A piques de cumprirse a primeira década de actividade do Centro Etnográfico de Terra de Montes (Cetmo), a asociación encargada da súa xestión, Verbo Xido, ven de ultimar unha reforma integral do inmoble para darlle un aire renovado. Agora, os seus integrantes sumérxenxe nun proxecto se cabe aínda máis ambicioso: a adaptación do museo aos novos tempos e o impulso da súa relación coas diversas asociacións do entorno. Entre os seus retos: acercar o Cetmo á poboación e contribuir ao desenvolvemento da zona. Unha ampla pretensión que dende a directiva de Verbo Xido, detalla Lola Varela a continuación.

-Acaban de presentar un proxecto de promoción dos fondos conservados no Cetmo. Cal é o obxectivo desta iniciativa?

-A raíz de mellorar o edificio, vimos que realmente tamén era o momento de, agora que se van cumprir dez anos da súa inauguración, facer unha pequena renovación do discurso museístico, xa que os tempos cambian e fai falla xa unha impronta moito máis novidosa para difundilo moito máis e que así estea ao nivel dos tempos.

-En concreto, que actuacións son máis necesarias?

-O Cetmo non pode quedar pechado en sí mesmo nun pequeno lugar como é a Aldea de Arriba de Soutelo de Montes. Entón, queremos difunfilo máis. Para iso pensamos en poder ceder de modo temporal unha serie de paneis que pretendemos acompañar dalgúns obxectos para explicar o contido do museo. Desa maneira o Cetmo camiña e fai país. Tamén pensamos que hai un certo amoreamento das pezas no interior, a pesar de que só están expostas a metade, unhas setecentas. Hoxe a mirada non ten como obxectivo ver moitos obxectos xuntos, cremos que o que hai é que ensinar poucas pezas que sirvan de icono dunha época. Tamén queremos dotalo dunha parte de exposición virtual porque o edificio é pequeno e deste xeito, aínda que non estean presentes algunhas cousas, si poderán explicarse a través destes medios, por exemplo,no caso dos antigos oficios. Asimesmo, como nesta remodelación se suprimirán obxectos da exposición, deberemos adquirir caixas de madeira para gardalos correctamento. Todo isto vai sumando e sumando e así chegamos aos cerca de 21.000 euros que solicitamos.

-Como se foron adquirindo estas pezas?

-Hai de todo a verdade. Algunhas foron cedidas para o Cetmo e outras mercadas.

-Neste proxecto inclúese ademáis o inventariado das pezas e a catalogación dos arquivos. Que documentos se gardan no Cetmo?

-Temos por exemplo unha moi boa biblioteca de etnografía e en xeral de cultura galega.Asimesmo, como mostra da historia da zona dende o século XIX ata os anos 60 do século XX, hai documentos que reflicten a vida e costumes desa época en Terra de Montes. Así, temos cartas de emigrantes, contas dalgúns negocios, orixinais do gaiteiro Avelino Cachafeiro, ou arquivos sobre o sistema de foros e as comunidades de montes, por exemplo. Con esta catalogación e inventariado en soporte de papel e informático queremos darlle acceso a todo o mundo a estes fondos.

-Pretenden reestructurar a exposición. Por que tipo de pezas apostarán entón para a elaboración da mostra?

-As seccións serán un pouco as mesmas, centradas na vida cotiá e os antigos oficios. Crearemos un grupo de traballo para definir precisamente como se fará esta labor e así saber que pezas mostrar e cales gardar. O que si queremos destacar é a presenza do ámbito feminino na exposición, máis aló dos traballos domésticos. Buscamos que a visión de xénero atravese a mostra, por exemplo nos apartados da relixión e noutros ámbitos. Asimesmo, queremos contactar coas asociacións de mulleres do entorno e ofrecerlle charlas para que cobren a presenza suficiente.

-Todo o plantexado fará do Cetmo un espazo verdadeiramete dinámico...

-Exactamente. Por un lado dinamizar a relación coas asociacións e polo outro acadar un espazo para poder traer exposicións temporais e complementar así a oferta do Cetmo. Asimesmo, recentemente abriuse unha liña de colaboración co Concello de Forcarei, que por exemplo contribuirá ao financiamento das obras do Cetmo ao devolvernos parte do importe da licenza de obras. Queremos ademais involucrarnos na vida cultural da zona e poder ofrecer un paquete de actividades turísticas para que alguén que veña a pasar o día conte xa con alternativas elaboradas. Para iso pretendemos tamén relacionarnos coas asociacións que xestionan as casas de turismo rural e ofrecer estas posibilidades das que falabamos.Neste sentido tentaremos que o Concello de Forcarei inclua ao Cetmo nas sáuas divulgacións turísticas, algo que por exemplo xa se fixo na Estrada pero non no municipio.