Atletismo
O amor de nai é unha carreira de fondo infinita
Marta Fernández Otero e a súa filla Laura Meira Fernández compartirán unha carreira por vez primeira este venres no 3.000 do Trofeo Virxe Peregrina de Pontevedra con zancadas de orgullo, ilusión e felicidade: «Será unha lembranza que gardaremos para toda a vida», coinciden as dúas

Marta e Laura, xuntas na liña de saída que para a nai é unha meta cumprida. / Pedro Mina

Cando Laura naceu, hai case 14 anos, Marta Fernández Otero tiña en pausa a súa traxectoria atlética. Atopou nunha lesión de longa duración a oportunidade de afrontar a maternidade no proxecto familiar que tiña -e ten- con Alberto Meira, o piloto de rallys. A pequena pintou de cores o mundo de ambos. Unha felicidade incomparable para unha vida nova. Mais, porén, pronto apareceron retais da vella. A cativa herdou o amor da súa nai polo atletismo e Marta, que sentiu a chamada a través da súa filla, botouse a correr de novo coa meta de compartir unha proba con ela algunha vez. Hai tres anos daquilo e ese momento chegou. Este venres, ambas estarán xuntas por primeira vez na mesma liña de saída. Será no 3.000 do Trofeo Virxe Peregrina de Pontevedra.
«Vai ser moi especial para min», confesa a atleta de Vincios a dúas semanas de cumplir os 41 anos. «É un sentimento de mamá, de ter a miña filla comigo compartindo a miña paixón», engade con orgullo. Laura coincide na opinión con algo máis de timidez. «Esta carreira é moi especial porque vai ser a primeira con mamá», suliña a pequena. E, paradóxicamente, aínda que semelle unha liña de saída, para Marta é unha meta. Agora, só queda desfrutala.
Esa é a palabra chave. «Agardo que sexa un lembranza que gardemos para toda a vida», apunta a cativa cun puntiño de emoción, que a súa proxenitora confirma e comparte. Eses 3.000 metros vencellan a nai e filla sentimentalmente, mais tamén no aspecto atlético. Porque Marta foi sempre unha gran fondista, con sensacionais resultados no 5.000 e no 10.000. Nesta segunda etapa, aínda máis, coa media maratón na cabeza e nas pernas. Laura, en cambio, tira ó medio fondo. Principalmente, fai 600 e 1.000 nesta etapa formativa na que comeza a destacar. Suma medallas en Campionatos de Galicia e mínimas para os de España. «Non sei se superará as miñas marcas de 5.000 e 10.000, pero as de 800 e 1.500, seguro», augura a nai.
«É un sentimento de mamá, de ter a miña filla vivindo comigo o deporte que tanto quero»
Nese senso, o plan inicial de compartir pista era que Marta botase un cabo a Laura. «Foi unha tolemia», recoñece a atleta de Vincios, que desvela que a idea saíu de Sandra Mosquera, outra ilustre do fondo vigués e compañeira de adestramentos. «O que máis lle custa a Laura do 3.000 é levar o ritmo. É unha proba longa para ela. Pasan as voltas e non sabe se vai rápido ou lento. Normal porque non ten experiencia. A idea era levala. Facer de lebre. Aínda que tivera que parar no 2.000», explica. «Pero entre que non adestrei como me gustaría -estivo lesionada- e que na lista de inscritas hai rapazas perfectas para isto, non me vai necesitar para nada», engade Marta.
Con esta nova realidade, nai e filla pasan a ser dúas competidoras na mesma carreira. «Teño moitas ganas de vivir a experiencia», apunta a filla, sen meterse en máis leas. Xa se molla a nai. «Sen lugar a dúbidas, Laura quedará por diante miña. E non o digo por aquilo de que é a miña filla. A nivel de calidade, agora mesmo ela debe gañarme. Se non o fai é porque lle pasou algo», recoñece Marta.

Nai e filla divírtense nas pistas de atletismo de Balaídos. / Pedro Mina
Iso si, se aparece a posibilidade, non ten pensado darlle nin auga. «Se se dera o caso, que non o creo, de que ela pinchara e chegaramos xuntas ós últimos 200 metros, apretarei ós dentes como con calqueira outra rival. Deixaría a vida. Iso de que mamá te deixe gañar, nanai de la China», comenta Fernández coa súa habitual retranca. «O malo é que ela é bastante máis rápida ca min. Ten as de gañar», engade entre risas.
Do que vai acontecer, ninguén sabe. Mais as dúas teñen ben presente o que pasou. Atrás quedan aqueles tempos nos que os pais obrigaron a Laura a elixir un deporte. O que ela quixera. «En ningún momento tentaron meterme en atletismo», acota a cativa. «Pero claro que lle fixo ilusión a mamá», di a filla cun soriso, mentres lembra aqueles primeiros pasos nas escolas do Comesaña -clube de ambas- con seis anos.
«Que ben que elixín o atletismo porque agora podo compartir esta paixón coa miña nai»
A nai recoñece que é certo. Un sentimento que medrou ata o punto de calzar xuntas as zapatillas. «A primeira vez que rodei con ela, lembro chegar a casa e dicirlle a Alberto o especial que foi correr xuntas ó mesmo nivel. Como moito tivo que agardar ela por min», explica, mentres deixa claro que a súa máxima nestes anos foi «non meterlle ningunha presión» á súa pequena. «Isto é para desfrutar», engade. «Non quero levar ese rollo de nai de preguntar canto adestraches o canto tempo fixeches. De feito, á miña compi Sandra (Mosquera) sempre lle digo que se me ve facer un comentario que soe a nai chunga, que mo avise», comenta entre gargalladas.
Por iso, a un par de días do gran momento, a emoción comeza a aparecer. «Faime moita ilusión compartir este deporte con ela, xa que foi e segue a ser unha parte moi importante da súa vida. Agora tamén o é da miña», di Laura cun discurso impropio dunha rapaza de 13 anos. Marta tamén sinte que está a piques de cruzar a meta que comezou a buscar aló por 2023. E lémbrase do seu home, Alberto Meira, o pai da pequena. Tamén dos seus propios pais e orgullosos avós. «Penso que son os que máis se van emocionar. Failles mogollón de ilusión», di Fernández, feliz de acadar este obxectivo. O deportivo e o vital. «Que ben que elixín o atletismo porque agora podo compartir esta paixón coa miña nai», conclúe a incipiente mediofondista, mentres a veterana fondista sinte que o 3.000 do venres rematará, pero o amor de nai é unha carreira de fondo infinita.
Suscríbete para seguir leyendo
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- Muere un motorista de 47 años en Vigo al sufrir una salida de vía en una rotonda próxima a Peinador
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta