A Asociación Cultural Copa do Castro celebrou onte o remate das obras de recuperación e posta en valor do espazo que agocha baixo a súa superficie os restos dun primitivo asentamento humano. Ao acto asistiron o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Antonio Crespo Iglesias; a alcaldesa de Silleda, Ofelia Rey Recimil, xunto cos seus concelleiros Javier Presas e Alejandro Vidueiros, moi ligados ao desenvolvemento do proxecto; representantes do PSOE e do BNG; amais da presidenta do colectivo que fixo posible a recuperación do castro, María Jesús Vidueiros Sánchez. Logo do acto oficial, tivo lugar unha merenda para todos os asistentes, que se prolongou ata a noitiña.

A recuperación do castro contou cunha achega de algo máis de 70.000 euros por parte de Agader, xa que a partida inicialmente concedida –109.000 euros, o 80% dun proxecto inicial de 187.000 euros– tivo que recortarse notablemente polos condicionantes impostos por Patrimonio. A actuación afectou a unha superficie de 1,8 hectáreas, correspondentes a unha masa común da parcelaria. Nela colocáronse tres paneis explicativos do castro e dos restos depositados no Museo Provincial de Pontevedra e outros dous que serven para interpretar a paisaxe que se ve desde o alto. Tamén se instalaron merendeiros, bancos, vallas protectoras –todo en madeira– e se restauraron muros de pedra.

Hai unha zona habilitada para xogos tradicionais, na que poden practicarse as seguintes modalidades: Bolo celta, petanca, chave de Santiago e chave de Ferrolterra, así como o xogo infantil da casa do rato. De feito, a xornada de onte arrancou cunha demostración de distintos xogos.

Por último, preparouse unha senda que baixa ata a estación de tren de Silleda e segue ata Saídres, con tramos para recrearse na fauna e na flora autóctonas. O recorrido é de tres quilómetros, concebido para que poida ser realizado por escolares.