O 'Club de Petanca' Prat resultou campión do LXIII Campeonato de España Tripletas Senior Masculino e Copa S.M El Rey desputado durante toda a fin de semana en Praia América (Nigrán) baixo a organización do Concello de Nigrán e o C.C.D. Bolos da Carrasca e co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos. Os cataláns impuxéronse na final do domingo aos murcianos do C.P.Las Palomas de San Basilio. A federación catalana pode presumir tamén de que subiran ao podio na terceira posición a U.P.Torres Rubi. Pola súa banda, o único equipo da comarca do Val Miñor clasificado, O CCR Bolos da Carrasca, obtivo o posto 24 nun total de 32 participantes.

"O ambiente foi marabilloso e os xogadores estaban encantados do lugar da celebración, aos pes de praia América e cunha temperatura ideal", destaca o alcalde, Juan González (o Concello habilitou para a ocasión 18 canchas na zona do aparcamento da antiga escola de vela de Praia América). Así, participaron 32 equipos de 13 federacións de toda España, o que supuxo máis de 120 persoas entre xogadores e técnicos.

"Esta cita foi posible grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca, os grandes promotores da petanca en toda a comarca, grazas ao seu tesón e esforzo Nigrán puido acoller esta final nacional que puxo a Nigrán no mapa de toda España, o resultado non puido ser mellor", resume González.