Natación
Mou rompe o xeo
Javier Mouriño acostumouse en Chequia e Polonia, onde pasa moito tempo por mor do traballo, a practicar o baño en augas xélidas. Este ano deu un novo paso no seu romance co xeo. En Países Baixos e Alemaña tense estreado en probas de natación baixo o regulamento da IISA, con temperaturas que chegaron a alcanzar os 2,3 graos.

Mou, primeiro pola esquerda, durante un baño en auga xélida.

A primeira vez que afrontou unha travesía no mar, entre as praias buenenses de Mourisca e Pescadoira, arredor de 6 km, Javi Mouriño non foi quen de seguir o ritmo dos seus compañeiros. «Entroume unha ansiedade brutal. Paseino moi mal», recorda. Tardou case seis horas en chegar.
–Non pode ser –pensou.
Rexeitando a rendición, recadou afecto e consellos ó arribar. Recuncou. Sete días despois voltou a nadar, desta vez entre Panxón e As Estelas. «Saiume moi ben».
–Isto é para min.
Sigue a selo dende aquel 2020, cando o mundo recén se espreguizaba tralo peche da COVID. Mouriño, Mou acotío entre os seus, colecciona aventuras informais e probas oficiais. E agora, amais, ven de engadir ó seu currículo as augas xélidas. Dos poucos españois e aínda menos galegos que se atreven e aturan ese mundo fronteiro, onde a auga se abisma ó cambio de estado.

Xuntanza solidaria que se organiza co Concello cada Nadal en Panxón. / Cedida
Mou sempre nadou, pero de xeito lene, terapéutico. Sofre problemas no lombo «de nacemento», revela. Bloqueos que o limitan noutras actividades. «Nada grave, pero non se pode operar nin me quero medicar». A piscina enxeriuse así na súa rutina. Con disciplina pese á condición transhumante deste vigués «de Teis», concreta con orgullo, con fogar en Baiona. Enxeñeiro nunha multinacional, dende 2015 pasa varias semana ó mes na Europa central: Chequia, Polonia, Eslovaquia...
Foi en Polonia onde coñeceu o costume de bañarse en auga xeada. A xente, normalmente de certa idade, acode ós lagos no inverno, creba o xeo se é preciso –nos ultimos anos sucede menos– e se somerxe ata o peito, sen máis amparo que o bañador, un gorro e unhas luvas de la. Mou ‘bautizouse’ xusto antes da pandemia, preto de Poznan. «Sempre me chamara a atención. Falei cun compañeiro, Tomek, que se metía regularmente», detalla. «Fun cun pouco de medo, pero me gustou».
Mou aguantou cinco minutos. A auga estaba entre 1 e 3 graos. A segunda mergullada alongouna a dez minutos.
–Estás moi tolo. Non se pode estar tanto tempo –advertíronlle.
«Debo ter o termostato ‘puenteado’», chancéase. «Hai que ter coidado. O importante é poder saír. Conxélanseche os pes». El puso luvas de neopreno e calzos, unha especie de zocos que protexen esas plantas durmidas de calqueira obxecto que poida haber no chan, baixo a neve.
–Pero eu quero nadar –comentou arredor.
–Non se pode meter a cabeza.
–Imos velo.
Adiou, de momento, ese proxecto. Foi nesa época, durante as estadías na casa, que escomenzou a tomarse en serio as travesías no mar. Integrouse en diferentes grupos, como os Arroases do Val Miñor: Suso Tabeirón, Xulio, Marcos, Manuel... «Deles aprendín moitísimo de natación e máis da amizade», valora. Manuel, «un estudioso do tema», instruiuno por exemplo na preparación física. «Hai que adestrar con finura. Se non empezaches de pequeno, é moi difícil que te adaptes a ser un gran nadador. As sinerxias do meu corpo non están acostumadas. Pero como a miña base era tan feble, empecei a mellorar moito».
Un lustro despois pode alardear dos seus progresos. Nas quedadas cos íntimos teñen recorrido a ría de Bouzas a Samil, de Baiona ata Cabo Silleiro... Planean ir de Baiona a Oia. A nivel estructurado, tras debutar na Costa Serena, Mou culminou a Batalla de Rande (Cíes-San Simón) e recén completou a Triple Coroa (Cíes-Baiona, Sálvaro-Ribeira, Ons-Combarro). Participou, de certo, en tódalas travesías galegas. Na Arousaman, excepcionalmente, puxo traxe de neopreno. Acompañaba a unha amiga que sufrira dano cerebral. «Foi unha pasada. Era o seu reto, non o meu. Pero non son antitraxe. Pasa que me roza e nado máis cómodo sen el», explica o vigués.

A piscina onde se disputou o Zollhaus Open. / Cedida
As travesías tamén se convertiron nunha escusa para marchar de turismo coa familia. Elvira e os fillos, Xabi e Mariña, aceptan que no medio das vacacións desapareza unhas horas para participar no Swim Grand Prix (Lisboa-Cascais) ou en La Bocaina (Lanzarote-Fuerteventura). A Tabarca-Santa Pola alacantina asoma no horizonte. «Teñen moito paciencia conmigo», sorrí.
Foi grazas ós vencellos no mundo da longa distancia que puido recuperar ese soño de nadar en augas xélidas. Compartiu esas arelas con Joseba Aingeru, un vasco con experiencia no eido.
–Vamos a unha carreira en Amsterdam. Se queres, avisamos e te apuntas con nós.
Foi así que Mou, neste xaneiro, compuso cuarteto con Joseba, Bego e Kiss na Rijn Ice Swim. Dispútase no Vakantiepark Eiland van Maurik, un parque, e baixo as regras da IISA (International Ice Swimming Association). A auga debe estar por baixo dos 5 graos para validar os resultados e os nadadores só poden vestir bañador e gorro. O programa oferta varias distancias, entre os 50 e os 1.000 metros. Mou, que gañou unha medalla nos 4x50 cos seus colegas, chegou ata os 500. Se eran os únicos catro españois, ningúen máis que el o pasado fin de semana, no Zollhaus Open xermano. Xa lle botou o ollo a unha cita en Gdansk. «Gustaríame tentar os 1.000 metros, pero son moi lento. Teño que estar menos tempo». Ata o de agora, como marcas persoais, acadou os 15 minutos de resistencia adestrando e na Zollhaus experimentou os 2,3 graos.

Mou, nadando nun lago preto de Breslavia. / Cedida
«Non tes dor. Cando entras, o corpo contráese moitísimo para protexerse. Sintes que che custa respirar e ó principio soe doer a cabeza»», describe. «Logo te vas inmunizando e o corpo empeza a durmirse. É máis sensación de control. Cada un coñece as súas dinámicas. Eu teño os meus mecanismos para saber cando debo saír segundo a sensibilidade nos pes e no peito».
¿Por que someterse a este frío ou ós embates do mar? É a pregunta inevitable, que resposta ó interlocutor igual que ó espello: «Polo reto persoal de facer algo que me parecía imposible cando nadar 5 km era inviable; polos momentos de desconexión; pola saúde mental; por probarme... E algo que che fai ir un pouco máis alá».
Suscríbete para seguir leyendo
- Madonna responde al Celta y zanja el misterio de su camiseta: «¡La llevo puesta y represento a tu equipo con todo mi espíritu!»
- La científica viguesa Sara Abalde regresa a Galicia con una prestigiosa Consolidator Grant para estudiar la comunicación individual entre células cancerígenas e inmunes
- Costas plantea eliminar aparcamientos y paseos para salvar Praia América
- Unas 150 variedades de camelias atraen a multitud de personas a Porta do Sol
- La salud o la nota: cuando el esfuerzo por un 13 «asfixia» en Bachillerato
- Vigo cierra al tráfico Torrecedeira desde y hacia Praza da Industria por la reconstrucción de un pozo
- «Mi vida está dividida en dos, una parte aquí, en Pontevedra y, la otra, en Brasil»
- Muere José Antonio Suárez-Llanos, referente del sector pesquero gallego, a los 71 años