O día despois de que a Selección de Galicia revalidara o título Team Relay, o ciclocrós autonómico asinou outra sobresaínte xornada no Campionato de España que se está celebrando na localidade valenciana de Xàtiva. Sumou cinco medallas e dúas chegaron na categoría cadete. María Filgueiras colgouse o ouro e Aroa Otero a prata nunha carreira na que as galegas estiveron a piques de copar o podio. Os outros tres metais conquistáronos ciclistas masters: Marina González (Illas Cíes) venceu no grupo de idade 40A; Andrés Calvete (Selección de Galicia) rematou segundo no 40A; e Moisés Leboso (G.D. Diez) fíxose coa terceira paza no 40B.

A betanceira María Filgueiras, gañadora esta temporada da Copa de España, era a gran favorita nas cadetes e dominou de principio a fin. Dende o esprint inicial púxose á fronte do pelotón e a forza do seu pedaleo provocou un corte de catro corredoras no que entraron as súas compañeiras de selección Aroa Otero e Lorena Patiño. “Tratei de saír ben e manter o ritmo durante toda a carreira, sobre todo evitando erros”, comentou Filgueiras, que non tardou en marcharse en solitario e manexou ata o treito final unha vantaxe ao redor dos 20 segundos.

No trío perseguidor Leyre Almena (Teika) era a ameaza para a tripla galega no rápido circuíto valenciano. Patiño non puido manter o ritmo das súas dúas acompañantes, que loitando pola segunda praza acabaron por achegarse moito a Filgueiras. A corredora de Betanzos, cun tempo de 27:33, venceu por 4” de vantaxe a Otero. A porriñesa dobregou pola mesma diferenza a Almena e a santiaguesa Patiño concluíu a 43” da vencedora.

“Máis ou menos levaba controlada a distancia con respecto as miñas rivais e, aínda que na última volta me recortaron bastante, puiden facerme coa vitoria”, sinalou Filgueiras, subcampioa no 2021. O nivel de Galicia quedou de manifesto co resultado das outras dúas representantes das selección dirixida por Alberto del Río: Marta Estévez finalizou décima e Iris Fernández, duodécima.

Calvete, en meta. Pirucho

Pombo, cuarto

A sesión de tarde no trazado de ‘Les Pereres’ estivo dedicada en exclusiva ás carreiras cadetes. Na masculina, a medalla escapóuselle a Galicia nos metros finais. Tomás Pombo soldouse na saída á roda de David Ivars (Teika) e os dous se distanciaron do resto de participantes. A este ataque inicial conseguiu responder Hodei Muñoz (Euskadi). O vasco conectou co dúo de cabeza e na segunda volta enganchouse co representante galego, unha situación que aproveitou Ivars para abrir un mínimo oco.

O carballés Pombo e Muñoz intentaron sen éxito anular a diferenza de Ivars, que nunca superou os 10 segundos, e no treito final uníuselles Roc Cabí. O ciclista da selección catalana rodou cuarto durante toda a carreira, pero acabou cruzando a liña de meta en segunda posición. Terceiro entrou Muñoz e cuarto, quedando a 5” do podio, o mellor clasificado da Galicia. ‘Medalla de chocolate’ con sabor amargo despois da gran actuación dun dos compoñentes do equipo que na véspera venceu no Team Relay

O combinado autonómico contou no top-10 con outro representante, Santiago Otero (9º), mentres que Martín Díaz finalizou 18º, Gael García 19º, Manuel Alonso 24º, Mauro Vega 27º e Xoel Cidrás 71º.

Filgueiras, en meta. Pirucho

Masters

 As carreiras dos grupos de idade máster aportaron tres medallas á conta do ciclocrós galego. Marina González, defendendo as cores do Illas Cíes Cycling Team, logrou a vitoria absoluta na proba feminina e a verinesa afincada en Vigo recibiu a camisola de campioa máster-40A subida ao chanzo máis alto do caixón. No podio estivo escoltada por Ruth Moll (Oviedo.es), a quen superou por 27”, e por María Fernández (Mountain Bike Madrid). Noutras categorías, Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) obtivo o cuarto posto nas 30B e Sonia Costoya (Corbelo), a sexta nas 50A.

Un dos grandes triunfadores deste campionato é Andrés Calvete. Tras formar parte o venres do sexteto campión no Team Relay, o corredor de Cambre sumou unha segunda medalla en Xàtiva ao conseguir a prata máster-40A. Representando á Selección de Galicia, remontou ata a segunda praza absoluta, terminando a 21” do campión no seu grupo de idade, Isaac Suárez (Nesta).

A novena posición ocupouna Moisés Leboso, un posto que outorgou ao porriñés do G.D. Diez o bronce máster-40B. Neste grupo de idade Guillermo Álvarez (Condado Bike) clasificouse sétimo. No balance dos masters galegos destacan tres postos máis entre os dez primeiros das súas categorías: Óscar González (Máis Que Bicis), 7º nos máster-50A; Antonio González (Salvaterra), 8º nos máster-60A; e Valeriano Carrera (Grupeta Pan de Zarko), 6º nos máster-60B.

Clausura

A última xornada do Campionato encargaranse de abrila este domingo os juniors. Ricardo Buba, Iván Fernández e André Martínez compoñen o trío de xuvenís galegos que ás 09:30 h. se porán en marcha. A continuación, ás 10:30 h., outros tres corredores do combinado autonómico estarán na liña de saída da competición sub23: Miguel Rodríguez, Fabián Rodríguez e Borja Gómez.

As dúas probas raíñas do campionato quedan para o final. Galicia contará con cinco corredoras dende as 11:55 h. na gran carreira feminina: as juniors Laura Mira, Uxía Soto e Sarela Conde; a sub23 Carla Fernández; e a elite Irene Trabazo. O colofón en Xàtiva correrá a cargo dos elites masculinos, dende ás 13:00 h., con Samuel González como representante do equipo galego.