Mónica G. Alonso / RODEIRO

Azona do Carballo na parroquia rodeirense de Álceme viviu onte a súa XIX Festa na honra do emigrante, que superou os 250 participantes na súa comida central. Dende a organización sinalan que o adianto da celebración, que se fai sempre na primeira fin de semana de agosto, restou algo de asistencia e tamén o frío fixo que a xente non se achegara tanto á sardiñada que se fixo ó mediodía, pero ainda así o festexo foi concurrido.

Ademáis da parte culinaria, na que se degustaron sardiñas á brasa, empanada, polbo ou carne ó caldeiro, houbo actividades e xogos para tódalas edades. Pola tarde, e ata o remate da xornada, os maiores participaron nun campionato de tute; pouco antes os nenos disfrutaron dalgúns xogos populares.

O dúo Nebraska, o Grupo de Gaitas de Rodeiro e unha charanga puxeron a música en sesión vermú e na verbena.

A maioría dos asistentes, como tódolos rodeirenses e galegos, teñen vinculación directa coa emigración. Acudiron membros da oposición como Xosé Vence (emigrante en Suiza) ou Manuel Salgado (Francia). Tamén pasaron por alí membros do goberno local rodeirense, agora liderado por un alcalde en funcións, José Luis Fernández, nado en Francia.

Os organizadores destacaron que a festa, ubicada xunto ó matadoiro de Cogal, non ten cor política e lembra o pulo que deu a emigración ó pobo. Entre os anos 50 e 60 os rodeirenses elexiron como destino laboral Sudamérica, sobre todo Venezuela e Arxentina; Cuba xa os acollera tempo antes; e a partires da década dos 60 provaron sorte en Europa, principalmente en destinos como Francia, Suiza ou Alemaña.