fútbol | Noventa aniversario do c.d. Estradense (I)
A primeira pedra
O próximo 31 de maio cúmprense 90 anos do primeiro partido da historia do Club Deportivo Estradense
Francisco puente muiña/ Lois Docampo | A Estrada
A comezos do ano 1925 A Estrada era un concello novo. Con menos de cen anos de existencia vivía principalmente do sector primario e cun noventa por cento dos seus 25.000 veciños residindo na zona rural. Como o resto de España estaba baixo dun réxime ditatorial de Primo de Rivera, dentro do reinado de Alfonso XIII. Nese contexto comezou a coller forza o "football" como o denominaba a prensa da época, un deporte chegado de Inglaterra que xa tiña forza noutras zonas de España, además de nas grandes vilas galegas. Foron moitos os equipos galegos que deron os seus primeiros pasos con mellor ou menor fortuna nas décadas anteriores á Guerra Civil, entre eles o Club Deportivo Estradense.
Por esa época existía na Estrada unha Caixa de Reclutas comarcal da que era responsable un comandante vasco, o donostiarra Emilio Velasco. Tratábase dun gran aficionado ao deporte e terminou sendo unha figura clave na historia do Club Deportivo Estradense. O comandante soubo dun nutrido grupo de mozos que xogaban ao fútbol no Campo da Pira. Achegouse a velos e propúxolles formalizar a súa situación creando un club deportivo.
O seguinte paso foi rodearse dun grupo de aficionados para crear a primeira xunta directiva. Despois solicitou nun pleno extraordinario que o Concello da Estrada sostivera economicamente ao novo equipo, algo que desaprobou a corporación estradense alegando que non había cartos. Lonxe de desanimarse, abriu a inscrición de socios que nese ano chegaron aproximadamente a un cento. Tamén foi apuntalando o equipo con algúns xogadores veteráns e organizou un histórico partido amigable.
Nesas datas nos terreos que ocupaba o campo de fútbol iniciábase a construción da Praza de Abastos e polo tanto a xuventude quedaba sen un lugar, máis ou menos axeitado, para a práctica do fútbol. Ese feito terminaría sendo determinante para que o primeiro partido da historia do Estradense se celebrase como visitante.
A data elixida foi o 31 de maio, un domingo. O xoven equipo trasladouse a Caldas de Reis co obxecto de xogar un partido que tiñan concertado co primeiro equipo desa localidade. Finalmente ese partido non puido celebrarse a causa de incidentes entre parte dos xogadores e a directiva do Caldas. O Estradense decidiu entón regresar sen xogar o partido. Nese momento presentouse no campo un equipo de Padrón, que tiña concertado para o mesmo día e hora un partido co mencionado equipo de Caldas de Reis. Postos de acordo os capitáns de ámbolos dous equipos, xogouse o partido entre padroneses e estradenses. Coa arbitraxe do árbitro Caveio escomenzou o encontro. A primeira aliñación por parte do Deportivo Estradense foi Pereira; Lueiro, Jesús; Emilio, Cándido, Xestoso; Rey, Carballeda, César, Campos e Pepucho.
O Estradense escolleu campo a favor de vento e sacaron os padroneses. Nada máis empezar Emilio apoderouse do balón para que César terminase rematando demasiado alto. Pouco despois un novo avance estradense foi cortado coa man por un defensa, falta coa que logran o primeiro gol de tiro directo. Carballeda marca o segundo e Jesús o terceiro uns minutos antes do descanso. A segunda parte comeza cun forte vento en contra dos estradenses que fai que o dominio do xogo sexa insistente dos padroneses. Acurtarían distancias de penalti e un pouco mais tarde de tiro directo establecerían o 3-2 definitivo no marcador. Cabe destacar sen embargo que o tempo regulamentario non se cumpriu, xa que o árbitro suspendeu o partido debido a un gran alboroto formado por dous espectadores. A expedición estradense regresou moi molesta pola pouca formalidade dos caldenses, con respecto á celebración do partido e ao comportamento do público.
O comandante Velasco, ante a ilusión de todo un pobo, fixouse o seguinte obxectivo: xogar o primeiro partido de fútbol formal na Estrada. Para conquerilo alugou un precioso terreo entre o Barrio Novo e a Decoita, quedando rematado o seu acondicionamento para campo de xogo no mes de marzo de 1926. Un mes despois aproximadamente celebrouse, ás catro da tarde dun domingo de abril, no novo campo estradense un partido entre os equipos do Deportivo Estradense e o Trust Escolar compostelán, coa seguinte aliñación por parte local: Cándido; Díaz, Mella; Juanito, Cándido, Cantón; Seso, Rey, Reino, Jesús e Carballeda.
O campo estaba completamente abarrotado de público que agardaba con verdadeira ansiedade o inicio do partido. Era a primeira vez que se celebraba na Estrada un encontro formal e contra un conxunto forasteiro de gran valoración. Antes do inicio, Isaurita Durán, madriña do equipo estradense, recibiu un ramo de flores. O partido, recordado polo bo xogo de ambos equipos, rematou coa vitoria local por 4 a 3.
Tralo estreno, o club dispoñíase a inscribirse na Federación Galega de Fútbol para competir na Serie C. Mentres, seguía xogando partidos amigables, tres contra un equipo de Caldas, saldados con vitorias estradenses. Como visitantes organizaron unha excursión con gran afluencia de aficionados, máis de vintecatro autos compoñían a animosa e leda expedición. Antes de chegar a Caldas púxose o auto á cabeza da caravana, provocando o asombro e admiración dos caldenses. O resultado do partido foi de 1 a 5, vitoria conquerida contra pronóstico pero xogando ben ó fútbol e poñendo unha grande doses de coraxe no xogo.
Naqueles intres, os mestres vían con preocupación a actitude da gran maioría dos nenos da Estrada con respecto da práctica do fútbol. Por ese motivo o director do Colexio Cervantes explicáballe ó alcalde Benito Vigo nunha carta a causa desa intranquilidade "Máis é tal a febre que se apoderou dos nosos rapaces, que pasan día e noite delirando perigosamente en patadas, golpes mutuos, caídas e ata en blasfemias infantís detrás dunha pelota que parece disposta a retratar a obsesión dunha época histórica. Isto non parece xogar para divertirse, senón divertirse para sentar profesión. Esta paixón extrema constitúe un gravísimo prexuízo para o ensino dos rapaces, que non aprenden, senón para a súa educación moral considerando o desenrolo que van adquirindo as paixóns impetuosas e o predominio do físico diante do espiritual. Non estudan as leccións, chegan tarde á clase, non prestan atención ás explicacións, dominados pola obsesión do xogo. E como a isto é indispensable poñerlle remedio, permítome suplicarlle a Vd. que emprenda unha cruzada, coa axuda dos pais de familia, contra tales extralimitacións".
Pouco podía facer xa. Neses anos arrancou na Estrada unha historia que continua engordando noventa anos despois. Aquelo so era a primeira pedra dun dos grandes monumentos que construíu a vila estradense.
Suscríbete para seguir leyendo
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Un buque de Grimaldi pide asistencia entrando en Vigo al quedarse sin motor frente a Monteferro
- La batalla de los sacerdotes enamorados: 'El tabú se está rompiendo y no nos vamos a rendir
- Retiran la incapacidad absoluta a un operario del Naútico con mieloma: «Puede trabajar en ambientes sin contaminación»
- La Guardia Civil aborta una macropelea con más de medio centenar de menores en Cangas
- Muere abrasado por las llamas dentro de su vehículo en Redondela
- La famosa plaza de Vigo que nadie llama por su nombre real: una historia de cambios
- Como si estuvieras en Francia: la pastelería de Cangas que te transportará en el primer mordisco