Onte, Avelino Pousa Antelo, un dos últimos pilares das Mocidades Galeguista, festexaba o seu 98 cumpreanos na súa casa de Teo. Tamén onte, pero en Silleda, case un milleiro de estudantes puxeron en práctica o que Antelo fixo tantas veces a través da súa profesión e da súa ideoloxía política: defender o galego. A través da iniciativa do Correlingua, 925 alumnos de colexios e institutos da zona deron un singular paseo, máis ben carreira, polas rúas de Trasdeza.

O percorrido foron dous quilómetros –un chisco menos para os alumnos máis novos–, que remataron coa lectura do manifesto, que neste ano leva por lema Galego. Todo o que buscas, e que foi redactado polos estudantes de cuarto de secundaria do CPI de Pontecesures. A actriz Iria Sobrado foi quen leu o documento, no que se fai fincapé na utilidade que tén o idioma para cuestións como o ocio, as finanzas ou os servizos. A xornada rematou co concerto de Chupadeskay e unha solta de globos para rematar o acto. Por centros, de Silleda acudiron 55 alumnos do colexio María Inmaculada, 120 do CEIP e 114 do IES Pintor Colmeiro, mentres que de Vila de Cruces participaron 40 do Marco Camballón. Dende Lalín chegaron 70 matriculados do instituto Laxeiro e outros 75 do Aller Ullloa. Da comarca de Tabeirós-Montes, acudiron 104 estudantes dos CEIP do Foxo, 34 de Figueroa e 75 do Cabada Vázquez, así como 83 dos institutos Manuel García Barros e 55 do Losada Diéguez, todos da Estrada. Por último, neste Correlingua trasdezano tamén asistiron 100 matriculados no IES Chano Piñeiro, de Forcarei. Para o concelleiro Matías Rodríguez da Torre foi unha das edicións máis multitudinarias das que se teñen feito neste concello.

Escaparates literarios

Ademais do Correlingua, ao longo de toda a semana comezarán as actividades da Concellaría de Cultura para a promoción do galego. En concreto, dende hoxe e ata o sábado desenvólvese a proposta Mercapoemas-Comercio en galego, que organiza o departamento de Da Torre en colaboración coa plataforma Queremos Galego e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda, ECOS, Consiste en que os escaparates das tendas que sexan membros deste colectivo luzan poemas de Valentín Paz Andrade –a quen se lle rende homenaxe este 17 de maio– ou de Celso Emilio Ferreiro, xa que en agosto se cumpre un século do seu nacemento.

Ademais, tamén dende hoxe os viandantes que transiten polo casco urbano de Silleda atoparán, en diferentes puntos, sobres con poemas en galego dentro, para ou ben lelo e gardalo como recordo, ou ben deixalo no mesmo sitio e, incluso, depositalo noutro enclave para que poida ser lido por outros veciños. Con estas dúas iniciativas, o departamento de Cultura pretende achegar a literatura galega á vida cotiá das persoas, para que descubran dun xeito ameno os poemas dos autores máis senlleiros de Galicia.