Piragüismo
Padexadas contra corrente
David González Mella pospón o seu soño olímpico a Brisbane 2032 despois de que a súa categoría volvese quedar excluída do programa paralímpico de Los Angeles

David González Mella. / RFEP

David González Mella nunca deixa de padexar, así no río que murmura como na vida que representa. O piragüista do Kayak Tudense ten remado contra o percorrer dos anos, que non esgotan o seu entusiasmo; contra o accidente de bicicleta que o deixou parapléxico, sen crebar a súa vontade; contra os especialistas médicos e técnicos, pasmados co seu potencial. Rema tamén contra corrente no seu soño paralímpico. A súa clase segue excluída do programa en Los Angeles 2028. «Haberá que esperar ata Brisbane 2032», acepta.
Tiña Mella nove anos o día en que membros do Tudense visitaron o seu colexio en Goián. «Antigamente pasaban a dar unhas charlas». Sentiuse seducido deseguida polo que lles explicaron. Foi, mentres non tivo locomoción propia, un dos rapaces que o autobús do clube recollía no seu itinerario polas bisbarras, cara a Tui. «Son máis de 25 anos pertencendo ó Kayak Tudense e amosando a súa paixón polo deporte e polo club que o viu nacer como piragüista», establece o presidente da entidade, Manuel Pedrares, que amáis o ten de vicepresidente.

Mella, nunha proba. / RFEP
Xa destacaba Mella pola súa lonxevidade naquel 2021; con 35 anos e aínda sumando participacións e medallas nos Campioantos de España. Ata flirteara coa idea de cambiar a modalidade sprint polo maratón. «Pero era complicado compaxinalo co traballo», indica. Daquella choiaba en Delta Vigo. Logo, 0 30 de outubro, a súa existencia colapsou.
Sucedeu nunha excursión rutinaria coa bicicleta de montaña pola contorna. Téñenllo contado os amigos: «Foi así, sen máis». El non lembra a caída, a torsión da columna, a anguria dos íntimos, a operación, os escasos días no Cunqueiro e os moitos na UCI do Juan Canalejo... «Teño un borrón moi grande aí». Cando acordou, a súa existencia cambiara para sempre. Quedara paralizado sen remedio por unha lesión medular dende a T-4, á altura do peito.
Retorno ó río
«Ese momento de que che digan o que tes nunca sucedeu. Realmente non che contan o que hai», revela. «Valo vendo e asumindo ti porque non queda outra». Abandonou o Canalejo tras cinco meses de tratamento e recuperación, sabendo perfectamente que habería obxectivos que xa nunca podería cumprir. Tamén co devezo e a teima de apertar o seu amado Miño.
«Tardei moi pouco. Voltei para casa e comencei a remar. No hospital dinche que canto máis exercicio fagas, mellor. E antes que estar pechado nun ximnasio, se podo facer o deporte de toda a vida...», describe. No resumo se inclúen as sesións co adestrador de natación Álex Brea, por asegurar que sería quen de manobrar na auga, e ás visitas ó iFit de Joan Rodríguez, experto en deporte adaptado, que se manteñen.
Son moitos os agradecementos que Mella amorea desa época. A Delta, disposto a adaptarlle o posto de traballo –xa arranxou a paga de discapacidade–. E ó Tudense, sobor de todo, porque no clube achaiaron ese camiño de retorno ó río. «Dende o principio tiveron vontade. Necesitas unha persoa que estea contigo todo o día. Eu non podo montar só na piragua». Os tres adestradores, Pedrares, Esteban Alonso e José Luis Bouza, ‘Buzo’, vanse turnando con el, segundo cuadre. «Están para todo».
Mella tenlles respostado co seu rendemento. Xa era canoísta de seu –«antes o que non valía para o Kayak ía para a canoa», rexouba– e esa experiencia permitiulle adaptarse con rapidez ó Va’a Limited, unha embarcacion de orixe polinesio que aporta o sostén dun patín. «Probei no kayak pero é máis inestable. No va’a a dirección é complicada, pero o resto é moi similar á canoa e o do equilibrio xa o teño gañado».
Ata catro paneis de calificación
Esa aclimatación case xogou na súa contra. A calificación dos paracanoístas faise mediante paneis de expertos días antes das competicións. Os novos deben pasar alomenos un par. Mella, que foi directamente a unha revisión internacional aproveitando o Mundial de Maratón de 2023 en Ponte da Lima, pasou catro. Os examinadores non acababan de crer que alguen recén lesionado, e nunha vértebra tan alta, puidera ter semellante desenvoltura. Tivo que engadir Mella fotos dos seus tempos de piragüismo convencional.
Catalogado finalmente como VL1, o tomiñés xa se converteu nun dous dominadores da escena planetaria nos 200 metros, a distancia usual no paracanoe. En 2023 estreouse quedando subcampión mundial. En 2024 conqueriu o título. Por contra, este ano tivo que se conformar coa séptima praza. Unha ferida por compresión nas nádegas, habituais en xente obrigada a pasar moito tempo en cadeira de rodas, encamouno durante varios meses, condicionando toda a súa preparación.
Clausurada a tempada, quedaba Mella pendente da resolución da ICF (International Canoe Federation) sobre o programa de paracanoe en Los Angeles. O VL1 foi das poucas categorías desbotadas en París. E así seguirá sendo dentro de tres anos por mor do criterio de paridade, que implica duplicar as probas por xénero. Hai homes dabondo competindo a nivel internacional, pero apenas catro mulleres. A condición paralímpica dispararía repercusión e axudas. «Nese sentido teño mala sorte», resígnase.
Non lles importa no tudense o loureiro olímpico. «Manu é un deportista franquicia para nós e non só polo seu talento deportivo, plasmado no seu gran palmarés. Tamén pola relevancia e peso que ten na nosa entidade e na redonda», discursa Pedrares. «No plano persoal, e despois de tantos anos xuntos, teño a sorte de telo como amigo e iso faime aínda máis orgulloso».
Sabe Pedrares, por esa proximidade, que Mella, tan sereo en apariencia na desgraza, acostuma a agochar ós que lle rodean esas tristuras que de xeito inevitábel arremeten contra del de cando en vez. Porén, nos días grises igual que nos luminosos, sempre agarda o Miño polo sea querido tomiñés: «No río síntome libre».
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito