Natación

O peso da auga

Ro Soler, guardesa do Náutico, acada o seu mellor rendemento tras anos complicados - Reixeitou a piscina por ansiedade, na pandemia, e tivo que superar a rotura do cruzado

Ro Soler, festexando unha victoria nunha proba co equipo do Real Clube Náutico de Vigo; tamén recén operada do ligamento cruzado e amosando a cicatriz xunto con varias medallas do Campeonato Galego. |   // ARQUIVO PERSOAL

Ro Soler, festexando unha victoria nunha proba co equipo do Real Clube Náutico de Vigo; tamén recén operada do ligamento cruzado e amosando a cicatriz xunto con varias medallas do Campeonato Galego. | // ARQUIVO PERSOAL / Armando ÁLvarez

Armando Álvarez

Armando Álvarez

A auga é berce e cadaleito; sostén igual que afunde ós que se deitan no seu colo. Ben o sabe Rosalía Soler, contida en Ro. A guardesa, puntal do equipo de natación do Real Club Náutico de Vigo, ama tanto a piscina que chegou a odiala por entregarse en exceso. Foron os tempos da pandemia, estraños, de vixilia e pesadelo. Ro intensificou o ritmo, experimentou rexeitamento, pasouse ó fútbol, rompeu o ligamento cruzado do xeonllo dereito e voltou a competir co Náutico. Á vez remataba a carreira de Fisioterapia e asinaba o seu primeiro contrato. Deste tempo acelerado ten emerxido máis forte. “Agoro valoro cada proba que nado dunha maneira diferente”, resume.

Deporte e atrancos compendian de man a súa existencia. O tenis foi a súa primeira paixón. Con 9 anos diagnosticáronlle escoliose. Tivo que cambiar a raqueta pola natación, recomendada nestes casos. Xa a tivera tentado unha instructora. “Pero como me gustaba o tenis, seguía”, explica. Foi a súa primeira reinvención. A pequena Ro amosaba cualidades. Ata os 13 progresou na súa Guarda natal. Daquela mudouse ó Náutico. Sergio Silva convertiuse no seu mentor. Ro aplicaba na piscina municipal guardesa a programación deseñada por Silva. O venres desprazábase a Vigo. “Tiñamos un grupo bastante grande da miña idade”, recorda.

Creceu así, anfibia, espelida. Una bolboreta de voo veloz.

–Iso non o nado, é moi duro –laiouse a primeira vez que probou ese estilo.

“En teoría é a modalidade máis dura. Cansa menos cando sabes facelo. Dende aquel intre convertiuse na miña favorita”, revela. As súas distancias predilectas, 50 e 100. Tamén 50 e 100 de costas por necesidades colectivas.

Celebrando una victoria del Náutico.

Celebrando unha victoria do Náutico.

Chegou a adolescencia, a mocidade, o fin do Bacharelato, a elección de carreira. Ro marchou a Pontevedra a estudar Fisioterapia. Seguía vencellada ó Náutico, na distancia e nas visitas. Adestraba “pouco, pola miña conta. Gustábame e punto. As competicións saían ben”. Servíalle tamén como un xeito de relaxarse. Logo estoupou a pandemia. As posibilidades de lecer quedaron limitadas. “Todo estaba pechado. Propúxenme con Sergio adestrar máis en serio, a ver que pasaba”.

“Foi moi duro”, relata en perspectiva. Seis sesións por semana durante case doce meses, na tempada 20-21. A cotío soa, agás polas visitas de Sergio. Pelexaba a trabadas “por cada centésima”. As esixencias da COVID limitaban as prazas nos campeonatos. O Náutico acadou a clasificación para o de España no verán. O obxectivo que xustificaba tanto esforzo. Disputábase en Canarias. O mesmo día da chegada, un dos seus compañeiros deu positivo. Tiveron que coller o avión de volta. Ro quedaría confinada en Vigo do 5 ó 12 de agosto. Algo rachou na súa cabeza.

Como fisio de la Federación Galega de Balonmán.

Como fisio da Federación Galega de Balonmán.

Descubriuno tres semanas despois, cando tocou retomar os adestramentos. “Ía á piscina e non era capaz. Pensaba tirarme á auga e non podía. Abafábame un montón. Botábame a chorar. O peor era que non veía como arranxalo”.

–É que non podo –explicáballe a Sergio.

Ro consultou cunha psicóloga. Afastouse da piscina. “A única solución foi parar. Sergio sempre me entendeu moi ben. Apoioume”, agradece. “Non cheguei a medicarme nin tiven depresión. Non mo diagnosticaron pero penso que foi ansiedade”.

Ancorada na terra, recuperou outra afección que o tenis e a natación lle impediran apertar: o fútbol. Por mediación dunhas amigas comenzou a adestrar co Tomiño,da Primeira Galega: “Acolléronme superben”. O 22 de decembro de 2021 fixénronlle ficha. Non chegou a debutar. Esa mesma tarde, no último adestramento do ano, rompía o cruzado do xeonllo dereito nun mal apoio. “Escoitei o ruido e souben que fora algo grave, aínda que me dicían que non”.

Recién operada de la rodilla.

Recén operada do xeonllo.

Ro aprazou a intervención cirúrxica ata maio para poder rematar a carreira. Entrementres, como sentía a articulación estable, retomou a actividade física por mor de manterse na mellor forma posible. Só quería facilitar a recuperación. “En xaneiro xa empecei a facer cousas no ximnasio. Claro, unha das recomendacións era a natación”.

Sergio ofreceulle voltar paseniño. Deseguido ela quixo botar unha man. Acudiu a campeoantos co cruzado roto. “Era diferente. A meta era recuperar forzas na perna para entrar o mellor posible no quirófano. Fun axudalos, por sumar algún punto, sen presión”, comenta. “Notaba como se movía o xeonllo. Na competición saiu mellor do que ningúen esperaba”.

Amosa a cicatriz do xeonllo e as medallas conqueridas no Campeonato Galego.

Amosa a cicatriz do xeonllo e as medallas conqueridas no Campeonato Galego.

Ese periodo de transición rematou co bisturí e a posterior escalada: inmovilidade, angarellas, camiñar... E outro cambio na súa vida. Recén licenciada, atopou traballo en Santiago –amais da clínica colabora coa Federación Galega de Balonmán–. Un día de outubro foi á piscina por probar. Atopouse cos membros do Cidade de Santiago. Dixéronlle de traballar con eles. Nas dúas primeiras semanas apenas resistiu trinta minutos. Inflamábaselle o xeonllo. Na terceira xa completaba as dúas horas. En novembro pasou de dúas a tres sesións semanais. Acudiu á Liga de Clubes co Náutico, a un trofeo en Ponteareas, á Copa de España de Segunda División... Ven de asinar no Campeonato de España, en Sabadell, a súa marca persoal en 100 bolboreta. “E por medio segundo mellor que cando adestraba seis días á semana. Unha sorpresa”, valora.

O medo de recaer na ansiedade “sempre está aí”, confesa. “Coa psicóloga trato obxectivos claros, como estar co grupo. Non fago sesións especiais nin nado soa. O principal é ser unha máis”, detalla. “Non sería tan feliz coa natación se non tivese pasado un ano tan duro. Agora veño da cámara de saída cun sorriso e cun sorriso subo ó poiete. Non me sae competir doutro xeito que sorrindo”. Ela, que probou a auga amarga, goza da auga doce.

Suscríbete para seguir leyendo