Atletismo
Vaquero, contada por Julia: unha biografía imprescindible
«Chámome Julia» está á venda dende o 13 de xullo. Isidoro Hornillos ten escrito a historia da lenda deportiva e do ser humano doente. Julia Vaquero ispe a súa alma

Julia Vaquero, cun exemplar da súa biografía. / Jose Lores

–Non escribo o libro, eh!– Ás veces Isidoro Hornillos ameazaba a Julia Vaquero con retirarse da tarefa, entre a broma e o consolo, candas as bágoas ateigaban os ollos da guardesa. «Houbo momentos nos que me derrubei», confesa ela. Os dous foron quen de sair adiante. Vense de tirar no prelo «Chámome Julia»; a biografía dunha das mellores atletas que deu o país. Alén das victorias e dos cronos, o relato dunha existencia enguedellada na dor e dunha arela de redención. «Aínda estou no proceso», sinala.
«Chámome Julia», acostuma a precisar a olímpica, cando lle chaman Xulia, co seu precioso galego guardés. Malia o título, o libro editouse no castelán rítmico e cristalino de Hornillos. A desentrañar esa complexa identidade adícanse 364 páxinas, incluindo os limiares do presidente do COE, Alejandro Blanco, e do escritor e xornalista Ramón Loureiro. «A Julia Vaquero, por la valentía con la que rescató del pasado episodios de su vida no siempre fáciles de recordar», consagra o autor, profesor universitario e ex presidente da Federación Galega de Atletismo. Non se queda nas verbas. Hornillos ten renunciado a calqueira ingreso pola venda dos exemplares. Cede todos os dereitos á súa biografiada, que se sostén nunha pensión non contributiva e no patrocinio de Fe Seguros como embaixadora e membro de Veteranos Samil. «O meu futuro non está en correr carreiras, senón en desenvolver un traballo relacionado co deporte», propónse.

Julia, cun peluche da mascota dos Xogos de Atlanta. / Pastor
Porque Julia segue a galopar. O sábado, de feito, gañou a Nocturna de Vilagarcía na categoría M55. «O deporte manténme. É a miña forma de conectar conmigo mesma», explica agora este prodixio da natureza. O atletismo ten sido moito máis para ela neste medio século ás corridas: unha profesión de gloria e sacrificio, unha paixón á que entregarse e unha tortura da que afastarse durante dúas décadas. A súa salvación e a súa condena. O xeito que aquela rapaciña de grandes ollos entre castaño e abraira, filla dun matrimonio emigrado a Chamonix e logo retornado, atopou para escapar das angurias cotiás do rural guardés nos oitenta.
O libro, en fin, escomeza cun feito que prologa e condiciona todo o argumento: a morte do seu pai Nemesio na beira do mar, cecais por débedas de xogo ou por estorbar o contrabandeo. Xamáis se soubo. «Ó ler o borrador chorei moito recordando momentos dolorosos como a emigración, a ludopatía do meu pai, o que pode sufrir un neno cando llo matan...», recoñece. «Foi moi duro remover todos os episodios nos que máis sufrín».
Vanse enumerando, nas contas deste rosario, «os sacrificios, as renuncias a ter unha vida familiar ó uso, as esixencias na alimentación nunha época sen dietistas, a falta dos descansos necesarios, a presión dos grandes campionatos» nese camiño cara ós títulos e os récords. Tamén, alonxándose do tartán, xa apagados os focos e rematadas as fanfarrias, os fracasos sentimentais, as leas patrimoniais, as decepcións e traizóns, «sen ninguén ó lado que me dese apoio». E sempre coa saúde mental como un fío que zurce os aconteceres.
«Un proceso de maduración»
«Cando volvín a adestrar aínda tiña moita rabia, moito odio», admite, espíndose. Julia recén rematou unha primeira etapa de terapia, de seis meses, coa psicóloga Eva López no Programa Transforma. «A parte máis positiva é agora na reconstrucción. As experiencias negativas, caer e levantarse, todo foi un proceso de maduración. Agora estou a desfrutar, aprendendo a centrarme en min, en quererme, valorarme e respetarme».
Non concluiu a súa reconciliación consigo mesma. É unha loita diaria, cecais perenne. Porén, Julia celebra os pequenos triunfos, máis doces que calqueira medalla. O cansazo de terse baleirado nun adestramento. Unha charla con amigos. A admiración que colleita nas probas populares. O abaneo da brisa na mesma praia que lle resultaba un suplicio en plena depresión, cando a súa filla era pequena. Ou a mensaxe que lle fixeron chegar dunha lectora de este «Chámome Julia» que se sentiu identificada co que se narra. «Este libro, ó saír á luz, pode axudar a moitas persoas que teñen pasado por estas situacións e a deportistas que están empezando», defende Julia. «Todos temos feridas. E a través delas podemos sandar».
- Rescatada del agua una persona que flotaba boca abajo en una playa de Sanxenxo
- Dos toneladas de microplásticos llegan a la ría de Vigo cada año desde el Morrazo
- Abraham Mateo consigue dejar 'loco enamorado' al público de Castrelos
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una mujer que se hizo pasar por médica en Lugo y A Coruña
- La estudiante viguesa del campus de Pontevedra, Marta Domínguez, se proclama de nuevo campeona de squash del mundo universitario
- Tres heridos en dos accidentes de tráfico en Cangas y Moaña
- La nueva vida de la familia argentina que se mudó al rural ourensano para emprender: «Acá nos sentimos libres»
- De local comercial vacío a sala de exposiciones para 1.000 personas junto al Auditorio Mar de Vigo