A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) presentou este mércores nunha reunión presencial que tivo lugar na sede federativa de Santiago de Compostela unha proposta aos 46 clubs da Preferente Galicia para comezar o campionato ligueiro o próximo 29 de novembro, un inicio de curso sempre supeditado á aprobación por parte da Xunta de Galicia do protocolo que presentará a RFGF, á evolución da pandemia e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias. Neste sentido, a RFGF confía en poder ter aprobado o protocolo a mediados deste mes para que así os equipos poidan ter esa marxe de seis semanas de pretempada antes de iniciar a competición.

Máis do 60% dos clubs da Preferente Galicia manifestaron este mércores durante a xuntanza presencial na sede federativa de Santiago de Compostela o seu desexo de comezar a tempada. O inicio está supeditado á aprobación por parte da Xunta de Galicia do protocolo que presentará nos próximos días a RFGF e á evolución da pandemia. A esta porcentaxe podemos sumar o 13% de clubs que teñen dúbidas e que optaron por non dar a súa opinión polo de agora, pero que tampouco se posicionan en contra de comezar a competición.

Así mesmo, os clubs manifestaron durante a reunión a difícil situación económica que están a vivir despois de moitos meses de inactividade, polo que piden ao Goberno Autonómico que flexibilice as medidas de prevención para poder facer fronte a determinados gastos.

A Federación recibiu o encargo dos clubs e xa está a traballar coa Secretaría Xeral para negociar esa flexibilización das medidas para o fútbol afeccionado e tamén algunha posible colaboración desde a Administración para que os clubs poidan facer fronte ao protocolo sen demasiadas dificultades.

Tamén quedou meridianamente claro que o fútbol galego é contrario ao uso da máscara na práctica do fútbol. O 100% dos asistentes votaron en contra do uso da máscara e prefiren medidas alternativas, pero sempre que non supoñan un custo engadido para as xa delicadas arcas dos clubs.

Novo formato de competición

A Comisión Deportiva da RFGF presentou aos clubs da categoría un novo formato de competición, adaptado ao novo escenario motivado pola Covid-19, xa que a primeira opción presentada resulta imposible de levar á práctica por falta de tempo.

Este novo formato, que foi aprobado pola maioría, contaría con tres subgrupos tanto na Zona Norte como na Zona Sur. Os Grupos A e B tanto do Norte como do Sur estarían formado por 8 equipos, mentres que o Grupo C tería 7 equipos.

Grupo Norte

O Grupo A desta Zona Norte estaría formado por 8 equipos da zona da Coruña, Ferrolterra e comarca de Bergantiños, o Grupo B tamén estaría composto por 8 clubs, neste caso da zona de Santiago, A Costa e O Barbanza, e o Grupo C tería sete equipos da provincia de Lugo.

Grupo Sur

Na Preferente Sur tamén haberá tres grupos: dous grupos de oito equipos (o grupo A da zona de Pontevedra e o grupo B da zona de Vigo máis o Moaña) e un de sete (grupo C), onde participarán os equipos ourensáns e o Caselas, que quedou encadrado neste Grupo C segundo os criterios establecidos pola RFGF (o primeiro, xeográfico; e o segundo, ao tratarse dun recén ascendido á categoría). Deste xeito, os calendarios de todos os grupos son homoxéneos.

Cada un destes subgrupos, tanto da Preferente Norte como da Preferente Sur, disputaría unha primeira fase a dobre volta (14 xornadas nos Grupos A e B e 12 no C) e os dous primeiros clasificados lograrían o billete para loitar polo ascenso na segunda fase. O resto de equipos pelexarían por evitar o descenso.

Cabe destacar que os clubs non empezarían a segunda fase con cero puntos, senón que a súa posición e puntuación dependería da clasificación obtida na primeira fase. Finalmente, os dous primeiros clasificados da fase de ascenso subirían a Terceira, mentres que catro equipos descenderían a Primeira Galicia. Nesa loita polo descenso establécense tres grupos, descendendo os tres últimos de cada grupo e un cuarto que se decidiría por criterio de deportividade entre os penúltimos dos dous subgrupos que teñen 6 equipos.