Coincidindo co Día da Galiza Mártir, numerosos representantes da cultura galega, encabezados pola conselleira, Ánxela Bugallo, déronse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra para homenaxear a Mariví Villaverde, unha muller que padeceu o exilio. O acto, convocado pola Fundación Alexandre Bóveda, buscaba recoñecer a labor desta galega na recuperación da memoria histórica do país.

-Como recibe esta homenaxe do mundo da cultura galega nun día tan sinalado coma o aniversario do pasamento de Bóveda?

-Significa unha obriga permanente, evidemente a figura de Alexandre Bóveda é importantísima, todos os actos arredor del teñen moitísima importancia porque foi un home que se entregou totalmente á causa que defendía e iso costoulle a vida.

-Moitos lembran hoxe a figura do seu pai. Quen foi Elpidio Villaverde?

-Meu pai (o derradeiro alcalde republicano de Vilagarcía) era un home profundamente mergullado na política, loitou contra a dictadura de Primo de Rivera e a partir de aí sempre estuvo en todo, loitaba por cambiar as cousas, por mellorar, porque houbese máis cultura.

-Que idade tiña vostede cando marchou ao exilio?

-Eu tiña once anos, pero cando se proclamou a República tiña oito e a partir dese intre, aínda que pareza absurdo a esa idade, interéseime pola política, e como ademais na casa falabase constamente do que pasaba eu fun asimilando todo, nada me pescou de improviso, eu xa tiña na miña mente os antecedentes do que ocurrira.

-Como foi a súa vida no exterior?

-Casei pero non no exilio, viñen aquí porque el (o escritor silledense Ramón de Valenzuela) non podía sair porque estaba en liberdade vixiada. Viñen pensando que cando rematara a outra guerra, a Guerra Mundial, remataría a dictadura neste país. Desgraciadamente, o que sucedeu é que continou Franco e pensamos xa que aquí non tiñamos nada que facer e que había que marchar de novo para Arxentina, con grande dor de corazón porque xa tiñamos dous fillos pequenos. Era ése xa o meu terceiro exilio, primeiro en Francia, logo en Arxentina e de novo marchaba para Arxentina.

-E que balance fai do retorno, décadas despois de sair da Galiza?

-Foi moi duro, pero había que tomar unha decisión ao respecto porque os fillos xa ían medrando e podían afincarse alí cando xa foran un pouco maiores e non quixeran vir, non porque non se lles falara de Galicia e eles estivesen enterados, senón porque podían coñecer outra xente e querer quedar alí.

-Como é que á volta non quedaron na Galiza e residiron en Madrid?

-Foi moi duro, aínda era 1966, as cousas estaban complicadas e en Galiza non había unha situación doada para refacer a vida, había moito medo e ninguén que che botara unha man para nada nin que fixera nada por ti, e pensabamos que en Madrid sería mellor e así foi. Os galegos xuntabamnos os domingos no Clube de Amigos da Unesco para falar do país, da literatura, de historia, da actualidade, e fixemos moitos amigos nesa cidade. A Ramón editáronlle un libro de contos e iso merece a pena lembralo, esa é a diferencia: Galaxia, unha editorial galega, non se atreveu a editar un libro de contos sobre esta terra e unha editorial de Madrid si.