O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe na sede da Escola Galega de Administración Pública ao boxeador hispano-dominicano afincado en Vigo, José Gregorio Suero Martínez, máis coñecido como “a sombra Martínez” e que vén de proclamarse campión de España Profesional do peso Superwelter en Pamplona tras derrotar por konck out ao actual campión, o navarro David Soria.

 Lete Lasa gabou a traxectoria de José Gregorio que desde o seu debut profesional aínda non perdeu ningún combate e asegurou o seu convencemento de que “coas súas ganas e sacrificio diario” virán novos éxitos.

 Do mesmo xeito, tamén destacou no boxeo amateur a excelente actuación do hispano-cubano afincado na Coruña, Enmanuel Reyes Pla, no Aberto Nacional de Clubs celebrado en Los Alcázares (Murcia) onde acadou a medalla de ouro na categoría elite 91 kilogramos. Ademais, cómpre salientar que Enmanuel conta con opcións olímpicas para Tokyo.

 Neste sentido, enxalzou o excelente nivel do boxeo galego, agradecendo ao traballo da Federación Galega de Boxeo, representada na reunión polo seu presidente Manuel Planas. “De seguro que os mellores boxeadores saben do magnífico traballo que se realiza en Galicia cando deciden vir a adestrar e competir pola nosa comunidade”, sentenciou.