O XXXIV Ciclocross Concello de Boiro será lembrado como unha das edicións máis épicas da proba decana do calendario autonómico. A duodécima e antepenúltima xornada da Copa Galicia contou con chuvia, lama e o tradicional treito de area por Praia Xardín. Os puristas desta especialidade gozaron da combinación que se atoparon este luns nun circuíto onde a sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC) e o elite Iván Feijoo (Academia Postal-Abanca) fixéronse cos triunfos de máis prestixio.

Durante case unha hora, 59 minutos e 29 segundos, estivo loitando contra os elementos a gañadora da carreira elite-sub23 e júnior do evento organizado polo Club Ciclista Barbanza. A viguesa Carla Fernández, líder sub23 da Copa, venceu cunha ampla marxe de 2:12 respecto á líder júnior Laura Mira (Supermercados Froiz), que pugnou ata os metros finais pola vitoria xuvenil coa súa compañeira de equipo Uxía Soto. María Jesús Barros, novena no trazado de Praia Xardín, rematou como primeira elite e deixou vista para sentenza a clasificación xeral do certame galego na súa categoría. 

Homenaxe con triunfo

Na liña de saída da proba elite-sub23 masculina as olladas centrábanse en Iván Feijoo por dous motivos. O alaricano participaba por segunda vez esta campaña nunha cita da Copa autonómica e nesta ocasión facíao coas cores do Club Ciclista Maceda. Deste xeito, quixo homenaxear ao conxunto no que se formou antes de cambiar de estrutura o vindeiro 1 de xaneiro: deixará o BH Templos Café, o seu actual equipo, e incorporarase ao MMR. 

O vixente campión de España sub-23, que esta temporada se estrea como elite, regresou ao pasado de xeito triunfal. Feijoo impúxose cun rexistro de 1:08:43 e sumou a segunda vitoria do ano no calendario autonómico. En segunda posición cruzou a liña de meta o tamén elite Samuel González (Máis Que Bicis), a 52 segundos do gañador, e terceiro concluíu o líder sub23 e absoluto Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz). O primeiro clasificado na xeral elite, Rubén Deaño (Ourense Termal), tivo que conformarse en Boiro co noveno posto. 

Carla Fernández, en plena competición.

Carla Fernández, en plena competición. Pirucho

Cadetes, júnior e masters

No resto da xornada catro líderes subiron ao máis alto do caixón: a cadete María Filgueiras (Río Miera), a máster-30 Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), o máster-40 Andrés Calvete (Monte Xalo) e a máster-50 Sonia Costoya (Corbelo). Pola súa banda, as vitorias do cadete Martín Díaz (Caimanes Betanzos), do júnior Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas), do máster-30 Francisco Baña (Compostelano), da máster-40 Marina González (Illas Cíes), do máster-50 Óscar González Bastos (Máis Que Bicis) e do máster-60 Manuel González Ojea (Bici O Con) apertan as xerais, pero as camisolas de líderes seguen pertencendo ao cadete Tomás Pombo (Cambre Caeiro), ao júnior Ricardo Buba (Coruxo), ao máster-30 Jonathan Sousa (In Situ), á máster-40 Rocío Blanco (A Forna), ao máster-50 Antonio Sousa e ao máster-60 Antonio González (Salvaterra).

De entregar os trofeos nas cerimonias de podio encargáronse o alcalde José Ramón Romero; a concelleira de Deportes, Dores Torrado; representantes do Club Ciclista Barbanza, co seu presidente Ricardo Riveiro á cabeza; e Óscar Sánchez, membro da xunta directiva da Federación Ciclismo Galego. 

Da súa cita máis histórica a Copa Galicia pasará esta semana a un debut no seu calendario. O vindeiro domingo celébrase o I Ciclocross Concello de Nigrán ZFV-Porto do Molle, penúltima xornada con puntos en xogo.