O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe o decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base en Galicia. Deste xeito, a norma entrará en vigor aos 20 días naturais desta publicación, substituíndo o anterior decreto que databa de 2004. Con este decreto, Galicia dá un importante impulso á protección do sistema deportivo do país, convertendo a súa nova norma nunha das mais actuais e completas do Estado. O apoio e á atención integral aos axentes deportivos -coa figura central do deportista- refórzase así neste novo sistema que avanza en recursos, en medidas e en destinatarios. A nova regulamentación abarca un marco máis garantista e completo, aberto ao conxunto dos axentes deportivos -ademais dos propios deportistas- e atento ás distintas demandas do sector, como é, por exemplo, a fase da retirada competitiva.

Deste xeito, o decreto regula o deporte de alto nivel de Galicia -práctica deportiva de interese para a Comunidade Autónoma polo estímulo que supón para o fomento do deporte base, pola súa función representativa da Comunidade Autónoma nas competicións deportivas oficiais do máximo nivel, nacional e internacional, e por estar dirixida á obtención dos máximos resultados- e, como principal novidade, regula tamén o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-.

O novo decreto establece asemade o catálogo de dereitos e obrigas dos axentes deportivos recoñecidos nas distintas categorías como dereitos de carácter educativo, laboral ou económico que inclúen importantes vantaxes con respecto á norma vixente; así como o procedemento e requisitos establecidos para o recoñecemento de deportistas e tamén a técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, como novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Maior atención, maiores facilidades

De forma xenérica cabe destacar que a norma publicada simplifica os procedementos (o recoñecemento poderá solicitarse en calquera momento do ano), modula vixencias (o recoñecemento poderá ser vitalicio en determinados supostos), e, entre outras novidades, prevé supostos de prórroga da condición (inactividade por lesión, supostos de embarazo, nacemento de fillo ou adopción).

Cabe tamén salientar o recoñecemento aos centros de alto nivel deportivo e ós núcleos de adestramento especializados. A rigorosidade requirida polos adestramentos e os estilos de vida dos deportistas que participan das mais esixentes competicións, fan necesaria unha rede de centros, instalacións e medios que optimicen os seus esforzos e garantan a súa preparación. Con este fin, o novo decreto resolve a protección destes centros que se consideran agora como de interese deportivo estratéxico para a comunidade. Entre estes centros, destaca nomeadamente ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva que pasa a recoñecerse como centro de alto nivel.

A creación da Oficina de Atención ao Deportista é tamén unha das novidades máis importantes. A oficina ten por obxectivo ofrecer asesoramento sobre recursos e servizos para o desenvolvemento integral do deportista, durante e despois da carreira deportiva (formación, inserción laboral, conciliación laboral-deportiva e académico-deportiva...). A posta en marcha da oficina correrá a cargo da Fundación Deporte Galego.

O deporte galego de alto nivel

Galicia conta con 521 deportistas de alto nivel (212 mulleres e 309 homes, sendo 17 deles correspondentes a modalidades de deporte de persoas con discapacidade), o maior número dende o inicio do programa.

Dende a entrada en vigor do anterior decreto de alto nivel, no ano 2004, o alto nivel deportivo viviu un desenvolvemento exponencial en Galicia. A norma foi un punto de inflexión nunha política deportiva que se comprometía de forma máis directa co apoio aos deportistas, xunto aos clubs e federacións. En desenvolvemento desta norma, implementáronse as bolsas para os deportistas galegos de alto nivel que anualmente, e dende a súa creación (2005), supuxeron un investimento directo e total de mais de 5.225.000 euros, beneficiando a cerca de 800 deportistas.