Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Contra o tremor

A Manuel López Lobariñas diagnosticáronlle párkinson en 2016, mentres traballaba como enxeñeiro para PSA en Francia

Anos despois atopou que o tenis de mesa poder axudar a frear a doenza

Vén de proclamarse campión mundial en Italia e quere esparexer a actividade

Manolo López, con sus dos medallas.

Manolo López, con sus dos medallas. / Jose Lores

Armando Álvarez

Armando Álvarez

Vigo

Cecais as mans tremeliquen cando sosteñen as medallas. Ese mesmo pulso estivo firme para conquistalas. Manuel López Lobariñas, Manolo para os seus, crecentense afincado en Vigo de 64 anos, ven de se proclamar campión no certame organizado pola asociación mundial de tenis de mesa adicada a enfermos de párkinson. Engadiu o bronce compondo parella co seu benquerido porriñés José Manuel Alonso. «O deporte é parte fundamental da miña vida», proclama.

Non sempre foi tan prioritario. Manolo, enxeñeiro adscrito ó centro de desenvolvemente tecnolóxico que PSA posúe en Vélizy, vencellado ó proxecto da furgoneta K9, quedaba a xogar cos amigos e compañeiros a tenis ou pádel de cando en vez, ó rematar a xornada laboral. «Pachangas e logo unhas cervexas», resume. Esa rutina de traballo e entretemento racharíase no 2016.

Foron no comezo síntomas que non soubo interpretar: a escritura diminuida, o bloqueo en movementos repetidos como bater un ovo... «Cousas raras», describe. O neurólogo, co que culminou a romaría por especialistas médicos, o tivo claro, sen embargo. Non precisou do DaTSCAN que logo confirmaría o seu diagnóstico:

–Párkinson.

«Cáeseche o ceo enriba», confesa Manolo, que daquela estaba a piques de cumprir 56 anos. Afrontou logo o proceso de descubrir e asumir unha enfermidade moi nomeada pero que só os médicos e doentes comprenden polo miudo. En esencia, a redución da produción de dopamina ensarilla a transmisión das ordes do cerebro nun proceso dexenerativo incurable e moi diverso no seus ritmos e efectos: tremor nas extremidades, lentitude, desequilibrio...

Manolo López, con compañeros del CTM Mos.

Manolo López, con compañeros del CTM Mos. / Jose Lores

«E tamén afecta ós estados de ánimo. Chegan as depresións. Non estás de humor», recorda Manolo. Apesarado quedou el, tamén por mor da necesaria asimilación dese impacto que envorca a existencia. Aínda que a lixeireza do estadío inicial permitiulle seguir traballando –xubilouse no 2022, cun plan de baixas voluntarias–, foi renunciando a algúns dos seus proxectos. Como o de xogar ó tenis de mesa co seu irmán.

Era unha ilusión sostida dende a adolescencia. Manolo e Pepe, xunto cos colegas da su mocidade en Crecente, decidieron un día mercar unha mesa de pimpón. Artellaron rifas e outras actividades para recadar o diñeiro axeitado. E acabaron montando un pequeno clube na antiga escola de primaria da bisbarra. Ó se lembrar desa historia, renovaban aquel entusiasmo: «O noso soño era volver a xogar cando nos xubilásemos».

–Como vou xogar con tremores nas mans e nas pernas. Imposible –respostáballe Manolo a Pepe cando tentaba afoutalo.

A súa perspectiva cambiou grazas a Javier Pérez de Albéniz. Coñeceu a súa historia por un artigo en El País. O xornalista escribira un libro no que relataba a súa experiencia co párkinson. O tenis de mesa, anticipaba, axudárao como parte da terapia. Los Reveses, velaí o texto, abriulle os ollos a Manolo. «Deume pulos para retomar a idea».

Foi buscando onde practicar que deu co Centro Always, fogar co C.T.M. Mos. Un clube aberto a todos –militan nel xogadores en cadeira como Martina Sande e Iván Pombo–. Samuel Pereiro, alma da entidade, faloulle deseguido de José Manuel Alonso, un practicante con párkinson, co que amigou. «E así se me meteu o bicho», precisa.

Manolo confirmou, primeiro, o que hoxe na Universidade de Reus e no Hospital La Princesa están a investigar. O tenis de mesa ten efectos que poden contribuír a frear a evolución da doenza. «Sorprendentemente non tremes», describe. «Xogas prácticamente como se non tiveses párkinson. Es quen de recordar os movementos aprendidos. Os neurólogos recoméndanno porque é un deporte moi completo, que esixe físicamente. Cando unha bola ven cara a ti, tes que procesar esa información. Beneficia á fase cerebro-músculo».

Alonso xa frecuentaba os diferentes torneos específicos e Manolo, que se unira ó CTM Mos en xaneiro de 2024, debutou de inmediato e con proveito. En abril dese mesmo ano xa quedou cuarto no Campionato de España, en Guadalaxara, amáis de participar en torneos en Cataluña ou Suiza e no Mundial organizado pola International Table Tennis Federation.

O seu nivel, entre os adestramentos en Always e os que comparte no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño, creceu de xeito constante. Amosouno no Campionato de España de 2025, en Majadahonda, onde acadou o subtítulo. Con eses folgos encarou este outubro o novo desafío internacional.

Aventura en Italia

Foi, desta vez, o World Championship organizado por Ping Pong Parkinson (PPP). O guitarrista croata-estadounidense Nenad Bach fundou esta asociación tras comprobar como o fomento do tenis de mesa lle permitía retomar as súas actuacións musicais. Nas xuntanzas que organiza PPP, amáis da competición, impártense conferencias divulgativas e se comparten experiencias.

A Lignano Sabbiadoro, unha cidade de vacacións ó norde de Venecia, acudiron case 400 xogadores de 26 países. Había cadros de individuais e dobres masculino e feminino e dobres mixto. En cada uno se contemplaban tres categorías en función do avance da enfermidade. «A 3 é a máis impactante, con xente que xoga agarrándose á mesa, con cadeiras de rodas ou muletas». Xa no aeroporto coincidira cun indio que quedaba parado e logo botaba a correr: «Foi unha película levalo ó mostrador de facturación. Ves todo tipo de problemáticas».

Manuel López Lobariñas,
 onte, adestrando en
 Always, en Mos. |  José Lores

Manuel López Lobariñas, onte, adestrando en Always, en Mos. / José Lores

El competiu na categoría intermedia, a máis numerosa: 84 xogadores divididos en 15 grupos. Clasificou nesa liguiña como primeiro e foi superando as cinco roldas seguintes. Na final agardaba un alemán –os máis representados, 160, en Lignano–. «Era máis novo, de corenta e tantos. Viña de gañar todos os partidos por 3-0 e pensou que sería un paseo. Peloteou forte, a ver como respondía eu. Estiven tranquilo e fixen o meu xogo de ataque e presión». En sets a 12 e diferencia mínima de dous, gañou 12-10, 14-12 e 16-14: «Non xogara nunca un partido tan igualado».

Manolo xa voltou desa aventura italiana, na que sumou asemade o bronce en dobres con Alonso. A coruñesa Cuca García amoreou pola súa banda ouro e prata. No grupo de WhatsApp que comparten moitos xogadores españois louvouse ós galegos: «Recoñecen que estamos por riba», chancea. Membro da Asociación Parkinson Vigo, pide ó Concello un local meirande que permita instalar unha mesa e recruta adeptos. A súa teima é esparexer iso que goza: «Adestrar e competir son os momentos máis pracenteiros da miña vida actual. Relaciónaste, fas amigos, descobres que tes máis movilidade da que pensas... É unha actividade francamente bonita que nos axuda a superar día a día a enfermidade».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents