Xoán Ledo (Lalín, 1996) é unha das maiores perlas producidas pola prolífica canteira do balonmán dezao nos últimos anos. Con 26 anos recén cumpridos, o mellor gardarredes lalinense do momento xa é un xogador totalmente contrastado a nivel internacional. Tanto, que está a piques de viaxar a Francia para comezar a adestrar co seu novo equipo, o Istres Provence Handball. Durante a próxima tempada, Ledo participará nunha das ligas máis poderosas do mundo.

–Despois de facer oficial a súa fichaxe polo Istres, desapareceu do foco mediático. Que fai Xoán Ledo agora que xa rematou a tempada co Bidasoa?

–Rematei co Bidasoa o 8 de xuño, e despois vin para Galicia. Agora mesmo xa estou preparando a vindeira tempada, facendo algo de traballo para chegar o mellor posible ó día 25 deste mes, que é cando comezo os adestramentos co Istres.

–Como foi deixar o Bidasoa despois de 5 tempadas? O equipo medrou moito estes anos e vostede fixo grandes tempadas en Irún.

–Non foi unha decisión nada sinxela, pero eu xa levaba un par de anos pensando en xogar fóra de España. Teño moitas gañas de probar experiencias novas e coñecer o balonmán doutros países. Cando se presentou a opción de ir a Francia, tíveno bastante claro. Pero si que foi duro porque deixo moitos amigos aquí e experiencias tan boas como a de seguir aprendendo de Sierra, compañeiro meu na portería, durante o ano do seu retiro.

–A liga francesa non se pode comparar ca Asobal, sobre todo en canto a recursos e potencial económico. En españa, o balonmán está nunha situación moi mala, ou polo menos é o que parece dende fóra. Parece que para triunfar e ser profesional hai que emigrar.

–Os que estamos dentro temos unha visión moito máis pesimista que os que vivides o balonmán dende fóra. A veces parece que pode haber brotes verdes, pero a realidade é que os clubs están mal económicamente e teñen moitos problemas para sacar adiante as tempadas. A situación económica entre España e Francia non é comparable. O que si se pode comparar é o nivel dos xogadores e a maneira de competir dos equipos.

–Que diferenza pode haber entre os soldos de Francia e España?

–Depende moito do xogador, onde xoga, de que equipo procede... Pero pódese cobrar o dobre perfectamente e, en moitos casos, o triple tamén.

–Que coñecementos ten do Istres? Tamén ficharon a Álex Márquez, ex do Granollers.

–Coñecemento do equipo non teño demasiado. Eu vivía en Irún con Thomas Tesoriere, que xogou 7 anos na primeira francesa e falei moito con el da liga e do balonmán francés. Sei que me vou atopar un equipo con moitas fichaxes novas, porque o ano pasado a tempada non foi tan ben como esperaban. Estou contento ca fichaxe e espero poder xogar tamén noutros países.

–E despois de acumular tantas experiencias, dentro de moitos anos, terá que finalizar a súa carreira en Lalín. Que lle parece?

–Si, por suposto. Eu sempre teño a volta a Lalín dentro da miña cabeza. Mentres teña ós meus amigos xogando no primeiro equipo, eu seguirei tendo gañas de volver xogar co meu club de sempre.