Claudia Martínez "Clau" - Xogadora do Bembrive

«Imos a Guadalaxara moi alerta»

«Foi un momentazo colectivo», di a ala-pívot dos seus cinco goles ó Rivas

Clau, ante el Rivas.

Clau, ante el Rivas. / Pablo Hernández Gamarra

Armando Álvarez

Armando Álvarez

Vigo

-Tiveron este ano unha traxectoria moi sostida pese ós cambios de adestrador.

A expectativa era outra. Fóronse pezas importantes, xogadoras que aportaban moito como Luchi e outras da rotación, as dúas porteiras… Polo verán que tivemos, cambiaramos o chip; viñamos de gañar a liga regular pero os obxectivos igual tiñan que ser outros. Tamén contaba a configuración do grupo. Ó noso viñeran os tres descendidos e os rivais reforzáranse moi ben . Sinceiramente sabiamos que ía estar moi complicado A expresión que empregamos con Pitu era a de “baixar ó barro”. Ó final, con toda a humildade do mundo, fumos competindo e nos mantivemos na pelexa todo o ano.

-Proclamarse outra vez campión do grupo, chegando por detrás na derradeira xornada, foi un chute de adrenalina.

Totalmente. Démoslle moitísimo valor. A orde da liga regular ten valor na cancha e nos cruces. Nós sobre todo llo demos por inesperado. Un ano pode ser casualidade. Repetir significa moitas cousas. Pero en termos de ascender sabemos que non supón nada.

-A primeira rolda co Rivas semellaría cómoda polos resultados. Todo o contrario.

O resultado da ida foi engañoso. De feito o mellor foi virnos cun 1-3. E sabiamos que esa vantaxe non significaba nada, como foi o caso. Eiquí, ós poucos minutos, estaba a eliminatoria igualada. Na primeira parte tivemos ocasións pero estabamos moi precipitadas, ansiosas. Na segunda si fomos contundentes e resolvemos. Co global pode parecer que foi doado pero nada máis lonxe da realidade.

-Que sente unha cando anota catro goles en cinco minutos?

Moitísima adrenalina. Xogar estas eliminatorias é un gustazo. Encántame competir e facelo así, cando hai moita xente no pavillón, nun partido que é especial. Foi un momentazo, pero colectivo, saber que volviamos a loitar polo ascenso. Non lle saco valor a meter cinco goles nunha parte. É unha burrada. Pero somos un equipo moi ofensivo e iso fala moi ben de nós.

Clau, María gonzález y Andrea Rivero.

Clau, María gonzález y Andrea Rivero. / Pablo Hernández Gamarra

-Que espera do Chiloeches?

Foi sorprendente o resultado da súa ida co Intersala Zaragoza. Un 9-2 nun play off é moi chamativo. Prevíase unha eliminatoria moi igualada. O Intersala é un equipazo. Nós temos a experiencia do ano pasado co Rubí, aínda que non fose tan abultado. Cado xogas cun rival dese nivel, a estas alturas da tempada, se desconectas ou se entras como non debes, podes perder o tren en dez minutos. E o factor cancha pode xogar na túa contra cando te despistas. Supoño que foi o que lle pasou ó Intersala, que no partido de volta (6-4) demostrou que o seu nivel era parello.

-A experiencia de 2024 axudarálles a xestionar emocional e tácticamente unha rolda final?

Creo que si, pero o cadro cambiou moito. E por moito que leves a lección aprendida, logo hai que vivir e competir no momento. Elas meten moita xente na pista e están acostumadísimas a disputar play offs. Levan moitos anos tentándoo. Aínda sabendo a teoría, ó mellor chegas alí da viaxe, as cousas non saen ben e toca dar a cara e tentar seguir vivas. Imos moi alerta, pero iso non significa nada ata que chegue o momento da verdade.

-As tres capitanas son as que sobreviven dende o ascenso a Segunda en 2019.

Amáis de compañeiras de equipo, podo dicir que Laura e María son amigas. Vivimos moito isto e nunca chegamos a imaxinar algo así. Si que puxemos sempre o noso empeño e a nosa ilusión. O primeiro ano era manterse, o segundo era competir e demos o salto… Poñemos moito traballo e paixón no que facemos igual que a directiva, Pitu e Chofa (antiga secretaria técnica). Confeccionaron os equipos dándolle valor ó que tiñan e sempre crendo que podiamos conseguir iso.

-Se pecha os ollos, é quen de imaxinarse en Primeira?

Sinceiramente non o imaxino. Si penso o bonito que sería pero se pecho os ollos, só me vexo en Guadalaxara competindo.

Tracking Pixel Contents