José Castro Cabaleiro - Secretario comarcal de UXT
"Na comarca temos un labor moi grande de reciclaxe do téxtil e da construción"
"Algunhas empresas comezan a apostar pola formación, porque isto asegura a competitividade"
SALOMÉ SOUTELO - Lalín
José Castro Cabaleiro asumiu a secretaría comarcal de UXT o 5 de decembro de 2008, 18 meses despois da demisión do anterior representante, Álvaro Santalla Agra. A comezos dese ano fíxérase pública a quebra da construtora Proinsa, e só dous meses antes do seu nomeamento, Montoto dera a coñecer a súa débeda e a intención de recortar un cadro de persoal que por entón superaba os 240 traballadores. Dende aquela produciuse a liquidación ou a reconversión de Toypes, Granitos Monte Faro, Aluper, Aisladeza e Industrias González, ás que hai que engadir outras varias pequenas empresas da zona.
-Pasados estes dous anos de crise, como ve o futuro empresarial da comarca?
-Penso que aínda quedan coletazos destas quebras e o cobro das indemnizacións nalgúns casos aínda durará un tempo. Iso si, a parte que lle corresponde ao Fogasa (o Fondo de Garantía Salarial, que asume as compensacións de 20 días por ano traballado) están aseguradas, porque este organismo estivo aforrando ata hai dous anos e, na práctica, tén moita solvencia. Despois destas debacles, quédanos a todos un labor moi grande para a reconversión dos traballadores do textil e da construción da comarca, de xeito que poidan atopar emprego noutros sectores.
-Cal destes dous ámbitos foi o máis prexudicado pola crise?
-Sen dúbida, o téxtil. Detrás do profundo recorte de plantilla que fixo Montoto e do peche, en toda regla, de Toypes, caerá algunha firma máis que non tén os salarios ao día. E isto o que vai provocar é que suba o paro feminino que, de por si, sempre foi superior ao masculino.
-Cal foi, polo xeral, o aspecto máis difícil de negociar cos empresarios para chegar a un acordo nas indemnizacións?
-Os sindicatos sempre temos que fiar moi fino, non só para defender os dereitos dos traballadores senón tamén para non prexudicar á empresa nuns momentos nos que pode estar negociando pagarés cos bancos. Sempre é mellor chegar a un acordo sobre as compensacións, porque así cobrarase antes. Hai que pensar que, entre que a empresa se declara en quebra e se procede á liquidación dos bens, poden pasar anos. Por iso é importante manter un equilibrio, sobre todo nos tempos a cobrar. Por exemplo, en Industrias González acordouse unha indemnización de 25 días por ano traballado ata un tope de 20 meses, porque se, por exemplo, acordáramos 28 días pero ata 12 meses, a xente que levaba máis tempo na empresa, e que era a maioría, cobrarían menos do que lles corresponde.
-E no día a día, podemos pensar que as nóminas e os contratos temporais seguen sendo os cabalos de batalla na negociación?
-Sen dúbida. Entre outubro de 2009 e o deste ano asináronse en Deza 710 contratos, dos que só o 11,4% eran indefinidos. Esta porcentaxe é inferior á do ano pasado, e o único que reflexa é que a reforma laboral non serviu nin para fomentar o emprego, nin para promover os contratos indefinidos, nin para nada. Está claro que o contrato temporal é pan para hoxe e fame para mañá, pero algúns empresarios seguen abusando deste tipo de contratacións e tamén da figura dos bolseiros. Pero tamén é certo que algunhas empresas, como algunha do metal do Deza, está apostando pola formación dos seus empregados, aos que lles concede unha hora da súa xornada laboral para que acudan a cursos. É evidente que contar cunha plantilla ben formada axuda a ser competitivo.
-Fala vostede dos bolseiros e dos contratos temporais. Teno máis difícil a xente nova que a que supera, por exemplo, os 50 anos?
-Ás veces é igual de complicado atopar traballo por falta de experiencia que por exceso dela. É certo que unha persoa de 20 anos vai comezar cun emprego moi precario, pero a partir dos 55 é case imposible volver colocarse. Por iso penso que a proposta de retrasar a xubilación, como mínimo, ata os 67 anos, é contradictoria. Pensemos que ata os 30 anos unha persoa non colle velocidade de cruceiro no mercado laboral. Así que, se queda sen traballo aos 55 anos, como moito vai ter 25 de cotización. A esta proposta hai que engadirlle outros recortes como a eliminación dos 426 euros de axuda aos parados sen prestación, que deixará a uns 44.000 galegos sen ningún tipo de axuda, ou a ampliación da base de cálculo para estimar a pensión, que pasaría dos 15 aos 20 anos. Isto o que vai provocar é que moita xente quede cunha pensión non contributiva. A ninguén se lle ocurre, como alternativa, contratar un plan privado de pensións, porque isto xa quedou demostrado nos anos 90 que era unha estafa.
-Como alternativas aos recortes aos traballadores, que medidas se propoñen dende o sindicato?
-Hai unha iniciativa que se baralla dende a Confederación Europea de Sindicatos e consiste en que se poña en marcha unha taxa impositiva aos bancos, de maneira que se lle reteña unha porcentaxe, a partir dunha cifra concreta, cando fagan transaccións financeiras entre eles. Calcúlase que, con esta proposta, en España se recadarían uns 12.500 millóns. Pero claro, quen lle mete man ás entidades financeiras e aos paraísos fiscais?
-Con este panorama, xa se insinúa outra folga xeral. Serviu de algo a do 29 de setembro?
-Pois forzou o cambio dun ministro e a modificación dalgúns aspectos. Eu non penso que a folga tería máis éxito se o goberno central, en vez de estar nas mans do PSOE, estivera nas do PP. Unha folga xeral é moi complicada de montar, sobre todo porque entre os propios traballadores hai disidencias á hora de ir ou non ir traballar.
-E a crise tería sido doutra maneira se en Madrid figurase un goberno de dereitas?
-Non, eu creo que lenda urbana de “isto co PP non pasaba” é moi errónea. Abonda con mirar a Europa. En Inglaterra e Francia goberna a dereita, e están como aquí.
-Voltemos á comarca. O téxtil e a construción están tocados, pero Deza conserva o seu peso como referente agrogandeiro. Haberá que potenciar o traballo no campo para relanzar a economía e absorber man de obra?
-Ben, o sector primario garda relativa importancia, pois na zona conta co 17% dos afiliados á Seguridade Social. É certo que sería unha saía, pero a agricultura e a gandería atópanse tamén en crise, co agravante de que nestes dous ámbitos xa se trata dunha situación crítica permanente.
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- «Aos meus pais cáelles o mundo enriba»
- La Guardia Civil pide a toda la población que mire al suelo antes de subir al coche: alerta por lo que está pasando
- Galicia, en alerta este domingo por el temporal: «No arriesgar»
- «Si ya no hay voluntarios los sábados, al final, se cubrirán de forma forzosa»
- Aquellos añorados bares de Vigo
- Suspendido todo el fútbol, baloncesto y balonmano del domingo en Galicia por la alerta naranja
- Aquellos añorados bares de Vigo