Tras as actuacións desta semana no Amsterdam Arena e no Municipal de Balaídos, John Guidetti recuperou o seu protagonismo como dianteiro pelexón e rematador implacable, o que continúa situando entre os xogadores máis agarimados e valorados polos siareiros e siareiras. Diante dun Valencia, moi intenso e comprometido na presión, o internacional sueco situado como dianteiro centro tocoulle batallar con dous centrais moi difíciles, como o congolés Eliaquim Mangala e o arxentino Ezequiel Garay, con quen nunha das súas carreiras intentou na primeira parte forzar un penalti, transformado por Clos Gómez decontado nunha tarxeta amarela para o noso nove. Mais Guidetti, dificilmente esquecerá o momento glorioso que para el supuxo na segunda escoitar a todo o orfeón de Balaídos agradecerlle o seu golazo, un caroliño de cabeza que valeu tres puntos.

E non foi doada a vitoria para un Celta que nunca tivo a pelota até a entrada na lameira de Marcelo Díaz, que substituíu faltando apenas vinte minutos a Radoja lesionado. É innegable que o medio campo do Valencia aseñorou boa parte do partido, mentres o Celta onte algo confuso e desequilibrado trataba de apurar as accións de fútbol directo sobre Aspas e Guidetti. Durante a primeira media hora só os acertos moi notables de Rubén Blanco, que recuperaba a continuidade baixo os tres paos, e os desacertos de Rodrigo Moreno e Nani diante da porta, permiton os celestes aguantar a cero a táboa de marcas. Porén, foi un agarrada inxenua de Costas sobre Rodrigo, despois de que o brasilego rematase (fóra), a xogada que facilitou que Clos sinalase penalti e permitiu que o Valencia se adiantase.

No entanto, a pesar de non contar co balón, ao que non foron alleas as baixas de Orellana e dos centrais habituais, o Celta arrepúxose decontado grazas ao empate de Roncaglia nunha xogada individual memorable. O internacional arxentino, na área rival, recuperou de cabeza o balón entre dous defensas e baixouno ao pé, cun recurte de tacón de auténtica fantasía sentou aos seus defensores para logo encarar a porta e xutar coa zurda sobre o pao longo superando a Alves, que non puido cheirar semellante xenialidade dun defensa. Un gol para enmarcar que faltando apenas dous minutos para o descanso sabía a gloria e metía ao Celta outra vez no partido.

Tras a reanudación o Valencia volveu intentalo con todos os medios atacantes dispoñibles, mesmo coa entrada en xogo de Munir e Santi Mina, que no seu regreso a Balaídos foi recibido con moitos apupos. Nesa nova angueira, o cadro che volveu petar co acerto de Rubén Blanco, que desviou a man mudada un remate de Nani que vimos dentro. Xaora, a lesión de Radoja revirou no 69 o devir do partido. A entrada para substituílo de Díaz foi decisiva para que o Celta dese un pase adiante e por fin ordenase o seu xogo. A dirección do chileno notouse decontado para que os celestes comezasen a chegar a área de Alves. Daniel Wass puido marcar de gol olímpico nun saque de recanto. Mais no seguinte, o dinamarqués fíxoo en curto sobre o Chelo para que este chegase a liña de fondo e dende alí centrase con luva de seda para que Guidetti caendo de chapa cabezase sobre a rede. Unha xogada desas ensaiadas tantas veces na Madroa, resolta cunha precisión e unha beleza abraiantes, que deixou a bancada paralizada durante uns segundos.

Coa táboa de marcas por diante, o cuarto de hora final semellaba interminable. Porén, a firmeza da batuta chilena e a seguridade do cadeado de Mos na portaría, abondaron para manter a remontada nos minutos agónicos. Certo é que o Celta non fixo o mellor partido desta tempada, mais é innegable que marcou dous goles de alta escola, que tolearon a un rival que concibiu o partido como unha auténtica final para saír da súa crise outonal. Unha semana na que Guidetti puido dirixir o seu blues.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gamail.com