Morreu Posada. Chamábase Alfonso, pero seguirá sendo Posada ou G. Reyes. Entón non morreu; mentres o pensamento e as palabras reteñan o recordo será o que queiramos evocar.

O home entregado, empeñado en informar, fomentar e vivir o que o atletismo puido significar na súa existencia. Os feitos seica quedan se non se arruinan; as persoas tamén se non prescindimos da súa esencia, dos enigmas e descubertas que impulsaron os seus retos e metas.

Foise silencioso coma sempre, coma ese home en sosego, sen máis palabras que as necesarias para inventar, crear e ofrecer o que a vontade levaba nas mans, facendo para volver a facer que o universo atlético tivese a honra de ser escrito, difundido, coñecido, divulgado, organizado...

Non se sabe onde residen os afáns, de onde manan pero sí se evidencia o que manifesto é. Non importa. Posada esta aí, nas pistas, no periódico, nos libros, nos datos e historias, nun micrófono que sáuda e conta cada carreira. Está porque así o dispuxo o seu acontecer vital, sen renuncia, na condena incerta que somete a cadaquén os ditames de ser ou non ser. Tampouco se adiviña a enerxía que move as paixóns, e a encomenda de situarse nelas para non traicionar as ilusións. Foi o atletismo, o encontro mutuo que sentenciou a incondicional dedicación, e así respondeu con intensidade e constancia, co tempo roubado ao tempo para compartir e gratificar recíprocamente. Por iso e moito mais, alá onde residas agora, recibe o afecto destas palabras; que elas te honren coa calidez e o recoñecemento merecido.

Dende min, escribo o último acto; a entrega da medalla nas pistas de Balaídos na xornada organizada polo Comesaña Sporting Club; e a túa felicitación, e non precisamente polo posto acadado na carreira. E porque foi emotivo e significativo do que non sei explicar, recito a memoria que vén de lonxe, de sempre, e termino co amén que te descanse, Posada.

*Atleta mosense