En poucos estadios como no vello Balaídos pode experimentarse mellor que a ledicia e a decepción sexan emocións que xogan en idéntico terreo, capaces de mudar de bando en apenas uns minutos. Os celtistas comprobámolo o pasado sábado, nun partido moi gozoso durante oitenta minutos, nos que os de Berizzo marcaron tres golazos, mais que foi moi inquedante nos dez derradeiros, cando o fantasma da igualada eibarresa axexaba a porta do noso gato de Catoira. Nada extraordinario, xa que todo o celtismo hai tempo que asumiu que o sufrimento forma parte do ADN dunha afección que sabe encaixar con prudencia as vitorias e sen resignación as derrotas.

Xaora, cómpre recoñecer que os dous goles do Eibar en apenas tres minutos, o primeiro no 83, tras un penalti inocente e innecesario de Sergi Gómez, e o segundo no 86, tras unha xenialidade do xaponés Inui, que cruzou un xutazo dende fóra da área, provocaron unha lipotimia no equipo de Berizzo, un esvaecemento transitorio que por desgraza xa coñeceramos en partidos anteriores. Non é doado esquecer a vertixe dos minutos finais co Levante (4-3), os iniciais da segunda parte no Camp Nou (1-6) ou os fatídicos da reanudación do partido de Sevilla (0-4) que pecharon as portas da final de Copa. Momentos de procrastinación na lameira e nervios na bancada, provocados quizais polo cansazo, pola inercia do resultado ou como sucedeu o sábado froito das desgrazas inherentes ao propio xogo diante dun rival que non se dobregou.

Máis eses minutos difíciles de desconcerto non poden cuestionar nin o gran partido do sábado nin a magnífica tempada dun Celta capaz de arrepoñerse ás dificultades, que con trece xornadas por diante case conseguiu o obxectivo da permanencia e aspira polos méritos do seu xogo e da súa envexable situación na táboa de marcas a algunha das prazas da competición europea. E foi ese o obxectivo co que saíu de forma case obsesiva a disputarlla ao Eibar, un rival directo, despregando un marabilloso xogo ofensivo, no que moito brillaron as parellas atacante, Aspas e Guidetti, e a de mediocampistas chilenos, Díaz e Hernández, ambas as dúas dispostas a pasar á historia celeste.

O dianteiro sueco soubo facerse un oco no cadro de gala e gañou decontado o afecto e admiración da bancada. A súa intensidade infatigable, a súa colocación para deseñar liñas no espazo baleiro, a súa facilidade para asociarse co xenio de Moaña, a súa capacidade de definición no momento decisivo, como a súa sintonía inmediata co corazón celeste fan de Guidetti un xogador imprescindible a esta altura do campionato. Demostrouno nas oportunidades que tivo na copa, recuncou co Eibar, con dous golazos e con outra actuación memorable, convertíndose cun Aspas, cada vez máis maduro, intelixente e xeneroso, nun dos xogadores máis destacados. Mais outro tanto sucede con Marcelo Díaz, un mediocampista de espírito discreto que en apenas tres partidos deulle ao equipo o acougo e a fluidez que precisaba nunha condución ofensiva, na que conta co soporte do traballo teimoso do Tucu Hernández, para min outra das claves desta tempada celeste.

Con estes vimbios o Celta foi o sábado un ciclón de xogo ofensivo, que non deu opción ao rival durante oitenta minutos nos que a bancada gozou das oportunidade dun equipo a tumba aberta, capaz de entrar tanto polas bandas, sobre todo a de Bongonda e Jonny, como abrir buratos polo centro. Así chegaron os goles, todos os tres de excelente fasquía, aínda que foron memorables o xute de Jonny dende o vértice da área e o que culminou Guidetti tras un pase da morte de Mallo que recibira na liña de fondo outro de Wass. Goles cantados pola bancada como merecían. Endebén, pagou a pena gozar e (tamén) sufrir apoiando a este Celta que continúa enganchado no corno da lúa.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com