Lembraremos a derrota de onte contra o Athletic Club como o encontro da despedida de Augusto Fernández, un xogador que en tres tempadas e media, pouco máis dun cento de partidos, gañou un espazo de seu no cadro da memoria dos celestes imprescindibles. Futbolista honrado e estudoso, técnico e físico, reflexivo e afouto, o capitán era o home de Berizzo na lameira. Augusto era no Celta de Berizzo ese xogador de presenza invisible que se ocupaba de que o equipo nunca perdese nin a súa forma táctica nin as pulsacións emotivas precisas en cada tempo do xogo. Reconvertido dende a súa posición na banda dereita á de medio centro defensivo, unha decisión luminosa do Toto na pasada tempada, Augusto forma parte con todo merecemento dese grupo de celestes de auténtica lenda, que ocuparon esa posición esencial como Mazinho, Makelele ou Borja Oubiña. Cando foi substituído no ocaso do partido, recibiu a lóxica gratitude de todo Balaídos.

Mágoa que a despedida do noso capitán fose tan amarga nun partido fronte a un Bilbao rochoso e moi marrulleiro que dende os minutos iniciais propuxo ao Celta unha longa e moi dura batalla de desgaste no centro do campo. Coa excepción da ausencia de Nolito, Berizzo dispuxo o seu equipo de gala que durante a primeira parte intentou atopar por activa e por pasiva as fendas a un rival moi duro de roer, capaz de defenderse e de buscar na velocidade de Iñaki Williams ou na veteranía de Raúl García e Aduriz a súa oportunidade.

Na batalla por dirimir quen perdía a súa posición e gañaba superioridade, a mobilidade de Wass e Orellana facilitaron no Celta o xogo combinativo que procuraba a construción do espazo do baleiro. Transcorrido un cuarto de hora, Aspas inventouse unha das súas xenialidades, un pase vertical de tiraliñas que Wass non agardaba. Pouco despois o Celta adornouse nunha xogada preciosa na que participaron media ducia de xogadores, mais que Orellana malogrou cunha cabezada insuficiente na área pequena. Fieis ao seu espírito os de Berizzo intentaban construír con orde unha e outra vez, mais non atopaban a agulla de marear a un Athletic que aproveitando a súa superioridade nesa batalla física da presión no medio do campo chegaba tamén con facilidade diante de Sergio.

Tras a reanudación, as cousas non melloraron para o Celta que recibiu dous avisos moi serios, primeiro nun longueirazo de Raúl García e despois nun remate de Aduriz ao pao. Dúas accións que demostraban que os leóns estaban dispostos a levar os dous puntos á Catedral. Secomasí, o partido transformouse nun irevir dunha a outra portaría, cheo de faltas e interrupcións, o que foi agotando e desconcentrando aos celestes. Nunha desas accións, unha perda de Orellana, apenas un borrón do poeta, que como sempre estivo incansable, que non foi ben cuberta por Sergi Gómez, facilitou que Aduriz centrase sobre Raúl García e este superase con facilidade a Sergio. Unha xogada moi desafortunada dos celestes que desequilibraba unha batalla até entón moi igualada. Nin a entrada na lameira de Guidetti nin de Radoja, que substituíron a Tucu e Augusto, onte ambos os dous moi discretos, achegaron solucións a un equipo que quedara agotado por un intercambio tan brutal de centrocampismo. Xaora, faltando apenas dez minutos, Hugo Mallo tivo nas súas biqueiras o empate, enviando un balón ao longueiro. Mais os ventos non semellaban propicios onte para que marcasen os celestes.

Unha derrota, probablemente merecida, que non pode empañar un ano extraordinario para o equipo de Eduardo Berizzo, tanto polo final da tempada pasada como por esta asombrosa primeira volta en posicións europeas. Así o entendeu a bancada despedindo xa con saudades a Augusto Fernández, que polas extrañas regras desta competición, poderá enfrontarse en apenas dez días aos compañeiros do que foron as súas cores.

Escríbe ao meu correo electrónico