A banda máis antiga do municipio de Lalín da que da conta Enrique Alvarellos Iglesias no seu libro é a de Noceda, fundada en 1859 e desaparecida en 1924. Desta agrupación saiu unha abundante canteira de músicos, que máis tarde nutrirían outras moitas da comarca. En 1959 comezou a funcionar como banda de música. O primeiro director coñecido foi Ángel Riádigos (bombardino) a principios do século XX. A súa morte, aos 80 anos, supuxo tamén a defunción da banda. A súa desintegración case coincidiu coa creación da veciña de Bendoiro. Os seus compoñentes repartíronse entre varias agrupacións, como a da Xesta ou a de Gregorio, tamén antiga, pois durante un tempo esta –da que non hai datos concretos– e a de Noceda foron as únicas do municipio.

A seguinte recollida no libro Bandas de música de Galicia é a de Filgueira, aínda que a súa traxectoria se limita ao século XIX (1862-1898). Os seus fundadores foron os irmáns Balado e non debía sobrepasar a quincena de compoñentes, iso si, todos con solfeo. Florentino Pampín García, bombardino falecido en 1915, foi o encargado de impartilo aos seus compañeiros, pero negouse a ensinarllo ao seu fillo, malia ás presións: "Para pillar fame e calamidades, ben cheguei eu". A anécdota, citada por Alvarellos, ilustra o que era ser músico daquela. Cando ían tocar a casas pudentes co gallo da onomástica do seu patriarca despedíanos cun "moitas gracias" e, se algunha vez lle daban a comida, tíñanos apartados da familia, coma se non foran persoas. Era un dos peores desprezos para os músicos da época.

A gaita de Franco

Fundada en torno a 1875, a Popular de Muimenta é a única decimonónica do municipio que se mantén en activo. Alvarellos indica que o promotor foi José Vilariño, axudado por nove compañeiros. Está considerada como a "nai da Banda de Goiás", coa que chegaría a fusionarse puntualmente cando ésta última se vía debilitada de intérpretes. "Tan pronto los músicos de Goiás llegaban a ser mayores en número, prescindían de la de Muimenta y reorganizaban la suya –recolle o libro das bandas–. No obstante, la de Muimenta resistió cuantos vendavales le han surgido, que no fueron pocos, y con más o menos músicos, fue aguantando heroicamente hasta nuestros días, sin haber llegado nunca a desintegrarse". O fillo do fundador, do mesmo nome, que tocaba a trompeta, asumiu as rendas ata 1946, "en que tuvo que dejarla por motivos de salud". Mecánico de profesión, "su fama la adquirió por afinar instrumentos para un gran radio geográfico", prosegue o relato dunha das agrupacións máis documentadas polo autor. Parece que mesmo chegou a fabricar unha gaita para o ditador Francisco Franco, por encargo do Concello de Santiago, "logrando en ella un sonido como si hubiera sido construída en boj". Relevouno Eliseo Pedreira Fernández, trompeta da banda desde os 16 anos, que levaría a batuta ata 1972. Formou a gran número de músicos e levou a Muimenta por toda Galicia e ata fóra dela. De feito, disque un ano mesmo foron invitados ás Fallas de Valencia, pero renunciaron por temor a que o repertorio non lles dese para catro días de actuacións. Eliseo aboliu o costume que a banda tiña de dividirse para poder atender dúas ou máis festas á vez. "Máis vale facer menos festas, e facer boa banda", dicía. Soubo compaxinar a música coa súa profesión de xastre ata tal punto que en tres ocasións atendeu tamén a dirección da Banda de Vilatuxe (1947, 1949 e 1974). Unha vez reuniu aos poucos músicos que quedaban de Lalín e Vilatuxe, formando un grupo de 25 que actuaría no San Cristovo. A experiencia foi tan positiva que logo tocaron tamén nas Dores, no Montserrat e incluso saíron a Portugal.

Alvarellos destaca o interese da parroquia por manter viva a formación, mesmo chegando a implicarse economicamente en momentos delicados. Tamén relata algunha anécdota, coma cando en 1967, a música da "Popular" soou en todo o Estado, xa que Televisión Española proxectou unha actuación que tivera en Cambados co gallo da Festa do Albariño. En 1972 asume o mando Secundino Pedreira Prado, que dirixira a Bermés, ao que seguirían Anatole Pallás Fuertes e Manuel Gato Soengas, teniente director da Banda da Policía Nacional, do que Alvarellos escribía a comezos dos anos 80: "Su experta y técnica dirección hizo notar un marcado cambio en la Banda de Muimenta, necesitada, desde hace años, de un auténtico profesional". Os directores máis recentes foron Cándido Alvarado, José Luis Represas Carrera e José Bugallo Senra, batuta actual dunha formación que fai honra á denominación "popular" e, lonxe de aventurarse en certames e competicións, mantense fiel á tradición dos pasarrúas e dos campos das festas.

A parroquia de Gresande foi antano máis famosa pola celebración da Piñata ca pola súa banda de música, que era máis ben a de Xanxurdo de Cristimil (1879-1943). Pero houbo períodos en que levou o nome de Gresande, sobre todo nas súas postrimerías, xa que moitos dos integrantes eran desta feligresía. O Tío Manuel de Insua –coñecido como O dos Platillos–, Estanqueiro ou José da Costa son algúns dos nomes asociados a esta formación. En 1902 xa non existía, pero a afición á música fíxoa revivir en 1922, da man dos fillos de José da Costa, chegando a xuntar máis de 25 intérpretes. Algúns directores foron Ramón da Costa, Evaristo de Badajoz ou Marrón, do Carballiño. A súa historia está moi vinculada á Festa da Piñata, que sufragaban as freguesías de Cristimil e Gresande cada primeiro domingo de Cuaresma. Logo da súa desaparición, en 1935, a banda comezou a decadencia ata a súa extinción definitiva en 1943. Antes fora unha das animadoras das festas do 8 de setembro en Aciveiro, A Pascua de Soutolongo ou o San Roque de Vilagarcía de Arousa, onde permanecía os días 15 e 16 de agosto. Ensaiaban na desaparecida Casa da Tosca, nas inmediacións do campo da festa. E competían con outras bandas, como a da Xesta. De feito, un Alvarellos Iglesias neno lembra a cor azul forte do bombo de Xanxurdo, que contrastaba como vermello de A Xesta.