Carlos Padín aínda ten as botas listas para saír ao campo aos seus 46 anos. Xoga no Catoira, o equipo do seu pobo e co que a pasada tempada acadou o ascenso a Segunda Rexional. “Subimos e despois pasou o tema do COVID. Se volven abrir para poder facer fútbol, ímolo tentar un aniño máis”, promete o veterano mediapunta. No século pasado, en febreiro de 1998, disputou dous partidos en Primera División co Deportivo de José Manuel Corral. Eran outros tempos e outro Dépor, unha “época bonita” da que Padín tamén foi partícipe.

Daquela estaba no Fabril, ao que chegara dende o Pontevedra, e estreouse na elite naquela singular visita a Zorrilla, co cadro coruñés baixo mínimos. “Íamos con moitas baixas, pero estou encantado de ter debutado co primeiro equipo. Foi un soño”, lembra Padín, quen na súa etapa de branquiazul adestrou tamén ás ordes de Carlos Alberto Silva e de John Benjamin Toshack. Pinillos, Aira, David, Toni, Deus, Maikel ou Carlos foron outros caiteiráns que deron o salto xunto a Padín naquel Dépor de fináis dos 90, xa campión de Copa e Supercopa.

Moita estrela coa que competir. Difícil facerse un oco, según lembra Padín.“Foi unha pena non ter máis continuidade, pero tamén hai que asumir que había xogadores moi importantes, todos internacionais, e era moi complicado. Quédome con Fran, Djalminha, Mauro Silva e Rivaldo, esos catro. Impresionantes”.

Riazor impulsouno, porque o Dépor permitiulle “cumplir o soño de xogar en Primeira, e nun equipo grande”, pero foi en Pasarón onde máis campañas xogou, seis, repartidas “en tres etapas diferentes”, a primeira xusto antes da súa chegada ao Fabril. “Deportivo e Pontevedra son dos equipos que máis me marcaron”, resume Padín, que tamén sente “moito cariño” polo Racing de Ferrol, aínda que xogara alí “so un ano”. Mentras o Dépor gañaba o título de Liga en 2000, el subía a Segunda dende A Malata. Logo pasou por Lleida e Logroñés antes de completar en 2002 o seu primeiro camiño de volta ao conxunto granate, co que tamén ascendeu en 2004 á categoría de prata.

Padín coñece á perfección a Segunda B, unha competición “moi complicada” na que segue con especial atención a traxectoria dos representantes galegos. Por eso sabe que ao Dépor agárdalle un duelo moi complicado o sábado en Pasarón. “Penso que vai ser un partido igualado porque o Pontevedra tamén ten un superequipo. O campo é grande e está perfecto. Gustaríame que houbera goles e que fose un encontro bonito. Oxalá os dous poidan estar en Segunda a final de temporada”, desexa o catoirense.

Sobre o actual Dépor, considera que ten “o mellor equipo” da categoría, aínda que “agora mesmo, vendo os partidos, non ves moi claro que sexa fácil subir porque non está sendo moi superior a ningún rival”. O Deportivo no que el chegou a debutar en 1998 xa era un dos grandes de España, con títulos e a piques de gañala Liga. Por eso a Padín parécelle incrible que se vaia enfrontar ao Pontevedra en Segunda B: “Se hai quince anos disme isto, diría que é unha cousa de tolos. O futbol é así e esperemos que haxa sorte e que incluso este ano poidan subir os dous”.

O fillo, no Dépor xuvenil A

Carlos Padín, ao que chamaban O Mago de Catoira nos seus mellores tempos, pasou en total por trece equipos diferentes: Arosa, Pontevedra, Fabril, Deportivo, Racing de Ferrol, Lleida, Logroñés, Ourense, Órdenes, Boiro, Cordeiro, Flavia e Catoira. Toda unha vida coma futbolista, un camiño que agora quere emprender o seu fillo Hugo, xogador do xuvenil A do Dépor, que ven de gañar (1-2) o derbi contra o Celta a pasada fin de semana na estrea da nova cidade deportiva celeste. “Esta é a súa sexta tempada na canteira do Dépor. Él está contento, que é o máis importante”, explica Padín, sabedor de que o soño do seu fillo, de 17 anos, é o mesmo que él tiña hai máis de dúas décadas, “triunfar e chegar ao primeiro equipo”.

46 anos e segue xogando

O veterano futbolista, que traballa nunha empresa de aluminio en Valga, quere seguir competindo outro ano máis co clube do seu pobo. “Con 46 anos intento desfrutar. Estas categorías son diferentes. Entrenas pola tarde e pola noite, pero como estou cos meus amigos aquí en Catoira, e son de aquí, estou encantado”, relata o exdeportivista.

O fútbol aínda é presente para el, polo seu fillo e porque segue xogando camiño dos 50, e quere que sexa tamén futuro. Aspira a que lle chegue unha oportunidade non para adestrar —“non me tira moito”— senón para traballar cos cativos. “Espero que algún día algún clube aposte por min para ver nenos e buscar xente para a canteira”. Unha nova meta por alcanzar na longa viaxe futbolística de Padín.