Se tivera que escoller unha das estacións mitolóxicas do cerdedense Monte do Seixo, Calros Solla falaría da encrucillada de Porta Alén, alí onde está o Marco do Vento, onde está a soleira do outro mundo á que acudía a xente para falar cos seus defuntos. Este é o seu rincón preferido dunha montaña máxica que defende dende hai anos e que vén de recollerse nun aplaudido documental da autoría do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.

-Pontevedra polo pé na estrea do primeiro audiovisual do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. Esperaba tal acollida?

-A quen me pregunta se estou contento coa asistencia dígolle que para min é máis difícil levar 50 persoas a Cerdedo que 400 ao Teatro Principal.

-Por que o di?

-Cerdedo é un territorio marcado, quero dicir que a xente pénsao moito antes de asistir aos actos de Verbo Xido, por exemplo, antes de asistir á Festa da Vincha, porque as paredes oen e teñen ollos. Pontevedra era un territorio neutral, non marcado e, ademais da xente de Cerdedo e Terra de Montes que acudiu, tamén asistiu moita xente de Pontevedra que se sentiu atraida e interesada, xa non só polo documental, senón porque son moitos anos de loita e traballo. Alí, antes de comezar a proxección, naquel silencio, naquela escuridade o que se me veu á cabeza foron todas aquelas xornadas de traballo cando percorría as casas das aldeas da redonda do Seixo na procura dos informantes. Eran xornadas de traballo moi gorentosas, ir debullando todo o tesouro que agochaba o Monte do Seixo. Collendo unha por unha non son significativas pero, en conxunto, fan do Seixo a nivel arqueomítico, un lugar absolutamente excepcional a nivel europeo. Deberiamos estar moi orgullosos de telo aí.

-Tan preto e aínda tan lonxe para moitos...

-Tan descoñecido, efectivamente. A min unha das cousas que máis me desacouga e entristece é a falta de xenerosidade das autoridades locais. O venres entreguei na imprenta un novo libro sobre Cerdedo. Os primeiros traballos de recolleita de información comenzaron pola década dos 90. Xa son moitos anos de traballo, moitos libros presentados en Cerdedo, deseñei o Roteiro Sarmiento, creouse o complexo de roteiros do Monte do Seixo... e en todo este tempo non recibín nin tan sequera unha mensaxe, unha chamada de teléfono, unha felicitación de Nadal por parte das autoridades locais dicindo: mira as nosa situacións ideolóxicas son irreconciliables pero que menos que dicirche que está ben, segue por ese camiño. Iso é moi desacougante. A catarse chegou coa presentación do documental en Pontevedra, 400 persoas e que non estiveran presentes as autoridades locais onde está localizada a montaña en cuestión...

-A que achaca a acollida? Quizais a súa longa reivindicación da maxia que agocha este monte cerdedense?

-Supoño que converxen dúas circunstancias. O Seixo ten un atractivo absolutamente extraordinario e indiscutible, 30 estacións míticas moitas delas asociadas a xacementos arqueolóxicos, outras a penedos figurativos, a lugares de especial relevancia natural. E despois por outro lado eu entendo tamén esa solidariedade polo traballo delongado, polo feito de que están vendo como na miña persoa e na persoa de Verbo Xido estamos sempre aí, batendo sempre no mesmo cravo.

-Con que se queda de todo o proceso para crear esta obra?

-Cos pés ben na terra, o documental é unha cousiña doméstica, moi humilde, feita sen medios e sen subvención ningunha por tres colegas. Un que lle da moito xeito á música, outro lle da moito xeito á cousa audiovisual e eu que puxen o guión. Somos conscientes das nosas limitacións. Pero podemos tirar en positivo de todo isto aos veciños, que alí se poden ver, escoitar, orgullosos da súa tradición, da súa historia, do seu monte. Un monte que patexaron, que mamaron e alí medraron alindando o gando. E agora ven que nun documental se lles rende tributo a eles, á súa sabedoría, á sabedoría dos devanceiros e se valoriza algo que estaba calado. Ven subir xente ao monte, xente que pregunta, que quere pasar alí a fin de semana ou a tarde do domingo.. Velos no documental para min é do máis edificante.

-Veremos pronto novos traballos sobre o Seixo?

-Xa lle dixen aos compañeiros que quería tomar un pouco de distancia. Estiven preparando material para a “Carta arqueolóxica do Concello Cerdedo”-encargueina o venres pasado á editorial-, na que se ceiban do esquecemento 121 xacementos arqueolóxicos de Cerdedo. Xa che podo adiantar que todos e cada uno dos 121 están gravemente alterados ou destruídos.