No Día das Letras Galegas o ciclismo autonómico abriu en Vigo o libro dos seus campionatos do ano 2021 coa proba Elite-Sub23 masculina de fondo en estrada. Vinte e catro horas despois de que a cidade olívica acollera unha proba da Copa de España, dous ciclistas do Supermercados Froiz escribiron unha páxina de ouro para o equipo alimenticio. O vigués Roberto Mediero revalidou o seu título elite e o ponteareán Manuel Rodríguez fíxose coa coroa sub23 nunha carreira que se adxudicou o madrileño Pablo García (Caja Rural-Seguros RGA).

O Vigo-Rías Baixas repetiu como organizador no mesmo percorrido de 176 quilómetros no que o día anterior o Caja Rural celebrara a vitoria de Marc Brustenga. Nesta ocasión foi outro corredor do conxunto navarro o que ergueu os brazos diante do Auditorio Mar de Vigo. Pablo García resolveu ao seu favor unha escapada de seis corredores que xurdiu a 11 quilómetros da chegada.

Pablo García impónse na meta de Beiramar. Alba Villar

O sub23 madrileño superou aos cataláns Ferran Robert (Valverde Team) e Edgar Curto (Antiga Casa Bellosola), segundo e terceiro respectivamente. Pablo Álvarez (Gsport), Ramón Fernández (Supermercados Froiz) e o chileno Cristobal Ramírez (Previley), que entrou na recta final cunha lixeira vantaxe, completaron o sexteto de cabeza. O pelotón rematou 35 segundos máis tarde, encabezado polo holandés Timo de Jong (Telco’m), e con cinco ciclistas galegos entre os seus 45 compoñentes.

 O máis rápido entre os ciclistas que optaban aos maillots autonómicos foi o defensor do título elite. Roberto Mediero aproveitou o traballo do seu equipo para ocupar a 18ª praza na clasificación absoluta, batendo por dous postos ao tamén vigués Raúl González (Valverde Team). Terceiro entre os galegos da categoría raíña concluíu Ginés López (Team Oiense)e coa ‘medalla de chocolate’ tivo que conformarse Saúl López (Academia Postal-Maceda), vixente campión autonómico de XCO e ciclocrós.

Chegada do pelotón principal, con cinco galegos. Alba Villar

O dobrete do Froiz rubricouno Manuel Rodríguez, o outro galego que chegou no pelotón. Os seus acompañantes no podio decidíronse ao esprint nun grupo que terminou a 9 minutos e medio dos primeiros. Iván Feijoo (BH Templo) non puido revalidar título, pero conseguiu a medalla de prata impoñendo a súa punta velocidade ante Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e ás portas de pisar o caixón da súa categoría quedou Guillermo García (Team Farto).

Entrega de premios no podio, diante do Auditorio Mar de Vigo. Alba Villar

Máis alternativas

 O Campionato de Galicia resultou unha carreira máis difícil de controlar que a cita da Copa de España. Con 170 participantes en liza, a rápida saída desembocou nunha fuga de cinco ciclistas que se consolidou a partir do km 30. Edwin Torres (Aluminios Cortizo), Yago Segovia (Eolo Kometa), Raúl Bastida (Telco’m), José María Martín (Valverde) e Ignacio Rodríguez (Brocolí). Xuntos coroaron o Alto de Chenlo (km 74) e chegaron a gozar dunha renda respecto ao pelotón de case 5 minutos.

 Neutralizados á altura do km 100, a unidade no pelotón durou un suspiro porque na primeira ascensión ao Monte Alba destacáronse Joan Nicolau (Arabay) e David Piganzoli (Eolo Kometa). O balear e o italiano conseguiron unha renda de 2 minutos, unha vantaxe que se encargaron de reducir o Vigo-Rías Baixas antes da segunda subida ao Alba.

 Nas súas ramplas máis duras, ao paso pola parroquia de Chandebrito, Nicolau soltou a Piganzoli e comezou un pulso cun pelotón cada vez máis selecto que se decantou a prol dos perseguidores dentro dos últimos 20 quilómetros. O balear obtivo como recompensa a súa aposta a vitoria nas Metas Volantes do Polígono da Pasaxe e na clasificación da Montaña de Toyota Nipocar. Unha vez absorbido o ciclista do Arabay, sucedéronse os ataques ata que na fronteira entre Nigrán e Vigo saltaron os seis corredores que impediron un desenlace ao esprint como o do día anterior.