Balonmán / División de Honra
Isma nunca marcha: a pegada dun adestrador histórico
O cangués anuncia que deixará de dirixir ó Conservas Orbe Zendal ó final da tempada e Abel Estévez agradece: «Fixo a moita xente feliz»

Isma Martínez, no anuncio da su próxima marcha, xunto a Abel Estévez. | ALBA VILLAR

Non ten acostumado a marchar Ismael Martínez González nos seus 43 anos recén cumpridos. Xogador de poucos equipos, esencialmente o seu Frigoríficos natal, e adestrador de poucos clubes. Deste Porriño ó que ten consolidado entre os grandes do balonmán feminino. Daquel Novás ó que ascendeu a Prata e mantivo. Ás veces, para saber como foi unha estadía, compre estudar o adeus. Despedido por todos entre apertas no Rosal. Onte, na Louriña, ó carón dun presidente coa alma esnaquizada pola dor. Nunca marcha Isma, non de todo. Quedan os recordos que esparexeu e os afectos que colleitou. «Este club é todo para min», expresou emocionado. Abel Estévez desexoulle «o mellor no seu futuro» en xusta contraprestación: «Isma fixo feliz a moitísima xente e sobre todo a min».
É unha separación que se anticipa e que cecais nin tan sequera se produza. Seguro é que deixará de adestrar ó Conservas Orbe Zendal da División de Honra cando remate a tempada. «Unha decisión moi meditada, moi dura pero a correcta», resume. Xa a viña cavilando dende a derradeira renovación, no verán. Comunicoulla ó presidente a comezos de xaneiro, reconsiderouna trala traumática perda posterior de Buforn e Santomé («igual non era o momento») e finalmente recuncou. «Creo que toca pensar en min e na miña familia». Inclúe na reflexión ó fillo que pronto virá.

Como axudante de Abel Estévez. | MARTA G. BREA
Seguen intactos os vencellos emocionais. Concordan as ideas. Daquela? Expón as súas razóns: «Xa o ano pasado detectaba cansazo, desgaste. Foros anos durísimos, con moitísima toma de decisións. A vida cámbiache. Cambia o enfoque. A persoa que veña aportará unha enerxía diferente. Este é un sitio marabilloso pra traballar».
Sobre o seu porvir, con ningún outro club acordou nin negociou. Quere «seguir adestrando» e atopar «un proxecto cercano ó alto rendemento», o que asume «complicado». Engade: «Sair fóra de Galicia sería moi complexo, non se descarta, pero non me miro a curto prazo». No Porriño ofrécenlle quedar coma director deportivo ou no posto que escolla. Non o desbota. Prioriza, en calqueira caso, «descansar, parar, refrescar a cabeza».
Final dun ciclo glorioso
É o final dun ciclo, aínda que reste ese epílogo por escribir. Isma, licenciado no INEF e mestre de formación civil, ten sido todo no Porriño. Entre 2008 e 2017, adestrador da canteira, preparador físico e axudante de Abel; dende 2019, tras voltar do Novás, o principal responsable do equipo de Honra, mago da pizarra, con Abel xa na presidencia. Un tándem responsable dos maiores éxitos na historia da entidade: semifinal ligueira «perdida nunha prórroga», semifinal de Copa «preto de clasificar», final da EHF European Cup «na que nos faltaron quince segundos». Sobre todo acadaron a estabilidade na clase noble do balonmán español e sementaron o orgullo duns siareiros que obrigaron a ampliar as bancadas do Municipal.
«Anos realmente fantásticos», convén Isma. Non reconta as victorias nese catálogo, senon as directivas, xogadoras e técnicos «que están e estiveron». Enumera os cabreos de José Antonio por baixar polas escaleiras, o cheiro ó Ducados negro de Modesto, os recortes de prensa que apañaba o delegado Toñín, as retiradas en falso de Jonathan, a inevitable pregunta «lanza?» de Julio Gilsanz sobre cada fichaxe...
«Vin algún partido neste pavillón no que Lorena non lle protestou ós árbitros», chanceouse. «Eu e Abel estivemos algunha vez delgados». Foi como se Roy Batty volvese a recitar en Blade Runner: «Eu teño visto cousas que vós non creriades». As vivencias que Isma amoreou e compartiu non se perderán como bágoas na choiva. A renovación do plantel queda axeitada. O equipo segue a traballar ben, con folgos para protagonizar aínda «catro meses moi ilusionantes. A xente ten que estar tranquila». Será despois, canda a bucina soe, que Isma se trasfomará en «socio, siareiro» e lenda. Abel promételle: «Esta sempre foi, é e será a túa casa». Non, nunca marcha Isma malia que se vaia.
- Sorprendidos manteniendo relaciones sexuales dentro de un coche en el aparcamiento de un supermercado de Redondela
- La hélice del crucero «Spirit of Discovery» quedó al aire frente a la costa gallega: hubo un fallecido y más de 100 heridos
- Cortes de tráfico en Vigo: el Celta - Lyon y la llegada de aficionados franceses alterarán la circulación
- Panxón estrena el mayor camping de autocaravanas de Galicia con visitas de siete países
- Un colegio de Vigo, entre los 100 mejores de España según la revista Forbes
- «La sensación fue de miedo, pánico; nos tiraron bengalas al local», asegura un dueño del Twenty sobre la pelea entre ultras del Celta y el Lyon
- «La generación Z consume menos alcohol porque encontró una droga nueva: la tecnología»
- Álvaro Prieto, el marinero gallego ganador en la Media Maratón de París: «Tengo bebés de 5 meses y 2 años, entreno lo justo para no loquear»