Remo
Os veteranos de A Guía: a traiñeira dos homes extraordinarios
O Campionato Galego de Longa Distancia exerceu como festa de apertura da tempada para as traiñeiras. En Castrelo de Miño presentou todo o seu potencial en sociedade o equipo veterano do Clube de Remo Virxe da Guía. Pel viguesa e médula moañesa cunha nómina escintilante, que inclúe campións de La Concha e incluso experiencias olímpicas

Os remeiros do equipo veterano de A Guía.

Bogan con enerxía, case que con carraxe, sobre a lámina morna e durmiñenta do encoro. Os veteranos do C.R. Virxe da Guía e da S.D. Samertolaméu escoitan os folgos propios e alleos, o bater das padexadas, os berros dos patróns marcando o ritmo... Vinteséis remeiros apretan os dentes e morren un chisco en cada esforzo. As dúas traiñeiras voan, ombreiro con ombreiro, sen amosarse as proas. Cruzan á vez a meta ou así semella dende a beira en Castrelo de Miño. Cecais os de Meira se teñan decatado das súas escasas centésimas de vantaxe. Pararon o crono en 17:01,99. Os de Teis, en 17:02,28. Son estes, porén, os que celebran. Acaban de se proclamar campións do Campionato Galego Xunta de Galicia de Longa Distancia.
A taboa de equivalencias determina os hándicaps segundo as idades medias. Á Virxe da Guía se lle quitan 17,10 segundos polos seus 55 anos. A Samertolameu, só 12,10. Completará o podio Chapela, con esa mesta resta e que tardou 17:06,57 en percorrer os 5.000 metros estipulados. «Meira e Chapela levan un montón de anos. Son equipos moi acoplados, moi feitos», analiza Cesáreo Bastos. Un dos alicerces dun proxecto de adscrición viguesa e núcleo moañés, de éxito inmediato. Unha auténtica liga de homes extraordinarios.
O núcleo de Tirán
A idea de congregar a grandes doutras épocas para competir cos coetáneos –en Castrelo, na categoría masculina, tamén participaron Vila de Cangas, Rianxo, Ares e Cabo da Cruz– xurdiu entre os membros da traiñeira de Tirán de comezos de século. «Eles forón chamando xente e formaron un grupo», recorda Cesáreo. «Moitos deles levaban un feixe de anos sen bogar, como Javier Vilariño e Luciano Prego».
Ninguén máis histórico que o mesmo Cesáreo, protagonista dun fito inesquecible. Él exerceu como director técnico da Nosa Señora dos Remedios xusto antes da fusión con San Xoán de Tirán para crear a actual sociedade. Con esa embarcación clasificáronse para participar na regata de exhibición dos Xogos de Barcelona en 1992, a única experiencia olímpica da modalidade. Nas augas catalanas quedaron terceiros.
Dous dos seus pupilos naquela aventura, Henrique Gil e Santiago Piñeiro, recuncan con el. Cesáreo abandonara o remo en 1995 por mor do traballo. De feito, pasaría despois vinte anos en Senegal, como inspector técnico de Vieirasa. Recrutado agora inicialmente como adestrador, aceptou cederlle ó posto a Fran González, tamén patrón, que se incorporou despois. «Estivera totalmente desconectado. Tamén eu cría que Fran estaba máis preparado».
Cesáreo exerce de coordinador e delegado. Ou do que faga falla nas sesións de adestramento. Pero non se desenvolven en Tirán. Producíronse desacordos coa directiva. Acolléronnos cruzando a ría, na Virxe da Guía. O lea non devalou o entusiasmo. «A xente está moi ilusionada. Aínda que todos teñen un bo currículo, xuntáranse en principio para ver que pasaba pero as sensacións foron deseguida moi boas. Hai un ambientazo. Eles tiran de min».
Sobrada calidade
O padrón é amplo, pero suxeito ás continxencias laborais, físicas e privadas de cada quen. «Houbo varios descensos antes deste campionato. Fumos con moitos cambios, con moitos problemas. En Castrelo xa logramos ter un equipo máis perfilado, case o máis potente que tiñamos». Case porque Gil, por exemplo, está operado dunha man e Dani Rúa, «un dos chavales de 50 anos, un puntal», anda de traballo en Cabo Verde.

Fernando Rúa, en su etapa en Urdaibai. / IKER AZURMENDI
Sobroulles calidade. No Campionato Galego da Longa Distanciada, creado pola federación e pola Xunta como limiar da tempada, bogaron Jesús García, Víctor Couñago, José Costa, Santiago Piñeiro, Juan Luis Callón, Miguel Méndez, José Manuel Rodríguez, Luciano Prego, Javier Vilariño, José Antonio Carro, Felipe Sobral... Como decano, Antonio Devesa, ós seus 70 anos. Como astro, Fernando Rúa, que en abril cumprirá 51; o remeiro galego máis prestixioso, recén retirado da elite, con sete bandeiras de La Concha e tres títulos da Liga Eusko Label entre a manchea de títulos –incluindo os campionatos de España con Tirán de 1996 e 1997–.
Talento e esforzo. O sucedido en Castrelo («foi unha experiencia moi bonita, con homes e mulleres de todas as idades») cobra así sentido. Os adestramentos iniciados en outubro teñen agromado coa chegada da primavera. «Da gusto mirar o grupo», resume Cesáreo, voceiro dunha traiñeira que xa soña co verán: «Vamos a competir na Liga, no Campionato Galego, no Campionato de España.... A por todas».
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional