uno de sus miembros, lo que hizo en forma irregular, ciertamente, pero ante una total subversión de las funciones judiciales por parte de sus funcionarios regulares, completados para mantener la arbitrariedad, la impunidad y la injusticia. Muíños fue la encarnación del sentimiento público que ejecutó, también en forma irregular, aquella sentencia."

Luís Muíños foi xulgado na Audiencia provincial de Pontevedra polo asasinato de Benito Rivas o 18 e 19 de decembro de 1924 e condenado a cadea perpetua. A Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires estableceu unha pensión para Muíños.