09 de enero de 2017
09.01.2017
campo do fragoso

Aspas asombra

"Desde os tempos de Mostovoi o Celta non contou cunha figura tan luminosa como a do incrible Iago Aspas"

09.01.2017 | 01:37
Iago Aspas celebra un gol ante el Málaga. // Ricardo Grobas

Dende os tempos de Alexander Mostovoi, hai agora dúas décadas da chegada a Vigo do noso tsar, o Celta non contou cunha figura tan determinante e luminosa como a do incrible Iago Aspas desta tempada. O Merlín de Moaña, o mago do Morrazo, ou como queiramos alcuñalo, vive o momento máis extraordinario da súa carreira, tanto pola súa capacidade para marcar, que o sitúa a esta altura como o mellor goleiro seleccionable para Julen Lopetegui, cos mesmos tantos que Cristiano, apenas un por baixo dos de Messi e Luis Suárez, como pola confianza contaxiosa nas súas propias posibilidades, o que lle permite na lameira liderar ao equipo, intentar o máis difícil e non dar nunca unha bóla por perdida.

Onte Aspas volveu asombrar. Meteu un gol espectacular e participou de forma determinante nos outros dous, facilitando ao Celta unha vitoria (aparentemente) cómoda fronte a un bo Málaga do debutante "Señor Gato". Á estrela celeste fixéronlle falta apenas seis minutos para aproveitar unha diagonal de trinta metros de Jonny, froito dunha recuperación no centro do campo do defensa de Matamá. Iago soubo conducir en carreira coa esquerda, levar ao rego ao seu marcador e sentar a Kameni xusto no momento en que mudou a bóla de perna para xutar e superalo con facilidade. Un contraataque marabilloso de toque, carreira, caneo, xute e gol. Un gol cen por cen da canteira galega que abría a táboa de marcas e que condicionou o devir do partido.

Certo é que no minuto 18 o árbitro non viu, tras un remate de Guidetti, unha clara man de Diego Llorente na área andaluza, o que podería ter pechado o que foi unha saída preciosa do cadro de Eduardo Berizzo. Mais bó e recoñecer que a partir de entón os visitantes nunca tiraron a toalla e o partido se foi igualando, con oportunidades en ambas as dúas portarías e un xogo combinativo ben xeitoso para a bancada. Nestes ires e vires ao Málaga sobroulle xogo e faltoulle fortuna no remate, tanto nas chegadas do seu goleiro Sandro como na cabezada de Mikel Villanueva desviada por Rubén Blanco nunha das súas mellores paradas da tarde.

Tras a reanudación o panorama no mellorou para o Celta, que sufría máis do previsto, obrigado polo Málaga a repregarse diante da súa portaría. Xaora, no minuto 60 volveu aparecer a afouteza de Aspas. O noso internacional pelexou unha pelota na frontal da área que enviou á esquerda, onde Bongonda centrou ao primeiro toque agardando a chegada de Wass dende a segunda liña para que o dinamarqués marcase case a pracer. Un gol decisivo no partido, xerado por Iago a partir dunha pelexa a cara de can cos seus defensores. Como magnífica foi tamén a súa participación no terceiro, aos 73 minutos, sacando unha falta moi rasa que, despois dun erro clamoroso de Cabral, Andrés Fontán enviou ás redes dende a área pequena. O partido semellaba pechado, mais como sucede decote no treito final non faltou o agasallo celeste, desta volta un autogol de Wass, que cabezou un saque de falta que levaba veleno. Un gol que facía xustiza ao esforzo dos malagueños que pouco minutos antes tiveran un deses goles que semellan feitos, abortado in extremis por un Rubén Blanco, cada vez máis seguro e valente nas súas intervencións.

Ademais da gran tarde de Aspas, que como un líder indiscutible do equipo soubo marcar o ritmo de xogo, acougando ou acelerando cando era preciso, tamén estiveron a un gran nivel Radoja e Wass, dous xogadorazos que medran en cada partido. Outra das claves desta tempada excelente na que o Celta de Berizzo continúa con magníficas expectativas nas tres competicións nas que participa. Mellor non se pode comezar un ano de ilusión para o celtismo.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

LaLiga

Otra igualada lucha por la gloria

LaLiga 1|2|3 ha llegado al final de la primera vuelta, ¿cuánto sabes sobre ella? Haz el test y compruébalo