Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

fútbol

Jorge Paz: "Moitas das reunións que mantivemos foron para facernos perder o tempo"

Os afeccionados do CD Ourense axiña intuíron que "había interese en que morrese"

Jorge Paz é un dos socios fundadores da Unión Deportiva Ourense. // Carlos Peteiro

Jorge Paz é un dos socios fundadores da Unión Deportiva Ourense. // Carlos Peteiro

Jorge Paz non entendía ser doutro equipo que non fose o Club Deportivo Ourense. A súa paixón polo club veulle de familia. "Xa me lembro aló polo ano 1978 de ir a O Couto co meu pai", comenta. Foi socio do CD Ourense durante 35 anos e, salvo que estivese enfermo ou de viaxe, foi a todos os partidos do equipo na casa e incluso a algúns fóra. O seu apego polo CD Ourense levouno a vivir en primeira persoa os días "angustiosos" da súa desaparición, a ser peza activa dos intentos estériles por salvar o Club e, finalmente a formar parte da primeira directiva dun proxecto que "case ía mais aló do fútbol": a Unión Deportiva Ourense.

- Como xurdiu a plataforma SOSCDOurense e quen a conformaba?

- No mes de xuño de 2014 o rumor de desaparición ao que nos tiña acostumados nos dez últimos anos o CD Ourense comezou a soar moito máis forte. Foi entón cando varios afeccionados dos que levabamos toda a vida co Ourense nos comezamos a intercambiar os teléfonos. A maioría de nós non nos coñecíamos mais que de vista nas gradas pero foi a preocupación compartida a que nos levou a crear a plataforma SOSCDOurense.

- A idea nese intre era salvar o CD Ourense. Cando se deron conta de que esa non era unha opción posible?

- Durante eses días mantivemos reunións case clandestinas en cafeterías con políticos e empresarios para coñecer as alternativas de supervivencia que había para o Club. Axiña nos demos conta de que os poderes e as institucións non compartían o noso interese.

- Pensa que a decisión de deixar morrer o CD Ourense xa estaba tomada?

- Co paso dos anos, os que conformamos aquela plataforma mesmo chegamos a conclusión de que moitas das reunións que mantivemos con xente importante da cidade foron máis que nada para facernos perder o tempo e lograr que non sairamos as rúas a protestar. Semellaba estar todo decidido e ben cedo tivemos a intuición de que había un certo interese en deixalo morrer.

- As débedas económicas foron as culpables desa desaparición?

- É certo que había problemas económicos, o Club arrastraba débedas con Facenda e a Seguridade Social, ás que se sumaban a falta de pagamentos a provedores, pero coido que eran cantidades asumibles para as que existían solucións. Realmente entendo que o grao de abandono e de desidia que se viviu durante os últimos días do CD Ourense foi o que conduciu a súa desaparición. O desapego e a intención de deixar morrer o club da cidade non se experimentou deste xeito en ningún outro lugar de España. Foron uns días moi angustiosos nos que creo que a maioría dos que logo conformamos a directiva non durmimos ao estar vendo que non pintaba ben a cousa.

- Como chegou unha saída a esa situación tan complicada?

- Os mesmos que tentamos salvar ó CD Ourense e finalmente fracasamos fomos os que consideramos nese intre crear un novo club. Foi un pouco unha tolemia pero viñamos coa enerxía de levar practicamente un mes somerxidos no tema.

- Así foi como naceu o 10 de xullo de 2014 a UD Ourense.

- Aquel verán ninguén de nós tivo vacacións. Pasamos de ser case completos descoñecidos a traballar sen descanso para facer un novo club cun carácter asembleario.

- Tiveron que facer fronte a moitas complicacións?

- Aqueles meses iniciais todo era unha incógnita. Pasamos todo xullo e agosto convocando asembleas porque tiñamos que redactar un estatuto e dar resposta a cuestións básicas como o nome, as cores e o escudo do club... Por se isto fora pouco, cabe recordar que todos nós éramos afeccionados do fútbol, pero non tiñamos nin idea de xogadores nin de técnicos. Aquel ano tivemos que aprender e fixémolo grazas ó contacto con xente do fútbol como Antonio Dacosta e Perfecto Rodríguez, Peluso, dúas persoas estreitamente vinculas ó CD Ourense en diversas etapas e que asumiron a responsabilidade de confeccionar a primeira plantilla e tutelar a base. Ese primeiro ano foi moi especial e pronto se sumaron tamén de xeito altruísta ex xogadores do CD Ourense.

Compartir el artículo

stats