Consonte escribiu Salustiano Portela Pazos, "os heroes das antigas xurisdicións de Cotobade, Caldevergazo e Montes", fenecidos durante a Guerra da Independencia, sacrificaran o seu existir "en defensa da relixión e da patria". Nós, disentindo, acreditamos que as verdadeiras e non menos virtuosas motivacións dos nosos heroes –mormente campesiños– foron, chegado o momento, a preservación da súa vida e a das súas familias e mais a salvagarda das súas exiguas pertenzas. Nin tronos nin altares foron quen de esporear o "patriotismo" dos galegos namentres os soldados de Napoleón se mantiveron lonxe da nosa terra. Naquela Galiza decimonónica, asoballada por foros e décimos, era difícil discernir quen era o inimigo, porén, para o escarnecido e descrido labrego, os porcos, as vacas e o millo supuñan os únicos valores seguros.

Salustiano Portela Pazos, deán que foi da catedral de Santiago, naceu en Rebordelo (Cotobade) no ano 1877 e morreu en Compostela en 1976. O relixioso historiador legounos, entre outros, o coñecido ensaio "O canón de pau" (escrito en 1909 e publicado en 1913) no que deu en inmortalizar as fazañas protagonizadas polos montañeses durante a guerra contra o francés. "O canón de pau" foi reeditado en 1973, con prólogo de Antón Fraguas, e novamente en 2009, cadrando co segundo centenario da contenda, con prefacio de Xosé Fortes.

Do redactado por Portela Pazos no capítulo preliminar do dito libro, "Os campesiños de Cotobade, Caldevergazo e Montes na Guerra da Independencia", salientamos, arestora, o concernente á bisbarra de Terra de Montes.

Coas tropas británicas, ás ordes de sir John Moore, baténdose en retirada cara á Coruña, traspasou o exército francés, chefiado polo mariscal Soult, as fronteiras da Galiza. Ao tempo, o exército español, baixo o mando do marqués De la Romana (ou "De Romarías" como o alcumaba o pobo), procuraba agocho no sur, na comarca de Verín, preto da raia con Portugal. Alborecía o ano 1809.

O 16 de xaneiro, líbrase a batalla de Elviña (A Coruña). Na lide perde a vida o valoroso xeneral Moore. Nas xornadas seguintes, sen apenas oposición, os gabachos camparán polos seus respectos, sometendo, entre outras vilas, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Tui. Co inimigo ás portas, sen exército que protexese os seus intereses, o pobo galego non dubidará arrepoñerse. Portela Pazos escribe: "As xurisdicións de Cotobade, Montes e Caldevergazo foron das primeiras en Galicia en levantarse en armas para repeler o invasor".

Cregos e fidalgos, vendo perigar os seus privilexios, puxéronse á fronte das partidas de guerrilleiros, tamén chamadas alarmas. Ende ben, malia os desastres da guerra, os ventos revolucionarios provenientes de Francia abaterían, finalmente, o Antigo Réxime: "Liberté, égalité, fraternité".

Polo que atinxe á nosa bisbarra, Alonso de Souto e Varela, patrón de Millerada (Forcarei), erixiuse comandante principal da Alarma de Montes. Ao seu carón, co rango de comandantes subalternos, sobrancearían Xacobe Míguez, crego de Tomode (Cerdedo), e Luís Camiña.

"Todos os homes útiles, dende 16 a 45 anos" foron chamados á sublevación. Así mesmo, os ferreiros da comarca recibiron ordes de "preparar fouces e formar chuzos e outras bisarmas". Cumpría, asemade, facer provisión de chumbo, pólvora e munición. Conscientes do desequilibrio das forzas, a guerra de guerrillas revelábase como a única estratexia viábel.

A toque de campá

O día 19 de febreiro de 1908, a toque de campá, son convocados os guerrilleiros de Terra de Montes. "Armados de escopetas, fusís, chuzos, fouces, aixadas e paus", participan no ataque ao destacamento francés que ocupaba a casa reitoral de San Xurxo de Sacos (capital da xurisdición de Cotobade). Vitoriosos, fan o propio cos destacamentos aloxados na reitoral de Borela e no mosteiro de Tenorio.

Coa intención de vingar a afronta, abandonou os seus cuarteis en Pontevedra un nutrida tropa de "dragóns" –a elite do exército galo–, ameazando con reducir todo a cinsas. Os montañeses sáenlles ao paso, tendo lugar o cru enfrontamento de Santa Margarida, no arrabalde pontevedrés, e o non menos cruento combate das pontes de Bora (Cotobade), no que falecen, entre outros, Domingos Bugallo, da Vilalén, e Matías Rodríguez, do Barral (Tomonde-Cerdedo). Xa no día seguinte, os de Montes, en prevendo represalias, organizan a liña de defensa nas estremas da súa xurisdición, artillándoas cos célebres canóns de pau.

Polo 22 de febreiro, Luís Camiña, subcomandante da Alarma de Montes, toma parte na arriscada encomenda de atravesar as liñas inimigas, chegar a Marín e desembarcar das fragatas inglesas Venus, Libely e Statira, atracadas no peirao, pólvora, munición e fusís, cos que fornecer a resistencia. Por outra banda, acotío se lle ían confiscando ao inimigo cabalos, armas, correames... que, xaora, eran adaptados e reutilizados en prol da causa.

O 28 de febreiro a guerrilla de Montes participa nun ataque combinado ás posicións francesas acantonadas en Pontevedra. Os milicianos irrompen na vila pola porta de Rochaforte (preto de Santa Clara) e pola de Trabancas (de face á Peregrina).

Nos primeiros días de marzo, os nosos volven fustrigar os franceses parapetados na vila do Lérez. Desenvólvense os acontecementos na chaira de Campolongo onde o inimigo instalara o seu cuartel xeral. As escaramuzas repítense o día 14.

Cara ao 19 de marzo, Bernardo González Cachamuíña chega a Soutelo de Montes (Forcarei) coa misión de involucrar as afoutas alarmas da zona na reconquista de Vigo e Tui.

Reconquista de Vigo e Tui

O día 21 de marzo, unha podente columna francesa atravesa Terra de Montes (Millerada, Folgoso...). Sementando o terror e a destrución, diríxense cara Pontevedra e Vigo. As tropas galas acadan a aldea de Pedre (Cerdedo) o día 22. Ao mando de Cachamuíña, a guerrilla inflíxelles o conveniente castigo. Decimado, o inimigo faise forte en Pontevedra. Na Pontapedre, sobre o río Lérez, ten lugar o coñecido episodio da suicida Rosiña, a doncela que preferiu afogar antes de ser capturada pola soldadesca.

O día 24, os montañeses, en número de "mil e tantos" e comandados por Cachamuíña, entran en Pontevedra. Na Boa Vila, súmanse ás tropas de Pablo Morillo. Todos a unha, diríxense o día 25 cara ao cerco de Vigo. O 28 de marzo, lógrase a capitulación do invasor. Vigo convertíase daquela na primeira cidade europea en zafarse das alxemas napoleónicas.

Liberada a praza viguesa, os de Montes, sen acougo, encamíñanse cara Tui, coa intención de reforzar o seu asedio, mais non sen antes facerlle fronte, en Pontevedra, o 12 de abril, a un batallón inimigo que se dirixía cara a vila do Miño. En Tui, os franceses réndense o día 16. Por aquel entón, a afouteza das alarmas de Montes era xa nomeada en todo o país.

Pablo Morillo, bo coñecedor da coraxe dos nosos paisanos, funda cos voluntarios de Montes, Cotobade e Caldevergazo o Rexemento da Unión.

O Rexemento da Unión, ás ordes de Morillo, e outros guerrillerios de Montes, entran en combate, o 26 de abril, na Pontevea (Teo) e na ponte Ledesma (Boqueixón). As tropas francesas, superiores en número e armamento, conseguen domear as defensas galegas e atinxen, na tarde do día 29, os predios das freguesías de Castro, Quireza, Folgoso e Ventoxo. Portela Paz escribe: "Asasinaron, roubaron e incendiaron casas e palleiros en todos os lugares do tránsito e cometeron outros indicibles atropelos". O día 30, os milicianos de Montes, ben dispostos nas encostas do Seixo, facendo ruxir os canóns de pau, foron quen de conter o avance francés. Así e todo, o seu paso por Cerdedo saldaríase coa devasta de Quireza, Castro, Filgueira... e a morte de non poucos veciños.

O día 23 de maio, o Rexemento da Unión toma parte na liberación de Compostela a carón do Batallón Literario Galego. Os días 7, 8 e 9 de xuño, acrecentan a súa gloria na batalla de Ponte Sampaio, derrotando as hostes do mariscal Ney. O "invencíbel" exército de Napoleón abandona Galiza o 27 de xuño. A estadía dos gabachos en territorio galego durara escasamente seis meses.

Tras a xeira triunfal de Ponte Sampaio, Pablo Morillo ofrece as bandeiras do Rexemento da Unión, coñecido naquela altura por "O León de Sampaio", á capela da Virxe dos Desamparados, na igrexa conventual de Santa Clara (Pontevedra), selleiras insignias que, douscentos dous anos despois, en novembro de 2011, tiven a fortuna de atopar, merecentes, xa que logo, de restauración e musealización.

Aínda o 14 de setembro de 1810, as alarmas montañesas celebran xuntanza preventiva no alto do Seixo, preto da encrucillada de Portalén, no antigo deslinde xurisdicional de Montes, Cotobade e Caldevergazo, pois o exército francés seguía activo no veciño Portugal.

"A Galicia cabe a honra de ser a primeira rexión de España que sacudiu o xugo da dominación francesa", gábase Portela Pazos. Mais, non remata aquí a restra de proezas dos destemidos aldeáns de Terra de Montes, posto que, o 31 de agosto de 1813, o Rexemento da Unión volve abraiar o mundo na definitiva batalla de San Marcial (Irún), na que os galegos vencen as tropas do mariscal Soult. Testemuña dos feitos, o xeneral británico Wellington exclama: "Españois, dedicádevos todos a imitar os inimitábeis galegos, distinguidos sexan até a fin dos séculos por chegar no seu denodo até onde nunca ninguén chegou!". Maiorum gloria posteris quasi lumen est.