CARLOS LABRAÑA - Escritor de teatro infantil e gañador do VI Premio Estornela

"Queda moito por loitar no teatro para nenos, e o Estornela anima para seguir"

"Pode dar un pulo se se pon de moda nas escolas, que son as que mercan os libros"

xan salgueiro - Vila de Cruces

Gañar a sexta edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos, que convoca bienalmente a Fundación Xosé Neira Vilas, é un empurrón para seguir adiante cunha afección que lle vén desde pequeno. Mesmo chegou a facer unha primeira proba para a Escola de Arte Dramático de Madrid, pero á segunda xa non foi. “Era un risco que non asumín”, confesa este aparellador, daquela na empresa privada e hoxe na Xunta de Galicia. A súa triloxía galardoada, Teatro de xoguete, será publicada por Ediciós do Castro. Amais, Carlos Labraña recibirá 1.000 euros en metálico nun acto que terá lugar o día 19 na fundación de Gres.

-Como valora a concesión do Premio Estornela?

-É un premio moi especial, porque se basea nun teatro non só para que o vexan os nenos, senón tamén para que o representen. Nós sempre pensamos en facer obras moi doadas para representar, pensando nas escolas. Creo que nese sentido o Estornela cumpre esa función, pois as penas premiadas represéntanse moito nos colexios.

-Obtivo o galardón por unha obra que en realidade son tres. Que relación hai entre elas?

-A única vinculación é que están protagonizadas por xoguetes. A andavía [que da nome a Á procura das andavías xigantes] é un muíño de vento feito en madeira, vas correndo con el na man e móvenselle as aspas e fai ruido; eu aínda xoguei con el, fixéramo meu irmán. Os xoguetes esquecidos desenvólvese nun museo onde van parar os xoguetes vellos, de antes, como o palón de billarda, tamén chamada precisamente estornela, a buxaina, a boneca de millo... E o última [Voa, voa, papaventos] céntrase neste trebello. Pero son obras independentes, tanto para a súa lectura como para a súa representación, e todos os protagonistas son tamén diferentes, ningún xoguete repite.

-Por que só teatro para nenos? Por que non cultiva outro xénero?

-Aínda queda moito por loitar no teatro para nenos. Toda a miña obra céntrase nel. Agora estamos co proxecto Guía de teatro xuvenil e infantil galego, elaborado con apoio do Centro Dramático Galego e da Consellería de Cultura. Estámola finalizando, está pensada para as escolas, algo moi pragmático. Moitos profesores dinme que non saben como buscar obras coma as miñas, que lles sirvan para representar para os seus alumnos. Pois ben, esta guía vai permitir buscar obras por temática, idades, número de persoaxes, etc. Non é unha historia do teatro infantil en Galicia, si se dan unhas pinceladas ao comezo, pero só para contextualizar, senón unha guía práctica.

-Era a primeira vez que se presentaba a este premio?

-Lévome presentando todas as edicións (ri), e a verdade é que xa estaba un pouco canso, porque é complicadísimo gañar un premio. Seino porque estiven en xurados e ás veces telo moi claro, pero resulta que outros tamén o teñen moi claro noutro sentido e, ao final, pode acabar seleccionada unha obra na que ninguén pensara inicialmente. En calquera caso, estou moi contento, sempre da ánimo para seguir. En narrativa tes máis posibilidades.

-Por que? É que non hai saída para o teatro?

-Eu creo que hai un prexuízo cara o teatro, e máis cara o infantil. A min tenme dito algún editor: “É que este texto é moi teatral”. É que diso se trata, o teatro é para representar. Moitos autores fan contos dialogados, pero iso non é teatro. A nivel político, cultural non queren saber nada do teatro. O xénero por excelencia é a poesía, aínda que a lean tres, e logo vén a narrativa; o teatro está noutro mundo. É un prexuízo, porque na realidade véndese igual ou mellor. Porque... quen merca os libros? Os colexios. E os mestres descubriron que o texto de teatro é o mellor para traballar con el, por exemplo, á hora de facer lectura repetitiva, porque é máis ameno e involucra a varios rapaces ao mesmo tempo. Iso pódelle dar un pulo, como se poña de moda nas escolas cambia o tema.

Tracking Pixel Contents