Algarabía parte dunha filosofía moi sinxela, “a diversión está en nós”, según Alberto Granja, presidente da asociación cultural O Naranxo. E con este, xa van 25 veráns de diversión e entretemento en Lalín. Os organizadores deron onte o pistoletazo de saída a dous días cheos de troula e barullo, sobre todo moito barullo, porque Algarabía non é só festa, senón tamén crítica social. Os paxaros que colgaban das árbores da vila anunciaban un máis que seguro rebumbio.

Os membros do colectivo comezaron a xornada facendo un tímido barullo, que dou paso ao campionato de “Escurrir o Bulto”, unha especie de protesta contra a Consellería de Cultura do municipio. Todos os presentes disfrutaron dunha sesión vermú acompañada por Benxa e Quintá, que terminou nun picnic no Parque de Loriga.

A pouca afluencia de xente de pola mañá contrastou coas decenas de persoas que se acercaron ata o parque pola tarde. Os máis pequenos gozaron dunha xornada de maxia a cargo do Mago Toño e de batallas de auga e os maiores aproveitaron a ocasión para transmitirlles un patrimonio inmaterial xa case perdido con varios xogos populares. Os organizadores tamén instalaron unha exposición dedicada a “Wily” na avenida de O Naranxo. O día rematou cos concertos de A Banda da Casa do Antón, Mc Moyá, Empezar de Zero e Spirit of a Dog.

Continúa a troula

A Algarabía segue hoxe con máis actividades e xogos durante todo o día. A media mañá, todos os que queiran poderán participar nunha ruta con bicicletas polas rúas de Lalín e o Pontiñas, na que, ademais de pasalo ben, se pretende reivindicar o uso deste medio de transporte non contaminante. A xornada continuará cunha sesión vermú con sesión karaoke ás 13.30 horas, que dará pasó ao concurso Colón e a varias exposicións no parque. Pola tarde organizaranse máis xogos para os nenos e diversas actuacións musicais con Lincorne, Atmósfera 0 e Ménage á Trois. Algarabía baixará o telón ás 23.00 horas cunha proxección de curtas e filmes no mesmo parque, recordando que isto non é un adeus, senón un ata o ano que vén.