Leva en Vigo uns poucos meses, pero xa se pode afirmar que Fran Beltrán é un xogador especial. Dentro e fóra do campo. Sobre o verde, está mostrando unha madurez impropia dos seus 19 anos, amais dunha calidade máis que salientable. Na rúa e nas redes sociais tamén sorprende, neste caso polo seu interese polo galego. É un caso extraordinario, o dun xogador que pode manexarse perfectamente en castelán na cidade e que opta por intentalo en galego.

"Gústame chiar en galego para ter máis proximidade coa afección e devolver o cariño que me está a dar", explicaba o xogador madrileño nunha entrevista na Radio Galega. Dende que chegou ao Celta adoita utilizar o idioma do país na súas mensaxes en Twitter, para o que bota man do tradutor automático e da axuda dalgúns amigos galegos que ten.

Agora quere subir un chanzo máis e está a estudar para poder manter unha conversa. Por exemplo, admitiu que lle gustaría ter contestado á esa entrevista radiofónica no mesmo idioma no que lle facían as preguntas. Nese senso, insistiu una idea de que iso pode facilitar unha mellor conexión co público, o que redundaría tamén en mellores prestacións no campo. En xuño haberá que lle facer exame non só ao seu rendemento no campo. Por actitude seguro que non vai ser.